Club de ciencia

Observando vexetación do centro. Pensamos o tema que imos escoller para o día da Ciencia na Rúa

 

Desde o inicio de curso temos presente, como cada ano, que cómpre preparar a nosa participación no Día da Ciencia na Rúa, que se celebra no contorno da Casa das Ciencias a principios de maio. Andamos observando a vexetación do noso centro, xa que a temática que escollemos para presentar á xente que queira pasar pola nosa haima na romaría científica está moi relacionada co mundo das plantas... Neste caso estivemos observando os cambios de coloración nas follas do Ginkgo biloba que temos no centro. 

Xa vos contaremos máis. En todo caso, agardámosvos o día 4 de maio en Santa Margarita!

Cristalización de sulfato de cobre

Outro experimento que nos ocupou algúns recreos foi preparar disolucións de sulfato de cobre para observar a súa cristalización. O sulfato de cobre ten unha fermosa coloración azul e, como puidemos comprobar, se deixamos medrar os cristais con suficiente espazo, tempo e repouso, fórmanse uns cristais triclínicos característicos moi semellantes aos dun romboedro.

Mirando polo microscopio

Microscopio

 

Unha actividade que nos gusta moito é observar ao microscopio diferentes mostras. Aquí estamos a examinar unha mostra de  auga estancada que contén protozoos e algas microscópicas. De seguro repetiremos a experiencia ao longo do curso!

Visualizamos o efecto da presión atmosférica

Os primeiros días no laboratorio servíronos para tomar contacto e familiarizarnos coa metodoloxía de traballo. 

Un dos nosos primeiros experimentos está relacionado co concepto de presión. Puxemos unha vela acendida nun recipiente con auga tinguida de azul. Tapamos a vela cun tarro transparente e ao cabo dun anaco esta apagouse, xa que consumira todo o osíxeno dispoñible. Observamos como a auga comezaba a entrar no recipiente pola parte de abaixo, debido a que alí diminuíra a presión con respecto da presión atmosférica. 

Periscopio

No laboratorio de Ciencias estivemos a crear e probar un periscopio, un obxecto que nos permite observar desde posicións ocultas: aquelo que está “á volta da esquina” ou a un nivel de altura moi por riba dos nosos ollos, por exemplo. Para elo empregamos tetrabricks de leite, dous espellos e materiais para decoralo. A construción resultou relativamente sinxela: nos extremos dos bricks de leite situamos dous espellos en paralelo, nun ángulo de 45 graos e listo! Aquí vos deixamos unhas fotos do resultado final

Ciencia no Baxoi!

 

Ola! Somos o alumnado e profesorado do CPI Castro Baxoi, que este ano decidimos comezar a andadura dun Club de Ciencias. A través da web do centro e das nosas redes sociais compartiremos con vós cada experimento e cada nova aprendizaxe.

E aquí estamos, precisamente, unha representación do alumnado de secundaria pertencente ao Club, redactando estes contidos. Agardamos que sexan do voso interese Sorriso

Benvidos e benvidas! 

Distribuir contido