Por unha educación do benestar universal

Se falase de ti non pronunciaría
                                                        as sílabas supremas
pero bicas ben e gústame estar contigo.

Delicia, de Yolanda Castaño, poden encontrarse en Erofanía. Triloxía poética (1995-1998)

 

 

Con este número 86 da revista Eduga, cúmprense 30 anos desde a súa fundación. O paso do tempo, o cambio de persoas e formatos, non mudou o seu propósito principal: a divulgación científica dos saberes relacionados coa educación e, sobre todo, servir de canle de difusión das investigacións e experiencias dos docentes galegos. Un longo tempo, entón, para unha publicación que nunca se desviou do seu obxectivo inicial e que seguiu crecendo ao longo dos anos coa incorporación de novas seccións e pestanas.

É tarefa desta dirección agradecer aos seus antecesores e aos seus centos de colaboradores a súa fidelidade, vontade de servizo e esforzo na obra común en prol da mellora da calidade do ensino en Galicia. Niso estamos e niso seguiremos, en tanto nos acompañen as forzas.

Para este editorial, non poderiamos contar con mellor compañía. Este ano xubílase o investigador e pedagogo Manuel Armas Castro, ao que acompaña, como é sabido, unha longa traxectoria de investigación, acción e creatividade. A el cedémoslle a palabra cun artigo que é, tamén, unha desiderata, un canto esencial en favor dunha educación para o benestar e a harmonía das nosas ricas comunidades escolares. Nada podería ser tan adecuado para a celebración desta efeméride. 

Juan A. Granados Loureda
Director da Revista galega do ensino. EDUGA

 

 

Manuel Armas Castro

«Os soños son proxectos polos que se loita.» (Freire, 2001:65)

 

Despois dunha pandemia mundial, todos agardabamos aprender a lección da solidariedade para abordar os grandes retos da humanidade, pero nada máis lonxe, o que chegan son cruentas guerras nun mundo saturado de odios irracionais que ameazan a civilización.

Necesitamos con urxencia un cambio radical de paradigma para cultivar o coñecemento crítico, complexo e solidario, capaz de integrar os antagonismos complementarios, combater a dor, desterrar a fealdade, a destrución e loitar polo soño dun mundo mellor, en paz, máis xusto, ecolóxico e sustentable (Morín, 2020).

 

 

Entre os dereitos humanos universais están a educación e a saúde mental. A educación, cunha mirada multidisciplinaria, debe promover a saúde mental positiva, entendida como un estado de benestar con un mesmo e coa contorna co fin de poder achegar algo construtivo ao ben común, reducindo o sufrimento psíquico, manifestado entre outros malestares no incremento das autolesións e condutas de risco suicida, e potenciando os factores protectores do benestar existencial.

O propio da escola é ser unha institución que libere a xeracións sucesivas de seres humanos que sexan capaces de elixir a arte de pensar con amor e a beleza de amar con sabedoría recreadora dun mesmo e do universo.

Educere ten dúas posibles etimoloxías: a primeira refírese a guiar polo camiño correcto e a segunda sinala o parecido entre educere a seducere, coincidindo no sentido de desviar, ser conducido lonxe ata diverxer de todo camiño xa trazado, sacar fóra, levar ao aire libre, conducir a un claro (Recalcati, 2016).

A educación debe acompañar o alumnado no deseño dun proxecto vital único e solidario, que responda ao que realmente ama, desenvolvendo as súas capacidades e atendendo á súa diversidade.

Despois dun longo percorrido profesional de medio século no mundo do ensino, de ver pasar por diante a última lei educativa da ditadura e oito leis educativas máis nos case cincuenta anos de democracia, tamén a min os anos me achicaron a vista para poder ver máis (Galeano, 2004) e atreverme a facer algunha proposta de mellora da educación para que cumpra coa súa función liberadora.

 

 

En todo este tempo fixéronse grandes avances na escolarización do alumnado, na inclusión e atención á diversidade, no uso das novas tecnoloxías no ensino, que teriamos que empezar a revisar. Pero temos pendente unha gran revolución do marco lexislativo educativo, máis saudable, orientado ao benestar da comunidade educativa, cunha visión global de futuro a longo prazo, consensuado, sen partidismos exacerbados que leven a cambiar a lei de educación cada vez que hai un cambio de goberno. Só cunha maior humanización da política, da sanidade e da educación poderemos alcanzar un acordo compartido sobre os grandes eixes estratéxicos para mellorar a calidade educativa, incluídos nun marco constitucional estable e revisable, cun acordo por unha educación do benestar universal.

 

 

Necesitamos con urxencia un acordo (decisión, resolución tomada en común) universal (que pertence ou se estende a todas as áreas e a todas as persoas) polo benestar (persoal, comunitario e social) educativo (educa a escola, a familia, a cidade, o mundo, os medios de comunicación, as novas tecnoloxías e unha política plenamente humanista). Un acordo interinstitucional que integre todas as forzas sociais e profesionais na resposta ás seguintes cuestións existenciais: que sociedade e planeta queremos deixar?, que tipo de persoas e cidadáns queremos formar?, sobre que valores éticos e morais universais debe construírse ese novo mundo? e que currículo nos capacitará para vivir con benestar persoal e social?

Para chegar a grandes revolucións (cambio rápido e profundo en calquera cousa), son necesarias moitas pequenas revolucións diarias que deben empezar por facer ben, con honestidade e amor, o que cada un de nós fai, co necesario apoio institucional.

Nos últimos trinta anos como orientador, tiven a oportunidade de entrar nunhas 2000 aulas, de educación infantil a secundaria, para observar e avaliar as necesidades educativas do ecosistema escolar co fin de lle dar resposta á diversidade, complementando esta información con entrevistas co alumnado, reunións cos orientadores, equipos docentes, familias, profesionais sociosanitarios e asociacións, para deseñar propostas de intervencións interdisciplinarias. Nesta época de incertezas e complexidade, estas son algunhas das certezas que atopamos no traballo diario para mellorar o benestar da comunidade educativa:

As condutas disruptivas ou autolesivas son unha petición de axuda por parte do alumnado. Hai que escoitalo, recuperar o vínculo e a comunicación. O seu sufrimento e a súa diversidade son o máis importante. A resposta non pode ser cambiar o alumno para que se adapte ao sistema establecido, senón cambiar o sistema para facilitar o desenvolvemento do alumno, coas súas desviacións do suco da normalidade, dentro dun novo ecosistema saudable. «Non quero ser normal, quero ser feliz», dicía un cativo ao preguntarlle que quería ser de maior.

O esencial de ser profesor é saber amar a quen está aprendendo, amar a «torcedura da vide» e facer da vida unha «vide torta». Toda ensinanza, que o sexa de verdade, impulsa o amor. A palabra do docente é digna de respecto cando se apaixona polo que ensina e polos que aprenden. A característica máis profunda do estilo docente maniféstase na voz. O mestre aprende ao mesmo tempo que ensina (Recalcati, 2016). A escola inclusiva sabe amar todo tipo de diversidade, como unha fonte de aprendizaxe compartida.

Aplicar un modelo de avaliación e intervención psicopedagóxica ecosistémico e multidisciplinario. Deixar de centrarse no déficit individual e ver como mellorar as variables de tipo persoal, familiar, escolar e social para chegar a ser o mellor de si mesmos, desenvolvendo as capacidades do alumnado. A aplicación do modelo biomédico nos centros educativos pode levar á estigmatización e á exclusión, causando moita dor. A valoración psicopedagóxica debe ser máis cualitativa, descritiva, lonxitudinal, escoitando a subxectividade, en contacto cos servizos sociosanitarios e apoios externos. O trato tamén é o tratamento.

O traballo en rede interdisciplinario e interinstitucional é a ferramenta máis eficaz e satisfactoria para abordar a complexidade e formar permanentemente os profesionais. Convocar a rede para coñecerse e comunicarse a través de encontros, sesións interdisciplinarias entre os servizos educativos con sanidade, servizos sociais e asociacións son estratexias acertadas para buscar o benestar común.

Urxe un cambio profundo na formación inicial e permanente do profesorado para achegala ás necesidades reais da comunidade educativa. A experiencia dinos que a titoría dos profesores expertos cos noveis, a colaboración de dous profesores na aula e o diálogo construtivo entre o equipo docente pode transformar os centros en comunidades de aprendizaxe interdisciplinaria, cunha mirada global e comprensiva do alumnado, máis alá da fragmentación de cada materia.

O desenvolvemento persoal e institucional deben ser inseparables. As organizacións saudables aprenden dos conflitos, estimulan o progreso e benestar persoal e profesional cun liderado compartido e un clima de convivencia positiva para previr a violencia sistémica das organizacións tóxicas que xera tanto sufrimento psíquico coma nos casos de acoso escolar entre iguais, acoso psicolóxico entre profesionais, sobrecarga de traballo e relacións disfuncionais, que poden levar a situacións de risco e malestares da comunidade educativa.

Desde a mirada global do ecosistema educativo que nos ofrece o chegar ao cumio da xubilación, liberados das rutinas profesionais e sociais, implicados solidariamente en ser o cambio que queremos ver no mundo, especialmente cos máis vulnerables, só nos queda aprender a valorar a «utilidade» do aparentemente «inútil», xa que útil é todo aquilo que nos axuda a facernos mellores (Ordine, 2013). Recuperar o tempo de vivir o presente poeticamente, vivir para vivir, coa mirada luminosa, con serenidade, alegría e sentido do humor. Humanizar a vida: pasear, concertos, teatro, cine, exposicións, viaxes, ler, escribir, cantar, bailar, pasmar, sorrir, abrazar os amigos leais e atopar un lugar no mundo onde expandir a alma

Pero leva tempo chegar a ser o mellor dun mesmo, ser a aguia que somos e que aínda non fomos, crear un estilo propio, albiscar a plenitude, ser alguén distinto, único, irrepetible, a obra de arte dunha vida que alcance ou se achegue á Verdade, á Beleza, á Bondade, á Solidariedade, á Sabedoría e ao Amor, e non ao que as presións externas obrigan a todo o mundo a ser (Bauman, 2017).

Cando un descubre esta maneira de mirar e vivir a vida, coa visión do mirador e non do túnel, ver o invisible en plena escalada, cos procesos de dó pola perda do querido incorporado na súa mochila, recoñecendo a palabra e a voz propia, só pode dicir «grazas» a todo o vivido e a todas as persoas e grupos que o axudaron a manter o lume e levar a chama do entusiasmo, a paixón e o amor ao que se aprende e ao que está aprendendo, nesta viaxe de acompañamento sen límites cara á sabedoría e benestar universal, que dura toda a vida.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Bauman, Z. (2017). El arte de la vida. La vida como obra de arte. Paidós.

Freire, P. (2001). Pedagogía de la indignación. Morata.

Galeano, E. (2004). Bocas del tiempo. Siglo XXI.

Morín, E. (2020). Cambiemos de vía. Lecciones de la pandemia. Paidós.

Ordine, N. (2013). La utilidad de lo inútil. Acantilado.

Recalcati, M. (2016). La hora de clase. Por una erótica de la enseñanza. Anagrama.

 

 

Sección: