Skip to Content

Deporte Galego

Distribuir contido
Actualizado: hace 18 horas 51 min

Luis Ordieres Canal +50 campión no MT200 de Estepona

Mér, 08/05/2024 - 12:38

Gran vitoria do xogador do Club de Tenis A Tobeira, Luis Ordieres Canal, que se proclamou vencedor na categoría +50 do MT200 de Estepona, celebrado no Bel Air Tennis Club do 1 ao 5 de maio de 2024.



Luis gañou na primeira rolda a Zdenek Tupy (CZE) (6-1 6-0), a David De Pablos en cuartos de final (6-1 6-2) e en semifinales eliminou a Juan Martínez-Becerra nun partido algo máis disputado, que rematou coa retirada do seu rival (6-2 3-6 5-1 ret.).

Na final, non deixou opcións a Carlos Ruíz e gañou por 6-2 6-1.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Martín De la Puente gaña o Enrique Esteire Open 2024

Lun, 29/04/2024 - 10:18

Martín De la Puente proclámase campión de individuais e dobres no Enrique Esteire Open 2024 celebrado na Academia Rafa Nadal por Movistar do 25 ao 27 de abril de 2024.




O vigués venceu na final ao británico Gordon Reid por 2-6 6-4 10-6 nun partido que durou 1 hora e 25 minutos.

Na proba de dobres fixo equipo co arxentino Gustavo Fernández. Conseguiron gañar o título ao vencer na final á parella de británicos conformada por Gordon Reid e Dahnon Ward, o resultado un aplastante 6-1 6-1.

¡Parabéns Martín!

Ligazóns
Categorías: Deportes

Porras campión do M15 Sanxenxo

Lun, 29/04/2024 - 09:48

O arxentino Julio César Porras vence ao chileno Diego Fernández na final do M15 de Sanxenxo celebrado no Círculo Cultural e Deportivo de Sanxenxo do 21 ao 28 de abril de 2024.












Na proba de dobres deste internacional, o santiagués Rafael Izquierdo conseguiu ser subcampión xunto co portugués Tiago Pereira. Os campións foron os portugueses Rodrígo Fernandes e Gonçalo Marques.

Crónicas diarias enviadas polo CCD Sanxenxo:

Ligazóns
Categorías: Deportes

Nilo Rubén Pérez Calo campión do MT400 de Agadir

Dom, 21/04/2024 - 22:21

Conseguiuno, Nilo Rubén Pérez Calo logrou ser campión +70 do MT400 Agadir en Marruecos.



O xogador con licenza polo Club de Tenis A Tobeira eliminou en cuartos de final ao xogador local Omar Chiyami e nas semifinales ao francés Patrick Closmesnil, cun resultado de 6-0 6-0.

Na final non deu opcións ao favorito do cadro, o francés Philippe Gely. Nilo Rubén fíxose co título, vencendo cun claro 6-4 6-0.

¡Parabéns!

Agora toca prepararse para competir no Campionato de España de Veteranos.

 

Ligazóns
Categorías: Deportes

Martín De la Puente campión do Allianz Para Trophy en Munich

Dom, 21/04/2024 - 21:35

Martín De la Puente proclamouse campión do Allianz Para Trophy celebrado en Múnic.




Para chegar á final, o vigués venceu na primeira rolda ao polaco Kamil Fabisiak cun resultado de 6-3 6-0, ao alemán Steffen Sommerfeld cun dobre 6-0 en cuartos e en semifinais eliminou ao francés Stephane Houdet 7-6(2) 6-2.

Na final remontou un primeiro set en contra ante o británico Gordon Reid. O resultado final 2-6 7-5 7-6(5).

¡Parabéns Martín!

Ligazóns
Categorías: Deportes

Jessica Bouzas subcampioa do W100 Zaragoza

Lun, 15/04/2024 - 11:18

Novo título para Jessica Bouzas, conseguiu ser finalista do W100 Zaragoza, ¡parabéns!


Jessica segue acumulando fantásticos resultados, no W100 Zaragoza impúxose cun dobre 6-1 á italiana Camilla Rosatello, cun 6-1 6-2 á serbia Natalija Stevanovic, cun 6-2 7-5 á italiana Martina Trevisan e cun 6-0 7-6 (3) á xogadora licenciada polo Club Deportivo Stadium Casablanca, Irene Burillo Escorihuela.

Na final non logrou vencer á xaponesa Moyuka Uchijima.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Tomás Currás finalista do M15 de Telde

Lun, 15/04/2024 - 10:51

Gran torneo de Tomás Currás Abasolo en Gran Canaria, conseguiu ser finalista no M15 en Telde.


Tomás comezou eliminando a Axel Herberg Amoros e Albert Pedrico Kravtsov na previa do torneo.

No cadro final gañou a Imanol López Morillo por 6-2 6-1 na primeira rolda, a Alejandro Melero Kretzer cun resultado de 6-4 5-7 7-5 na segunda, ao danés Kane Bonsach Ganley en cuartos de final e finalmente o estadounidense Dali Blanch en semifinais cun resultado de 6-4 7-5.

Na final perdeu por 7-6(6) 3-6 0-6 ante Alejandro Manzanera Pertusa, xogador licenciado pola Delegación de Tenis de Alacante.

¡Parabéns por este gran resultado Tomás!

Ligazóns
Categorías: Deportes

Martín De la Puente perde nas semifinais do superseries Japan Open

Lun, 15/04/2024 - 10:13

Martín De la Puente non logrou vencer a Alfie Hewett (GBR), xogador número 1 do ranking ITF, nas semifinais do superseries Japan Open.


O vigués eliminou na primeira rolda a Kouhei Suzuki (JPN) por 6-1 6-1, a Suthi Khlongrua (THA) na segunda 7-6 6-2 e en cuartos venceu a Tom Egberink (NED) por 6-3 2-6 6-0.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Lete Lasa destaca o poder das ás da Vig-Bay coas que 5.000 corredores completan os 21 quilómetros entre Vigo e Baiona ou os 10,5 desde Nigrán

Ven, 12/04/2024 - 17:22

Lembra o bo momento da maratón galega coa consecución das mínimas olímpicas por parte de Tariku Novales, no pasado mes de decembro e de Ester Navarrete, en febreiro



Vigo, 12 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou na presentación da ‘XXIII Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay y III Minibay’. O mandatario galego animou aos máis de 5.000 corredores que percorrerán este domingo as dúas distancias que pon en liza a proba vixente dende 1996: os máis de 21 quilómetros ente Vigo e Baiona así como os 10,5 desde Nigrán.

Lete Lasa destacou o exemplo do gañador da Vig-Bay en 2023, Jorge Puig, que ademais de ser atleta é funcionario público na Dirección Xeral de Xustiza da Xunta e asegurou que moitos galegos e galegas cambian a súa vestimenta executiva por roupa deportiva nas fins de semana ou cada serán tras rematar as súas obrigas laborais. Grazas a isto, o deporte galego conta hoxe con preto de 310.000 licenzas federativas e o atletismo galego suma xa 7.600 cunha práctica igualdade entre mulleres e homes.

No que respecta á disciplina da maratón, o secretario xeral para o Deporte destacou o bo momento que atravesa en Galicia coa consecución da mínima olímpica por parte de Tariku Novales, no pasado mes de decembro e de Ester Navarrete, en febreiro. No caso da atleta viguesa, Lete Lasa aplaudiu a súa valentía xa que hai uns meses pediu unha excedencia do seu posto de enfermeira para profesionalizarse e loitar por acudir aos Xogos de París 2024, onde formará parte dunha gran representación de galegos que están a conseguir a súa clasificación nestas semanas.

Categorías: Deportes

Lete Lasa asegura que a Liga Galega de Hip Hop levará o baile deportivo a toda a poboación

Xov, 11/04/2024 - 17:57

Serán catro probas que comezarán este domingo en Narón, para continuar o 12 de maio en Mugardos, o 2 de xuño en Lugo e o 29 de xuño en Marín


Santiago, 11 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe a Liga Galega de Hip Hop Xunta de Galicia, da man da presidenta da Federación Galega de Baile, Graciela Toba.

Lete Lasa fixo un percorrido pola evolución do baile deportivo en Galicia dende que en 2021 se recoñeceu a especialidade deportiva de break e se creou a Liga Xunta de Galicia de Breaking, en consonancia coa aposta do COI polos deportes urbanos no programa olímpico. Dende aquela, a Federación Galega de Baile, creada en 2023, conta xa con case 600 licenzas, das que o 78% son femininas; a Liga Xunta de Galicia de Breaking encara en 2024 a súa cuarta edición; e Galicia conta xa con dous campións de España de break dance como son David Amor (en sub-21) e Alicia Babarro (júnior).

Grazas a esta nova liga de baile de hip hop, novos estilos de baile chegarán -tanto de xeito individual como grupal- a todos os que queiran participar nas categorías baby (deportistas nados entre os anos 2015 e 2020), infantil (deportistas nados entre os anos 2012 e 2014), júnior (deportista nados entre os anos 2009 e 2011), youth (deportistas nados entre os anos 2006 e 2008), absoluta (deportistas nados entre os anos 2005 e anos anteriores), premium (deportistas nados entre o ano 1994 e anteriores). Todos estes grupos constarán dun mínimo de catro deportistas e un máximo de 20. Ademais, a categoría megacrew (deportistas nados entre o ano 2013 e anteriores) serán grupos dun mínimo de 20 deportistas e un máximo de 50.

A liga galega comprende catro probas que comezarán este domingo en Narón (A Coruña), para continuar o 12 de maio en Mugardos (A Coruña), o 2 de xuño en Lugo e o 29 de xuño en Marín (Pontevedra).

Categorías: Deportes

Nilo Rubén Pérez campión +70 no MT400 Valencia

Lun, 08/04/2024 - 11:45

Grandes resultados para Nilo Rubén Pérez Calo do Club Tenis A Tobeira no MT400 Valencia. Quedou campión da categoría +70 e da modalidade de dobres +65.


Na categoría individual +70 gañou a Paco Colado Pines por 7-5 6-3 en cuartos de final, a Marc Van Dalem (BEL) 6-3 6-4 nas semifinais e finalmente a Antonio Ferragut Ramis (ESP) na disputada final 6-1 4-6 14-12.

En dobres +65 estivo emparellado con Francisco Javier Montoliu Taranco, venceron na final a Gerald Girdler (CAN) / Richard Walmsley (GBR).

Ligazóns
Categorías: Deportes

Luis Ordieres Canal campión de dobres +50 no ITF MT400 Barcelona

Lun, 08/04/2024 - 09:44

Bo resultado de Luis Ordieres Canal, xogador do Club de Tenis A Tobeira, no ITF MT400 de Barcelona celebrado a última semana de marzo no David Lloyd Club.


Formando parella co ruso Pavel Khoroshev na proba de dobres +50, conseguiron o título, vencendo na final 6-4 6-4 á parella hispano-italiana formada por Jose Carlos Bonet e Giacomo Bonora.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Martín De la Puente finalista de dobres no Seoul Korea Open

Lun, 08/04/2024 - 09:42

Martín logrou ser finalista na proba de parellas do Seoul Korea Open con Joachim Gerard (BEL).


Perderon na final ante Tom Egberink e Maikel Scheffers (NED).

Na proba de individual, Martín venceu por 6-0 6-1 ao francés Yoann Quilliou na primeira rolda e na segunda ao xogador local Sung-Bong Han cun dobre 6-3. Takuya Miki, número 11 do ranking mundial, eliminouno en cuartos de final.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Lete Lasa anuncia que a finais do presente ano Galicia será a comunidade pioneira cunha conta satélite do deporte

Ven, 05/04/2024 - 16:58

Destaca a importancia das administracións na xestión tanto do deporte profesional coma o non profesional e indica que o futuro pasa por dar resposta aos catro principios de gobernanza, transparencia, sostibilidade financeira e solidariedade financeira



Muxía (A Coruña), 5 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe mesa redonda ‘Industria do deporte profesional en Galicia: máis alá do negocio e o espectáculo’ no marco da XIII Reunión anual do Foro Económico de Galicia. Alí, Lete Lasa anunciou que cara a fin do ano 2024 Galicia será a comunidade pioneira en contar cunha conta satélite do deporte.

Este obxectivo, da man do Instituto Galego de Estatística, posibilitará o coñecemento e a toma de decisións ao redor do sistema deportivo en Galicia grazas á enorme utilidade que proporciona a información testada e os datos procedentes dos distintos e variados parámetros económicos do deporte. No momento actual calcúlase que o deporte galego representa o 2,5% do PIB de Galicia, cun volume anual de negocio que ronda os 1.600 millóns, e que e que xera arredor de 12.000 postos de traballo.

Lete Lasa destacou a importancia que teñen as administracións na xestión tanto do deporte profesional coma o non profesional e indicou que o futuro do deporte pasa por dar resposta aos catro principios básicos de gobernanza, transparencia, sostibilidade financeira e solidariedade financeira.

Desde as administracións, dixo, debemos ofrecer seguridade xurídica aos actores deportivos e levar a cabo unha aposta decidida polo deporte non profesional. Neste sentido destacou o Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia, que nesta tempada 2023-2024 chega aos 3,7 millóns de euros e beneficiará a uns 225 equipos. Do mesmo xeito sinalou ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva como o centro da excelencia deportiva galega con 168 deportistas becados e cun gasto anual de 3 millóns de euros, do que teñen saído 26 deportistas olímpicos e 2 paralímpicos. Lete Lasa tamén fixo referencia aos deportistas galegos de alto nivel que na última resolución xa son 1.173 recoñecidos e que tras acadar en 2023 o récord de axudas chegando a preto de 700.000 euros, neste 2024 volverán contar con outros 600.000 euros.

Categorías: Deportes

Lete Lasa enxalza a traxectoria de Susana Rodríguez Gacio nos Premios Nacionais do Deporte 2022

Xov, 04/04/2024 - 13:37

Lembra que a Xunta propón este ano á deportista viguesa como candidata ao Premio Princesa de Asturias 2024 e amosa o seu convencemento de que “conta con méritos máis que suficientes para optar ao recoñecemento”



Madrid, 4 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá de hoxe á entrega dos Premios Nacionais do Deporte 2022 celebrada no Palacio Real de El Pardo e presidida polos Reis de España. A deportista viguesa de tríatlon e atletismo (1.500 metros), Susana Rodríguez Gacio, recibiu o Premio Raíña Letizia, máximo galardón dos Premios Nacionais do Deporte que a recoñece como a mellor deportista muller do ano 2022. A galega é a primeira deportista con discapacidade que recibe esta distinción destes galardóns.

O mandatario galego gabou a traxectoria de Susana Rodríguez e destacou o seu “inmenso palmarés” no que locen os seus cinco campionatos do Mundo, catro de Europa e, por suposto, a medalla de ouro nos Xogos Paralímpicos de Toquío á que hai que sumarlle o diploma olímpico nos 1.500 metros. Asemade, Lete Lasa destacou que o exemplo de Susana vai moito máis aló do eido deportivo porque “envía a todo o mundo unha mensaxe de ánimo e esperanza ao demostrar que con traballo, esforzo e sacrificio pódese superar calquera barreira”.

Lete Lasa lembrou que a Xunta de Galicia propón este ano á deportista viguesa como candidata ao Premio Princesa de Asturias 2024 e amosou o seu convencemento de que “Susana conta con méritos máis que suficientes para optar ao recoñecemento”.

Categorías: Deportes

O secretario xeral anuncia a posta en marcha da Liga Galega de Hip-Hop na presentación do ‘Move it Vigo’ que reunirá no IFEVI a 1.200 bailaríns

Mér, 03/04/2024 - 23:03

Aposta pola compatibilidade de usos dos recintos feirais como vén facendo a Xunta no recinto feiral de Expourense coa mellor pista de atletismo cuberta de España; no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo cun dos mellores rocódromos de todo o país; ou no propio IFEVI coa instalación do módulo de atletismo cuberto


Vigo, 3 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de presentar a terceira edición da competición de danza urbana Move It Vigo que terá lugar o vindeiro 6 de abril nas instalacións do Instituto Feiral de Vigo – IFEVI e que xuntará a 1.200 bailaríns de toda Galicia e das provincias de León, Valladolid, Salamanca, Las Palmas, Lanzarote, Tenerife ou Asturias.

Lete Lasa fixo un percorrido pola evolución do baile deportivo en Galicia dende que en 2021 se recoñeceu a especialidade deportiva de break e se creou a Liga Xunta de Galicia de Breaking, en consonancia coa aposta do COI polos deportes urbanos no programa olímpico. Dende aquela, a Federación Galega de Baile, creada en 2023, conta xa con case 600 licenzas, das que o 78% son femininas; a Liga Xunta de Galicia de Breakin encara en 2024 a súa cuarta edición; e Galicia conta xa con dous campións de España de break dance como son David Amor (en sub-21) e Alicia Babarro (júnior).

O mandatario galego confirmou a continuidade desta aposta polo baile deportivo e anunciou o lanzamento da Liga Galega de Hip Hop da man da Federación Galega de Baile. Serán catro probas que comezarán o próximo 14 de abril en Narón, para continuar o 12 de maio en Mugardos, o 2 de xuño en Lugo e o 29 de xuño en Marín, nas que participarán todos os bailaríns desde a categoría baby (nacidos entre 2015 e 2020) ata a categoría premium (nados antes de 1994).

Todas estas categorías tamén estarán representadas na competición de danza urbana apoiada pola Xunta ‘Move It Vigo’ e que estará orientada na súa expresión musical e artística a todos os estilos da cultura Hip Hop, como son o Breakdance, Krump, Popping, Locking, House Dance, New Style, Waacking, Voguing, Dancehall, Afro moves ou Comercial Dance, entre outros. Deste xeito a Xunta segue apostando pola compatibilidade de usos dos recintos feirais como xa fixo no recinto feiral de Expourense coa mellor pista de atletismo cuberta de España; no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo cun dos mellores rocódromos de todo o país; ou no propio IFEVI coa instalación do módulo de atletismo cuberto.

Categorías: Deportes

Lete Lasa destaca o deporte como o principal motor da saúde e a felicidade dos nenos na presentación do Torneo Internacional de Fútbol Base Congalsa

Mar, 02/04/2024 - 21:19

Destaca o carácter benéfico do torneo que, grazas ao traballo de Julio Mariño, doará o importe recadado á Fundación Aladina que dende 2005 traballa co obxectivo de axudar aos nenos e adolescentes con cancro e as súas familias



Ribeira (A Coruña), 2 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Torneo Internacional Congalsa de Fútbol Base Concello de Ribeira. Alí, o mandatario galego, destacou a importancia do deporte como “principal motor da saúde e a felicidade dos nenos e das nenas”.

Neste sentido destacou a importancia do Programa Xogade que a tempada pasada acadou o récord de nenos e nenas mutualizados, con preto de 135.000 e de campañas como o Bono Deporte que repartiu 115.000 axudas para os gastos deportivos dos rapaces e rapazas federados ou no devandito Programa Xogade. Lete Lasa destacou a importancia de que este torneo sexa de competición mixta (moitos dos equipos contan con xogadoras), xa que mentres nas licenzas federativas galegas hai un 26% de mulleres, o Programa Xogade conta co 38% e se nos centramos só na actividade escolar a participación feminina sobe ata o 46,5%.

En total serán 45 equipos os que xogarán o 25 e o 26 de maio no campo da Fieteira e entre os que estarán clubs de grande importancia como Betis, Zaragoza, Villarreal, outros internacionais como Porto, Sporting de Lisboa, Benfica, Racing Club de France, e un invitado mi especial que será o rival a bater, o Real Madrid.

Lete Lasa destacou o carácter benéfico do torneo que, grazas ao traballo de Julio Mariño, doará o importe recadado á Fundación Aladina que dende 2005 traballa co obxectivo de axudar aos nenos e adolescentes con cancro e as súas familias. Nas cinco edicións anteriores, a Fundación Aladina xa recibiu grazas a este torneo un total de 28.000 euros.

Categorías: Deportes

Jessica Bouzas imparable, gaña o seu primeiro WTA 125 en Antalya

Lun, 01/04/2024 - 09:03

Jessica Bouzas Maneiro acadou o título de campioa no torneo WTA 125 de Antalya (Turquía) dotado de 115.000 dólares en premios.


A arousá, número 127 do mundo, superou a Irina-Camelia Begu de Rumania en 2 horas e 28 minutos.

Nas primeiras roldas, Jessica eliminou a Panna Upvardy 2-6 6-3 6-3 e venceu a Leyre Romero Gormaz 6-1 7-5. Gañou a Polina Kudermetova por 2-6 7-5 6-3 nos cuartos de final e nas semifinais desfíxose facilmente da suíza Simona Waltert por 6-2 6-3.

Con esta vitoria, Jessica está agora moi preto dun posible debut no Top 100 do ranking mundial.

Ligazóns
Categorías: Deportes

O Deporte Galego de alto nivel segue batendo récords e chega xa aos 1.173 deportistas recoñecidos

Lun, 25/03/2024 - 15:48

As dez federacións deportivas con máis deportistas recoñecidos son piragüismo (172), fútbol (82), atletismo (82), salvamento e socorrismo (80), taekwondo (80), patinaxe (55), vela (55), remo (53), halterofilia (33) e tríatlon e péntatlon moderno (32)


Santiago, 25 de marzo de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 15 de marzo de 2024 sobre a relación vixente de persoas deportistas de alto nivel, alto nivel vitalicio, alto rendemento, rendemento deportivo de base, xuíces, árbitros e técnicos. No momento actual, o número total de deportistas galegos e galegas recoñecidos e recoñecidas segue batendo récords e chega xa a 1.173, sendo 458 mulleres (40%) e 715 homes (60%).

Arredor do 78% (911) de todos os recoñecidos son deportistas galegos de alto nivel (344 mulleres e 567 homes). Ademais, hai 121 deportistas de rendemento deportivo de base (63 mulleres e 58 homes); 85 deportistas de alto rendemento (30 mulleres e 55 homes); 30 técnicos de alto nivel (catro mulleres e 26 homes); 16 árbitras e xuízas (doce mulleres e catro homes); e dez deportistas galegos de alto nivel vitalicios (cinco mulleres e cinco homes). Entre estes DGAN vitalicios atópanse algúns dos mellores deportistas de Galicia como Carlos Arévalo, Carlos Pérez ‘Perucho’, Teresa Portela e Cristian Toro (piragüismo), Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Sofía Toro (vela), Adi Iglesias (atletismo adaptado), Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) e Chano Rodríguez (natación adaptada). Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías están recoñecidos 37 deportistas galegos con diversidade funcional, o número máis alto da historia (trece mulleres e 24 homes).

Máis polo miúdo, as dez federacións deportivas con máis deportistas recoñecidos e recoñecidas son piragüismo (172), fútbol (82), atletismo (82), salvamento e socorrismo (80), taekwondo (80), patinaxe (55), vela (55), remo (53), halterofilia (33) e tríatlon e péntatlon moderno (32).

Estas cifras acadadas polo deporte de alto nivel de Galicia débense por unha banda, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020 que, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén recoñece o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.

Récord tamén nas axudas

Cómpre salientar tamén o ano 2023 que vén de rematar como un ano de récords no que respecta ás axudas para os deportistas galegos recoñecidos. No mes de outubro a Fundación Deporte Galego publicaba a resolución da convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel ‘Axudas DGAN 2023’. Estas axudas, convocadas no mes de maio contaban cun orzamento inicial de 500.000 euros e foron incrementadas ata preto dos 700.000 euros (680.940 euros), marcando un novo récord que supuxo un 12% máis que o exercicio de 2022, cando xa se había acadado o máximo histórico. En total, foron concedidas 445 axudas DGAN. Cómpre lembrar que, nesta edición 2023 volveuse optar polo modelo dunha única convocatoria para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2022 e 2023.

Neste 2024, a Fundación Deporte Galego reserva outros 600.000 euros para as axudas DGAN. Nas vindeiras datas sairá a primeira convocatoria cun importe inicial de 250.000 euros para os deportistas que están na carreira olímpica e paralímpica para París 2024.

Ademais, no mes de novembro resolveuse a primeira convocatoria de axudas para persoas técnicas, adestradoras e persoas xuízas, árbitras galegas de alto nivel da historia -Axudas TAXAGAN 2023- que chegou a un total de 25 persoas beneficiarias -16 persoas técnicas/adestradoras e nove persoas xuízas/árbitras- cun total de 45.500 euros, o que representa un incremento do 52% do seu orzamento inicial que era de 30.000 euros.

 

Categorías: Deportes

Lete destaca a puxanza galega do hóckey patíns con novos éxitos como os das rapazas do Raxoi que veñen de proclamarse subcampioas da Copa Princesa

Xov, 21/03/2024 - 16:11

Enxalza ao equipo feminino que ademais está a facer unha excelente tempada na segunda máxima categoría do hóckey patíns feminino ocupando a segunda posición que suporía o seu ascenso á OK Liga Feminina




Santiago, 21 de marzo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe ao Hóckey Club Raxoi que vén de proclamarse subcampión da Copa SAR a Princesa Feminina de hóckey patíns 2024 en Mieres, Asturias. O mandatario galego destacou o “enorme traballo” do equipo compostelán co que queda demostrado, unha vez máis, o “excelente estado de saúde do deporte feminino que cada semana enche de éxitos as vitrinas do deporte galego”.

Na recepción celebrada nas dependencias da Secretaría Xeral para o Deporte, na que estiveron presentes a vicepresidenta, Covadonga Rodríguez; a adestradora, Ainhoa García e oito xogadoras, Lete Lasa reforzou o compromiso da Xunta de Galicia co Hóckey Club Raxoi que xa é un equipo consolidado no Plan de Patrocinio Publicitario dos equipos de alta competición de Galicia que desenvolve a Fundación Deporte Galego dende 2022. Ademais, o secretario xeral lembrou outras axudas que recibiu o Raxoi con respecto a actividade, reactivación ou equipamento que contribuíron a que as axudas da Xunta cheguen aos 40.500 euros desde 2009.

Lete Lasa enxalzou ao equipo feminino do Hóckey Club Raxoi que ademais deste subcampionato está a facer unha excelente tempada na segunda máxima categoría do hóckey patíns feminino ocupando a segunda posición da clasificación da OK Liga Prata Feminina, o que suporía o seu ascenso á OK Liga Feminina. Neste sentido, o secretario xeral puxo de manifesto a importancia de Galicia como potencia no hóckey patíns con equipos como o Hóckey Club Liceo -equipo máis laureado de Galicia- e o Hóckey Club Coruña, ambos os dous equipos pelexando nos postos máis altos das máximas categorías masculina e feminina, respectivamente. Por último, Lete Lasa desexou tamén a mellor das sortes ao Hóckey Club Cambre e ao Hóckey Club Ponteareas que acompañan ao Raxoi na segunda máxima división estatal.

Categorías: Deportes


by Dr. Radut