Biblioteca

indios pieles rosas

Os Indios Pieles rosas, foron unha historia mega divertida que gozamos no tipi e con moitos datos que contou a mestra Patri que estivo nun de verdade!!!!! Os trasniños do club de lectura estaban encantados coas historias dos indios.

 

 

Postais alemanas

Con retraso pero chegaron!!!! Xa recibimos as nosas postais dende Bremen en Alemaña, os trasniños 1 e 2 xa teñen as súas postais e fíxolles moita ilusión recibilas :)

Contacontos en xaponés

O alumnado do club de lectura puido gozar duns contos e cancións moi chulos en xaponés da man de Álex. Estiveron  atentísimos e atentísimas a todo o que nos contaba. Queremos agradecerlle que viñera e nos amosara ese kamishibai tan chulo!!!!

GRAZAS ÁLEX!!!

Entrevistamos a Gonzalo Moure

Os trasniños medianos tiveron a grandísima sorte de entrevistar a Gonzalo Moure, autor dun dos libros máis fermosos que limos no Club de lectura "Palabras de caramelo". Aquí tedes a entrevista completa!!!

Ola a todos!

Encántanme as vosas preguntas, porque me van permitir dicirvos algunhas cousas sobre o que penso da literatura. E que se resume nunha: A verdade. Literatura non pode ser sinónimo de invención, entendendo esta como mentira. A imaxinación, para escribir, non é máis que unha ferramenta. Para abrir unha lata de sardiñas necesitas unha ferramenta, o abrelatas, pero o importante non é o abrelatas, senón as sardiñas E sen sardiñas non hai historia, non hai nada do que falar. Vexamos, con calma.

Por que decidiches que morrese Caramelo?

-Iso é o que quería dicirvos. Eu non decidín nada. Un camelo nos campamentos só pode ter dous fins: se é camela, para leite, ou para criar. Pero se é camelo o seu único destino é o sacrificio, para carne. Se no libro Caramelo non morrese, iso si que o decidiría eu, para que non lle doese aos lectores. E sería mentira. A realidade, a verdade, é que nos campamentos apenas se pode comer carne, e que non se poderían permitir non sacrificar un camelo por algo tan romántico como que fose “o amigo de Kori”.

 

- En que ano escribiches Palabras de caramelo?

Foi en 1999. Levaba xa tres anos viaxando aos campamentos, dende que na primeira viaxe coñecín a unha nena xorda, Fatimetsu, e a un rapaz marabilloso, xeneroso e listo, Kori. A primeira versión do conto que “escribín” no aire, por acenos, cando llo fun contando á nena xorda, foi cousa de media ou unha hora. Logo anoteino no meu caderno, e cando volvín a casa fun escribindo no ordenador, durante algúns meses. Cando o acabei tiña case 200 páxinas, e decidín quitar dese texto todo o que non facía falta, ata deixalo nunhas 80.

 

-Por que decidiches que Kori fose xordo-mudo?

-Tampouco o decidín! É que Fatimetsu era xorda, e non falaba nada. E foi ela a que inspirou a historia, cando me preguntou que lle estaba dicindo o cameliño á súa nai, porque ela vía que movían os beizos como as persoas cando falaban. Se non fose xorda e por tanto non me fixese esa pregunta, xamais se me ocorrería esta historia.

 

-Escribiches máis libros coma este?

-Seguramente si. Case todos os meus libros, por non dicir todos, xurdiron de algo parecido, cando un neno ou un adulto preguntáronme algo para o que aínda non tiña resposta, ou cando fixo algo que nunca vira antes.

 

-Como che sentiches ao escribir ou libro?

-Cando escribo un libro mergúllome nel, na vida. Eu chámoo “escrivivir”. Así que sentín agarimo, dozura, e logo pena, rabia, rebeldía, dor… e por fin sentinme poeta. E é que eu era Kori mentres “escrivivía” a súa vida.

 

-Inspirácheste en alguén para escribir a historia?

-Si, si, Kori é a mazcla dos dous nenos, Fatimetsu e Kori.

 

-Pasou esa historia na realidade?

-Non. Pero o que inventei é o abrelatas do que antes vos falaba, a ferramenta para chegar ás sardiñas, é dicir: á verdade.

 

-É certo que na relixión de Kori, temen aos eclipses?

-Pois si! Unha superstición como tantas que temos os galegos, os españois. Por exemplo, a mala sorte en día 13, ou non pasar por baixo dunha escaleira, ou tantas da nosa relixión… Hai que velo con respecto, porque é a súa tradición, a súa cultura.

 

-Con cantos anos escribiches este libro?

 

-Pois… A ver, resto: en 1999 tiña… 48 anos. Acabeino con 49 e publiqueino á metade da miña vida: 50. Por entón eu levaba dez anos escribindo, porque empecei en 1989.

La diadema de rocío

La diadema de rocío, amósanos a importancia de non esixirlles aos demais o que non somos capaces de facer nós mesmos/as. Permitiunos viaxar a China e coñecer a sonoridade da súa escala pentatónica, ademais da importancia do bambú e os osos panda.

Contacontos dende Bremen

Dende Bremen, Alemaña, recibimos un conto moi especial "Una escoba prodigiosa". Foi moi raro escoitar un conto en alemán, pero rapidamente nos demos conta do conto do que se trataba!!! Para agradecerlles este conto,, fixemos unhas postais coa axuda da teacher Belén que enviamos por correo ordinario e que puxeron moi moi ledos aos nenos e nenas do cole de Bremen.  Grazas Marion por darnos esta oportunidade!!!

 

Visitamos O Lecer

O alumnado de 5º EP e 2º EP visitamos a residencia O Lecer. De novo tivemos a sorte de ser convidados por eles e elas para compartir un ratiño do tempo de Nadal. Amosámoslles as danzas que aprendimos sobre diferentes lugares do mundo e tamén representamos unha obra de teatro moi navideña. Coidamos que lles gustou moito; así nolo fixeron saber. E por certo, a merenda esta boísima!!! De seguro repetiremos esta visita!!!

 Visita O lecer

La leyenda de Nuwa

Os trasnos do club de lectura, tiveron a sorte de ter un contacontos en chinés!!!! Isto foi posible grazas a Cristina Rodríguez Veiga, Xefa do departamento de chinés da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, e á súa auxiliar de conversa. Escoitaron "La leyenda de Nuwa", unha lenda chinesa moi coñecida, ademais de aprender moitos datos culturais de China. Por se isto fose pouco, Cristina e Wen, trouxéronnos unhas láminas e pinceis para poder practica a escritura chinesa que tan curiosa lles resultou. Este obradoiro apuntámolo para repetir. GRAZAS CRISTINA!!!!

 

 

Semana da ciencia

Celebrando a Semana da Ciencia, fixemos unha chea de experimentos que nos levaron a plantexar numerosas hipóteses. Podedes coller na nosa biblioteca unha morea de libros de experimentos científicos que vos terán moi entretidos!!!!

 

 

Obradoiro: "Xogos de mesa"

Hoxe tivemos un obradoiro moi divertido, que nos pode dar moitas ideas de xogos para pedir aos seres máxicos do Nadal. Agora xa coñecen como se xoga a polo menos 6 xogos. Temos moitas gañas de repetir este obradoiro!!!!

 

Distribuir contido