Charo Bellot lembra os inicios do teatro do MGB.

Entrevista a Charo Bellot (31 de Marzo de 2009)

Charo Bellot
 
P: Durante a súa docencia no centro levou a cabo una intensa labor teatral. De onde xurdiu a súa iniciativa?
Charo Bellot: Sempre me gustou moito. Desde nena sempre fun moito ao teatro. Entón, cando empecei a dar clase no curso 1969-1970, non empecei a facer un grupo de teatro porque aínda non estaba fixa, e non sabía canto tempo iba a estar no centro, pero sempre me apeteceu. Así que no ano 1971 empecei a facer xa teatro e formamos un grupo que se chamaba "Tinglado" e comezamos a facer representacións.

P: En que anos se levou acabo?
Charo B.:Entre os anos 1971 e 1984.

P: De onde sacaba o tempo para esta actividade
?
Charo B.: Antes había clase pola mañá e pola tarde tódolos días, e os rapaces tiñan que comer aquí na Estrada., xa que non lle daba tempo a ir a casa e voltar. Dende que acababamos de comer, de tres a catro, ensaiabamos tódolos días. Iso é algo que hoxe non se podería facer.

P: Como foi a experiencia de traballar con adolescentes?
Charo B.: Eso fixeno ao longo de toda a miña vida, a verdade que moi satisfactoria, concretamente no teatro. Á xente que ten algún problema de timidez, de saber estar, ou pouca seguridade en sí mesma, isto vénlle moi ben.

P: Qué pensa que lle puideron aportar os alumnos co seu traballo?
Charo B.: Os alumnos sempre che aportan moitas cousas, en calquera tipo de actividade. Con eles aprendes a coñecer a xuventude, ser sempre máis nova do que realmente se é. Estar ao tanto do que é a xuventude e aprender as novas maneiras de ser da xente nova. E moita satisfacción porque ves que co que estás a facer a xente divírtese, reláxase, atópase a sí mesma...

P: Que pensa que lle puido aporta vostede a eles?
Charo B.: Ensinarlles a ler, a estar... e sobre todo a traballar en grupo, aínda que sempre hai problemas; a puntualidade...eso velo co día a día pero cando xa pasan os anos realmente o queda é o bó.

P: Prefire o traballo na aula ou ao mando dun esceario?
Charo B.: Aínda que é difícil decidilo, penso que a miña satisfación maior foi na aula, exercendo como profesora de sociais, moi concretamente ensinando Historia da Arte.

P: Das obras nas que participou, cal acadou un maior éxito?
Charo B.: Depende que entendamos por éxito, porque con "La excepción y la regla" e con "La Lección" gañamos o 3º e 1º premio nun concurso provincial de teatro. Estas tiveron moito éxito. Aínda que tamén "Anxélica no umbral do ceo" foi, quizais, ca que tivemos máis éxito, xunto con "Unha petición de man". Son unhas obras máis ben curtas e foron das que acadaron maior éxito. De feito outros profesores repuxeron "Anxélica no umbral do ceo", esta levouna acabo o profesor Lourenzo, e Fuco (profesor do centro Antón Losada) "Romance de Micomicón e Adhelala" que anteriormente traballou comigo como actor.

P: Voltaría ao mando dun grupo teatral?
Charo B.: Si, encantaríame, ademáis agora que estou xubilada...(risas)

P: Gustaríalle voltar co mesmo reparto de actores cos que traballou naquel entón?
Charo B.: Si, pero é bastante difícil, porque cada un está nun lugar diferente, pero non me importaría volver a facelo.

P:
Pensa que é o teatro unha boa opción para mellorar o compañeirismo entre os alumnos?
Charo B.: Si, sen dúbida. Non hai máis que ver as obras que este ano se fixeron aquí, que asistín ás dúas, tanto "Diálogo entre numeros primos e a liberación da potencia" e por suposto "Dormes?" pareceronme unha pasada. O teatro inflúe no compañeirismo aínda que calquera actividade en grupo favorece o compañeirismo.


P:Conserva algún recordo especial da súa labor nas obras?

Charo B.: Si. A obra de "Aventuras e desveturas dunha espiña de toxo chamada Berenguela" representamola en Vigo e cando voltabamos para a casa paramos nunha discoteca, chegamos as dúas da mañá a casa, e claro, naquel tempo non había móviles e os pais estaban un pouco desesperados, porque as cousas no eran coma agora. E despois, co "Romance de Micomicón e Adhelala" que é unha fantasía, e o protagonista é un xigante e comeza a ser bó, e nun momento de camibo estaba un dos protagonistas no escenario e caeronlle os pantalóns ao chan.


P: De que representación quedou máis satisfeita?

Charo B.: Quizais da que quedei máis satisfeita foi de "La lección" porque eu sabía que a obra estaba moi ben, e a interpretación era moi boa, pero nunca me imaxinei que nos iban dar un premio. Tamen é certo que era moito máis fácil de dirixir porque tan só contabamos con tres actores, que eran realmente bos. E tamén se prepararon obras nas que ensaiamos máis dun ano pero por diversos motivos non as puidemos expoñer; unhas porque o director do centro non estaba e a nos gustaríanos que estivese presente; outras porque ao director non lle pareceu apropiado...