Normalización Lingüística

CONCERTO DE MAMÁ CABRA NO NOSO CENTRO

O 3 de maio todos os nenos e nenas do CEIP de Arzúa puideron gozar dun concerto en directo a cargo de dúas integrantes da compañía Mamá Cabra. Con elas fixemos un percorrido pola fraga, os seus sons, as árbores que hai nela, e a importancia de coidala. Esta narración oral foi acompañada de cancións interpretadas coa axuda das guitarras. 

O espectáculo que leva por título "Patrimonio Natural" foi financiado polo Concello de Arzúa. 

    

    

Estas fotografías e o vídeo corresponden ao pase que se fixo para o alumnado de E. Infantil.

     

  

 

ACTIVIDADE LETRAS GALEGAS DIRIXIDA AO ALUMNADO DE 1º E 2º DE E.PRIMARIA

O 23 de abril o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria puido desfrutar dun contacontos gratuíto que nos ofreceu o  Departamento de Cultura do Concello de Arzúa.

Nesta actividade narróuselles aos nenos e nenas oralmente a historia do libro "Mulleres Galegas. Xela Arias", pertencente á colección Mulleres Galegas, editado por Lela Edicións. Durante esta sesión os membros da compañía Polo Correo do Vento deron pinceladas da obra e vida da escritora e ao final fixeron un obradoiro de debuxo no que se realizou unha caricatura da poeta nada en Sarria. 

   

   

  

 

RECURSOS PARA TRABALLAR A LINGUA GALEGA

Os máis pequenos e pequenas tamén se poden divertir cos estas "Brincadeiras da lingua" de Migallas Teatro, con ditos e xogos que teñen como protagonistas as mans e os dedos. 

 

DÍA DO LIBRO 2021

A primeira celebración do Día Mundial do Libro tivo lugar o 23 de abril de 1995, e foi establecida pola UNESCO coa intención de fomentar a lectura, a edición de publicacións impresas e recoñecer os dereitos de autor.

Por que o día 23 de abril? Porque se corresponde coa data de aniversario do falecemento de grandes autores da literatura universal como son Miguel de Cervantes Saavedra e William Shakespeare.

Dende o Equipo de Biblioteca do noso cole animámosvos a ler, neste día e sempre, porque os libros e a lectura coidan de nós, fannos máis fortes, máis áxiles mentalmente, melloran o noso vocabulario e enriquecen a nosa imaxinación.

Ven á nosa biblioteca, escolle un libro que che guste e desfruta das súas historias, saborea as súas palabras, viaxa coa túa imaxinación a lugares marabillosos, vive fantásticas aventuras, aprende dos seus saberes e dos seus valores...

Aquí vos deixamos unha serie de recomendacións de libros a través deste orixinal e artístico formato coñecido como "bookface", que de xeito tan divertido e creativo, levaron a cabo as nenas e os nenos do noso cole.

Esperamos que descubrades algunha lectura do voso interese.

 

 

Lembrade que os libros son tesouros de palabras e grandes amigos.

Feliz Día do Libro 2021!

 

 

RECURSOS PARA TRABALLAR A FIGURA DE XELA ARIAS

Aquí vos deixamos algúns recursos para traballar na aula a figura de Xela Arias, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Iremos actualizando este apartado coas novidades que nos vaian chegando.

 *No primeiro enlace xa tedes colgadas as unidades didácticas de E.Infantil e Primaria elaboradas polo Seminario Galán. Nuns días tamén estará este material dispoñible na web do Seminario Galán.

O CEIP Frei Luís de Granada gravou esta presentación na que empregaron a técnica do croma que inclúe unha fermosa canción cun apegadizo retrouso. 

Yolanda Castaño fala de Xela Arias neste vídeo. Trátase dun resumo do libro publicado por Xerais e que  leva por título "Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias". Este libro xa o tedes na biblioteca do noso centro.

DÍA DA MULLER_2021

 

Desde o ano 1975, cada 8 de marzo, celébrase o Día Internacional da Muller. Naceu para mostrar as desigualdades entre homes e mulleres e reclamar unha sociedade máis xusta e igual. 

A orixe desta celebración está no século XIX, cando algunhas mulleres traballadoras comezaron a protestar contra as inxustizas que sufrían: non tiñan dereito ao voto, non podían xestionar os seus cartos, non se lles permitía estudar determinadas carreiras...

 

No noso colexio quixemos este curso render unha homenaxe ao traballo de todas as mulleres co mural colectivo que colocamos na entrada do centro, baixo o slogan "As mulleres moven o mundo".

Estes son outros traballos realizados en distintas aulas do centro:

   

  

        

SEMANA DA PRENSA_2021

A Semana da Prensa celebrouse por primeira vez en Galicia do 17 ao 21 de abril de 1989 co fin de integrar os medios de comunicación na aula. Desde entón, todos os anos conmemórase en marzo esta celebración.

Este curso pedimos un lote de xornais á Voz de Galicia que repartimos entre todas as titorías do centro, dado que este ano por mor da pandemia non puideron rotar os xornais polas aulas. Desde aquí queremos darlle as grazas a este xornal por colaborar de forma desinteresada connosco.

Durante a semana do 8 ao 12 de marzo realizáronse diferentes actividades arredor dos xornais no noso colexio: elaboración de "fake news" sobre medioambiente e saúde, análise dunha noticia, entrevistas...

   

   

  

    3º EP

   

 

 

VISITA A RADIO ARZÚA PARA FALAR DO PREGÓN DA FESTA DO QUEIXO

O 2 de marzo, un grupo de alumnos e alumnas das titorías de 4º EP e 5º EP foron visitar Radio Arzúa para falar de como levaron o confinamento, xa que ata o de agora estas son as únicas aulas do centro que estiveron confinadas debido á Covid-19. Ademais, os de 5º EP comentaron a súa experiencia elaborando unha parte do pregón da Festa do Queixo. 

Este ano encargóusenos desde o Concello aos centros escolares da vila redactar e ler o pregón desta Festa do Queixo virtual, que celebra a súa cuadraxésima sexta edición. Tocoulle esta encomenda ao grupo de 5º EP e, despois dun sorteo realizado entre o alumnado interesado en participar na lectura do pregón, recaeu esta tarefa en Celia Zapata Villar. Ela será quen represente ao CEIP de Arzúa cando se reúnan todas as autoridades na Capela da Madalena para realizar a gravación do pregón, que será emitida este sábado a través das redes sociais do Concello de Arzúa. 

   

  

Déixamosvos aquí o audio do programa que nos reenviou Radio Arzúa. Moitas grazas!!

  PREME AQUÍ

 

ROSALÍA_2021

Está chegando o Día de Rosalía de Castro e nós xa levamos un tempo facendo actividades arredor da figura da nosa emblemática escritora. 

Este ano participamos, xunto co IES de Arzúa, nun proxecto que se chama "Rosalía sae á rúa" e que se vai ver materializado esta semana, cando o persoal do Concello de Arzúa reparta os carteis cos poemas de Rosalía, que fixemos no noso colexio e no instituto, polas tendas da vila. 

O Concello de Arzúa financiou a actividade e nós pedímoslles unha copia dos carteis para montar este mural que colocamos na entrada do noso colexio. 

Grazas por colaborar con nós e apoiar as nosas iniciativas!

  

Deixámosvos aquí un vídeo onde se poden ver todos os carteis elaborados no colexio e que foron distribuídos polos escaparates de Arzúa.

 Esta é unha mostra da cartelería colocada pola vila:

   

    

Nas distintas aulas do colexio fixéronse actividades moi variadas arredor da figura de Rosalía de Castro, como estas que vos amosamos:

  

  

  

 Para achegarnos á obra de Rosalía de Castro, deixámosvos aquí algúns recursos:

  • Un genially elaborado por dúas profesoras de Arzúa. 

        A ligazón do genially é: https://view.genial.ly/6016977d22eaac0d7191f9a4/game-descubrindo-a-rosalia-de-castro

  •  Un genially elaborado este curso por un grupo de mestres/as dos EDLG de varios centros de ensino. 

        A ligazón do genially é:  https://view.genial.ly/5ff75e8bc217200ce77cc6d5

  • Un vídeo realizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do Colexio San Pío X (Ourense) para aproximarnos á vida da escritora.
    Trátase dun Draw My Life narrado en galego por Uxía Salgado da Silva, alumna de 6º de primaria deste centro. As ilustracións foron obtidas do vídeo orixinal en castelán publicado en maio de 2019 polo equipo "TikTak Draw" de YouTube, e que lles concedeu a súa autorización. Tamén contaron coa axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Fundación Rosalía de Castro, que participou na revisión dos datos biográficos.

        Ligazón do vídeo:  https://www.youtube.com/watch?v=5sLT5qSVuWg

ENTROIDO_2021

Este ano celebramos, no noso colexio, un Entroido diferente. Durante a semana do 8 ao 12 de febreiro seguimos os mandados do Meco; un personaxe simpático que colocamos na entrada do centro para avisar a todos os rapaces e rapazas do que tocaba traer ao día seguinte.

  

O día 12 de febreiro o alumnado disfrazouse libremente, botando man dos elementos que tiña na súa casa. Prolongamos media hora o recreo e gozamos xogando ao aire libre nunha xornada na que por sorte acompañou tamén o tempo. 

  

  

  

  

  

  

Nas titorías traballouse o Entroido de moitas maneiras, achegándonos á súa gastronomía, aos personaxes típicos do Entroido galego (boteiros, cigarróns, pantallas, peliqueiros,...), ás súas tradicións e costumes.

 

Powered by Drupal - Design by artinet