Semana do libro!

A semana do 22 ao 26 de Abril celebramos a Semana do libro no noso cole! Fixemos un mural relacionado coa temática anual, "Unha ventá aberta ao mundo", que leva por título "Un conto a bordo". Neste mural amosamos as diferentes procedencias de contos e historias moi coñecidos polos nenos e nenas  cun mapa que conecta, mediante fíos, as maletas da orixe dos contos e a súa portada correspondente, decorados por todos os cursos do centro escolar.

 

 

Ademais, as titoras levaron a cabo diferentes actividades relacionadas con esta conmemoración, como marcapáxinas, decoración para as portas da aula...

  
3 anos A
 
 
5º 
 

 

 

 
 
Tamén na biblioteca os nenos e nenas participaron nos Retos da biblioteca, un xogo de buscar pistas nos libros da biblioteca, nas estanterías ou nas paredes do noso cole, para coñecer un pouco máis os nosos recursos e como nos poden axudar a buscar información sobre un tema de interese. Levaron de agasallo un libro reciclado dos que damos de baixa da biblioteca escolar cada curso. 

 

 

 

                           
 

 

 

 

 

 

 

 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

E para rematar, o venres os nenos e nenas de 2º e 3º de EP tiveron un obradoiro de poesía con Claudia Castro! 

 

 

 



 

 

 

 

PROGRAMA NAVEGA CON RUMBO

Navega con rumbo é un programa encamiñado a guiar ao alumnado cara unha navegación segura, favorecendo o uso responsable de internet e das redes. 

O alumnado de 5º e 6º de primaria tivo a oportunidade de asistir a unha charla deste programa o pasado 29 de abril.

Da man de Kike Agrasar (enxeñeiro de Software e mestre en Formación Profesional en Ciberseguridade) tratáronse aspectos como:

- Que é Internet (a única rede de ordenadores do mundo) e que é un sistema informático (conxunto de hardwares, softwares e persoas).

- A importancia de protexer os equipos electrónicos: información cifrada, contrasinais seguros...

- Consecuencias do uso excesivo das novas tecnoloxías nas persoas máis novas: insomnio, problemas de escritura, de linguaxe...

- A tecnoloxía afecta á bioloxía, ao noso corpo e ao estado de ánimo. Debemos usar as novas tecnoloxías pero con limitacións. Debemos vivir o mundo real para entreternos, non o mundo virtual.

En definitiva, o alumando familiarizouse con novos conceptos relacionados coa navegación segura e todos nos quedamos con un dato ben curioso que descoñeciamos: no 2023, España foi campioa no mundial de hackers!  

OBRADOIRO DE POESÍA CON CLAUDIA CASTRO

Este venres, 26 de abril as alumnas e alumnos de 2º e 3º E.Primaria participaron nun obradoiro de poesía impartido por Claudia Castro, autora do libro de poemas "Galicia, o país das marabillas".

Este é o segundo ano que nos visita a escritora e, unha vez máis, o alumnado quedou encantado co seu taller.

Moitísimas grazas Claudia por compartir esta mañá connosco!!

Estas fotografías corresponden ao obradoiro impartido ás nenas e nenos de 2º EP. 

        

 

       

Ao rematar, leváronse un mural para a súa clase moi fermoso, onde colocaron os collages que elas e eles fixeron durante o obradoiro. 

 

Estas fotografías son do obradoiro de 3º A:

  

Estas fotos son do obradoiro de 3ºB:

  

Estampación de flores en tela co alumnado de Infantil

Para recibir á primavera, este mes de abril na Biblioteca escolar realizamos un taller de estampado con flores en camisetas cos nenos e nenas de Educación Infantil, dentro do programa de Bibliotecas Creativas.

Esmagando flores e follas coa man dun morteiro, tintamos de forma natural a tela, e todo quedou impregnado do aroma das flores! 

Moitas gracias ás mestras de Infantil pola colaboración neste taller! Podedes ver a publicación no blogue da biblioteca, PREME AQUÍ

 

 

 
 
 

 

 

 

LISTAXE DE ALUMNADO ADMITIDO PARA O CURSO 2024-2025

 

 

No taboleiro de anuncios do centro están publicadas as listaxes de admisión para o curso 24-25.

ACTIVIDADE DÍA DO LIBRO_2024

O alumnado do ciclo de Educación Infantil da EFA Piñeiral estarán contando e lendo contos para os máis cativos na Biblioteca municipal Rosalía de Castro, os días 22,23,24 e 25 de abril (de luns a xoves) de 16:00 a 17:00 h. 

Animádevos a participar nesta actividade!!

SD COMPOSTELA

O alumnado de Educación Pimaria tivo a sorte de recibir no salón de actos ao dianteiro centro do SD Compostela, Manu.

Tiveron a oportunidade de coñecer máis cousas sobre o deporte profesional da man deste xogador ademáis de falar dos beneficios que ten o deporte.

 

 

Entre outras, fixéronlle as seguintes cuestións: desde cando xoga profesionalmente, cantos anos leva neste club, cal recorda que foi o seu mellor e peor partido desde que xoga profesionalmente...

Para rematar, a cada neno e nena entregáronlles unhas entradas para o vindeiro partido do SD Compostela máis unha pulsera como agasallo.

Moitas grazas a Manu e Miguel!

O ALUMNADO DE 3º E 4º DE EDUCACIÓN PRIMARIA VISITA O MUSEO DO CASTRO DE VILADONGA

Este luns 15 de abril o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria visitou o museo do Castro de Viladonga situado en Castro de Rei (Lugo). Alí, organizamos por grupos, fixemos catro actividades: 

Visualizamos un vídeo sobre a historia do castro e dos materiais atopados nas excavacións. 

Tamén, participamos nun obradoiro de cerámica. Cada neno e nena tivo que modelar un anaco de barro e decoralo con cenefas semellantes ás atopadas nas vasillas do castro. 

Visitamos cunha guía a croa do castro de Viladonga, así como as súas murallas e fosos. Puidemos ver as diferentes construcións de pedra atopadas ata agora, como vivendas, almacéns... Grazas a esta visita coñecimos como vivían as persoas nos castros.

Ademais, visitamos o museo do castro e coñecimos máis sobre el a través dun xogo de preguntas. Por parellas, tivemos que buscar a resposta a unha serie de preguntas dun cuestionario. 

 

 

O ALUMNADO DE 4º EP VISITA O MUSEO DO POBO GALEGO E O CASCO ANTIGO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Este mércores, 20 de marzo, o alumnado de 4º EP visitou o Museo do Pobo Galego.

 

 

Despois de escoitar as indicacións da nosa guía, repartímonos en seis grupos e, mediante un xogo de pistas, fomos percorrendo as distintas salas do Museo para buscar a resposta ás preguntas que aparecían no formulario que se nos entregou. Logo de facer a busca, reunímonos no punto de encontro e fixemos unha posta en común.

  

 

Máis tarde, achegámonos ata a escaleira helicoidal deseñada por Domingo de Andrade e puidemos admirar a súa beleza. Comprobamos que moita xente quere vela porque é unha escaleira que conta cuns trescentos anos de antigüidade e que sorprende polas súas tres ramplas entrelazadas.

 

Ao rematar a nosa visita ao Museo, entramos na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval para visitar o Panteón de Galegos Ilustres. Alí fixémonos unhas fotos diante do sepulcro de Rosalía de Castro e do sepulcro de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e puidemos comprobar que hai máis persoeiros destacados de Galicia alí enterrados. 

  

Cando saímos do Museo, fixemos un percorrido polo casco antigo de Santiago e desfrutamos observando as gárgolas que coroan o alto de moitos edificios antigos da cidade, como o Hostal dos Reis Católicos ou a Igrexa de San Martiño Pinario, entre outros.

 

Foi unha mañá que nos cundiu moito e na que aprendemos unha morea de cousas novas. 

MARÍA CANOSA VISITA O CEIP DE ARZÚA

Este venres, 15 de marzo, María Canosa achegouse ata o noso centro para ter un encontro coas nenas e cos nenos de E.Primaria. Co alumnado de 1º e 2º falou do seu libro "Unha fábrica de bicos"; co de 3º, de "Lobo Ramón"; co de 4º, de "Rubicundo"; e, co de 5º e 6º, de "Muriel". 

Durante cada sesión, puido contestar as súas preguntas e desvelar algúns misterios como: en quen se inspirou para escribir o libro, de onde sacou o nome do personaxe principal, cantos libros leva publicados, o motivo polo que escolleu un oficio tan estrano para o protagonista... Ao final tivo un momento para asinar os exemplares de cadaquén. 

Moitas grazas María por compartir esta mañá con nós!!

   

  

  

  

Powered by Drupal - Design by artinet