Skip to Content

6º Curso

Ximnasia acrobática

O 19 de maio, o alumnado de 5º e 6º de educación primaria tivo o privilexio de asistir a unha clase de ximnasia acrobática e deportiva cunha profesional deste ámbito como é Isaura Hermida.

Isaura leva trinta anos ligada no deportivo á  ximnasia,  nos que leva formado a centenares de nenos e nenas  nunha escola e un club que se caracterizan por unha filosofía na que prima o humano sobre o deportivo. E iso que nestes trinta anos de traballo, pode presumir dun bo número de campeóns de España, medallistas e internacionalidades dos seus ximnastas.

Foi un placer contar coa súa profesionalidade e o alumnado pasouno realmente ben, aprendendo cousas básicas e importantes sobre esta modalidade deportiva.

Deixamos unha mostra gráfica desto e tamén a información necesaria se alguén quere apuntarse as súas clases.
Escola de Ximnasia e acrobacias do Burgas. Paco Paz.

Obradoiro de Navega con Rumbo

O 15 de maio participamos no Obradoiro “Navega con Rumbo” que organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), enmarcado dentro do proxecto Abalar.

O obxectivo deste programa é concienciar ao alumnado, profesorado e familias no uso responsable de Internet e as redes sociais, dando recomendacións para unha navegación responsable e segura.

Unha especialista do CPEIG achegou-se ao nosso centro para impartir unha sesión divulgativa cunha duración aproximada dunha hora, apoiada nas Guías de Boas Prácticas, que se poden descargar en formato electrónico na web do programa https://navegaconrumbo.cpeig.gal/. Ademais, nesta web están a disposición da comunidade educativa xogos e ligazóns de interese sobre a temática do programa.

Produción e consumo responsables

O curso escolar 2022/2023, a aula de 6º de Educación Primaria, decidiu centrar o seu Proxecto Documental Integrado (PDI) cuxo obxectivo principal é que o alumnado sexa capaz de participar na defensa e na loita que todos debemos levar a cabo para defender o noso medio ambiente. Este PDI atópase dentro do PDI xeral do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, co título: “No Sueiro o Planeta ten mellor pinta porque traballamos en conxunto a Axenda 2030”. O PDI do alumnado de 6º de Educación Primaria leva por título “Todos xuntos melloramos o noso mundo”.

Neste curso escolar a temática céntrase na defensa e a loita que todos debemos levar a cabo para defender o noso planeta centrándonos nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) dentro da Axenda 2030. O grupo 6º de Educación Primaria traballou o ODS 12 Produción e consumo responsables, centrados no cambio do modelo actual de produción e consumo para conseguir unha xestión eficiente dos recursos naturais, poñendo en marcha procesos para evitar a perda de alimentos, un uso ecolóxico dos produtos químicos e diminuír a xeración de residuos a través de diversas accións que permitirán mellorar o noso medio ambiente, nos que o uso de accións para o desenvolvemento da biodiversidade son  para elementos básicos do mesmo. Para o cal partimos do libro “Salvemos o planeta” e concretamente no punto 107 que leva por título “Que é o desenvolvemento sostible”.

O por qué deste traballo integrado resúmese nas seguintes liñas centradas nas súas vantaxes tales como:

  • Aumenta a motivación. O alumnado alcanza unhas necesidades de rango superior.
  • Os membros dun equipo de traballo teñen a oportunidade de aplicar os seus coñecementos e competencias, e ser recoñecidos por iso, mesturando fortalezas complementarias.
  • Maior compromiso mellorando o desempeño.
  • Máis ideas.
  • Máis creatividade e a aprendizaxe.
  • Mellora a comunicación e reduce a tensión.
  • Mellores resultados, aumentando a eficiencia e a produtividade.

Traballamos os seguintes OBXECTIVOS:

  • Construír confianza co alumando e coas actividades propostas por eles.
  • Establecer obxectivos comúns.
  • Crear sentido de pertenza.
  • Involucrar ao alumnado na toma de decisións.
  • Buscar o entendemento entre partes.
  • Impulsar a comunicación.
  • Aproveitar a diversidade.
  • Celebrar os éxitos do grupo.
  • Favorecer o compromiso mutuo e a responsabilidade compartida.

Ademais dos obxectivos, citados anteriormente, os cales se caracterizan polas características da metodoloxía centrada nos PDI (Proxectos Documentais Integrados) os obxectivos que se perseguiron con este proxecto documental integrado centrados na afirmación “No Sueiro o Planeta ten mellor pinta porque traballamos en conxunto a Axenda 2030”, sendo os seguintes:  

Obxectivo xeral:

  • Ser capaz de coñecer, identificar e propor modificacións no modelo actual de produción e consumo para conseguir unha xestión eficiente dos recurso naturais, poñendo en marchar procesos para evitar a perda de alimentos, o uso ecolóxico dos produtos químicos e diminuír a xeración de refugallos.  

Obxectivos específicos:

  • Garantir modalidades de consumo e produción sostibles.
  • Promover a xestión sostible e o uso eficiente dos recursos naturais.
  • Reducir a xeración de residuos e o desperdicio de alimentos.
  • Fomentar a xestión ecoloxicamente racional dos produtos químicos.
  • Recoñecer e identificar as propias emocións en distintas situacións.
  • Coñecer e practicar a empatía como instrumento para mellorar a convivencia cos demais.
  • Tomar conciencia do valor que teñen os elementos da natureza e do planeta.
  • Comprender o papel que temos en coidar o medio ambiente que nos rodea e no resto do mundo.
  • Realizar unha acción de coidado do medio ambiente que podamos compartir co resto da contorna educativa e comunitaria.
  • Recoñecer a importancia de protexer a biodiversidade no planeta que habitamos.
  • Comprender as consecuencias que ten a sobreexplotación dos recursos naturais no medio ambiente.
  • Promover a nosa capacidade como defensoras e defensores do medio ambiente.
  • Desenvolver unha posición crítica e participativa con respecto ao noso modelo de consumo, a relación coa natureza e a utilización sostible dos recursos naturais.
  • Aprender sobre o papel das mulleres, novas e comunidades ao redor do mundo na defensa do medio ambiente.
  • Promover accións de mobilización e incidencia polo coidado do medio ambiente nas nosas contornas educativas e comunitarias

Contidos:

  • Plan de consumo e produción sostible.
  • Recurso naturais: uso eficiente.
  • Residuos e desperdicios alimentarios.
  • Refugallos: xestión racional, ecolóxica, prevención, redución, reciclado e reutilización.  
  • Sustentabilidade: educación para o desenvolvemento sostible, ciencia e tecnoloxía, informes, turismo,...
  • Diferentes emocións: tenrura, amor, odio, ira, irritación,...
  • Os elementos da natureza.
  • O medio ambiente: coidado, sobrexplotación, biodiversidade,..
  • O modelo de consumo responsable.
  • Papel da muller na defensa do medio ambiente  

Criterios de avaliación:

  • Coñece as modalidades de consumo e produción sostible.
  • Propón accións para a redución de residuos e desperdicio de alimentos.
  • Fomenta a xestión ecolóxica racional dos produtos químicos.
  • Coñece e enumera distintas emocións.
  • Enumera distintos modos de actuación ante unha mesma emoción.
  • Practica a empatía nas relacións cos demais como instrumento para mellorar a convivencia cos outros.
  • Identifica os elementos da natureza e do planeta.
  • Describe o papel que temos en coidar o medio ambiente que nos rodea e no resto do mundo.
  • Realiza unha acción de coidado do medio ambiente que podamos compartir co resto da contorna educativa e comunitaria.
  • Identifica e recoñece a importancia de protexer a biodiversidade no planeta que habitamos.
  • Describe as consecuencias que ten a sobreexplotación dos recursos naturais no medio ambiente.
  • Participa na defensa do medio ambiente.
  • Desenvolve unha posición crítica e participativa con respecto ao noso modelo de consumo, a relación coa natureza e a utilización sostible dos recursos naturais.
  • Coñece o papel das mulleres, novas e comunidades ao redor do mundo na defensa do medio ambiente.
  • Promove accións de mobilización e incidencia polo coidado do medio ambiente nas nosas contornas educativas e comunitarias

Indicadores de logro ou desempeño.

  • Coñece unha modalidade de consumo e de produción sostible.
  • Propón unha acción para a redución de residuos e desperdicio de alimentos.
  • Fomenta a xestión ecolóxica racional dos produtos químicos.
  • Coñece e enumera emocións.
  • Enumera catro modos de actuación ante unha mesma emoción.
  • Practica a empatía nas relacións cos demais como instrumento para mellorar a convivencia cos outros.
  • Identifica os elementos da natureza e do planeta.
  • Describe o papel que temos en coidar o medio ambiente que nos rodea e no resto do mundo.
  • Realiza unha acción de coidado do medio ambiente que podamos compartir co resto da contorna educativa e comunitaria.
  • Identifica e recoñece a importancia de protexer a biodiversidade no planeta que habitamos.
  • Describe as consecuencias que ten a sobreexplotación dos recursos naturais no medio ambiente.
  • Participa na defensa do medio ambiente.
  • Desenvolve unha posición crítica e participativa con respecto ao noso modelo de consumo, a relación coa natureza e a utilización sostible dos recursos naturais.
  • Coñece o papel das mulleres, novas e comunidades ao redor do mundo na defensa do medio ambiente.
  • Promove accións de mobilización e incidencia polo coidado do medio ambiente nas nosas contornas educativas e comunitarias

Contribución ás competencias clave e transversais e competencias claves da unión europea:

O desenvolvemento deste Proxecto Documental Integrado contribuíu ao desenvolvemento do conxunto das competencias claves definidas no marco normativo, contribuíndo as seguintes:  competencia en comunicación lingüística (CCL); competencia plurilingüe (CP); competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría (STEM); competencia dixital (CD); competencia persoal, social e de aprender a aprender (CPSAA); competencia cidadá (CC); competencia emprendedora (CE) e competencia en conciencia e expresión culturais (CCEC). En especial destacar competencia persoal, social e de aprender a aprender xa que nos diferentes coñecementos que desenvolveremos e a aplicación dos mesmos por parte dos alumnos na súa vida diaria, dotándolles das estratexias necesarias para unha mellora da convivencia cos demais e con iso un mellor desenvolvemento social e persoal nos diferentes aspectos da súa vida.


Temporalización: 

  • Realizáronse 3 sesións de 30 minutos de cada unha das semanas do segundo e do terceiro trimestre.

Metodoloxía:

Traballouse a través dunha metodoloxía activa e do descubrimento guiado, para que o alumno sexa capaz de construír as súas propias aprendizaxes de maneira autónoma. Apoiarémonos na maioría das actividades de soporte dixital, priorizando en todo momento o traballo a través da comunicación oral, axustándonos ás características do alumnado.

O PDI, “Todos xuntos melloramos o noso mundo”, desenvolveuse en dúas fases.


PRIMEIRA FASE


A primeira das fases, durante os dous primeiros trimestres facendo referencia a como atopamos o noso mundo e as diversas accións que vai realizando a sociedade, unhas que axudan a mellorar o noso planeta e outras que son necesarias melloralas. As actividades realizadas ao longo da primeira fase que permitiron ao alumnado de 6º de Educación Primaria ver como se atopa o noso mundo foron:

  • Outubro : presentación do PDI de 6º de Ed. Primaria para o curso escolar 2022/2023. (Día das bibliotecas escolares).
  • Día da alimentación. Co lema “Non deixemos a ninguén atrás” (semana do 19 a 21 de outubro).
  • Día da Ciencia Como a ciencia mellora a calidade de vida e o coidado do planeta (9 de novembro).
  • Mes da ciencia. Como a ciencia mellora a calidade de vida e o coidado do planeta (mes de novembro).
  • Visita Aceites Abril. Empresa de elaboración de aceites sendo unha empresa que aplica políticas de sostenibilidade. (25 de novembro).
  • Obradoiros da AFA Como a ciencia mellora a calidade de vida e o coidado do planeta (22 de decembro).
  • Defendemos o mar. Como se atopa o mar e as accións dos seres humanos prexudicando o ecosistema mariño e contaminando o planeta Terra.  
  • Visita ao supermercado. A visita centrouse en ver cales son os produtos de proximidade así como o etiquetado e empaquetado buscando os elementos menos contaminantes para o medio ambiente así como a redución da contaminación.

SEGUNDA FASE


A segunda das fases, comezou no mes de marzo de 2023. O alumando partiu do libro  partimos do libro “Salvemos o planeta” e concretamente no punto 107 que leva por título “Que é o desenvolvemento sostible”.

  • Semana da prensa (6 ao 10 de marzo) Buscando noticias cambio climático e sostenibilidade empresas. A primeira das actividades centrouse na busca de noticias relacionadas co cambio climático e a sosteniblidade das empresas.
  • A seguinte actividade centrouse na investigación propiamente dita do PDI establecendo cales son as ideas que teñen que tratar. Para o cal utilizamos a técnica de lapis ao centro recollendo as seguintes ideas que deben investigar.
  • Idea 1: que é o desenvolvemento sostible?
  • Idea 2: de onde ven o termo sostible?
  • Idea 3: a sostenibilidade ten múltiples caras. Cales son?
  • Idea 4: que son os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible?
  • Idea 5: alternativas ao desenvolvemento sostible
  • Idea 6: un planeta sostible.
  • Idea 7: a alimentación saudable e sostible.
  • Idea 8: o uso da auga.
  • Idea 9: a pegada hídrica.
  • Idea 10: Sostenibilidade

As empresas sostibles.
Os negocios sostibles.
As vivendas sostibles.

  • A seguinte actividade centrouse na aplicación práctica do PDi centrándose no traballo dos hortos escolares como elementos de sostenibilidade e axuda para o coidado do medio ambiente.
  • A última das actividades centrouse na confección da investigación en formato pdf respectando as normas e indicacións establecidas.  

Como conclusión, destacar que cando as persoas dialogan e saben escoitar e poñerse no lugar dos outros, é indiscutible os resultados melloran así como a convivencia e relación cos demais. A valoración do traballo foi en aumento ata o punto de pasar, dunha estratexia de motivación e de resolución de problemas, a darlles capacidade para tomar decisións, planificar e conducir os mesmos procesos dos que son protagonistas.

Mochila viaxeira de 6º de EP

O curso escolar 2022/2023 o alumnado de  6º Educación Primaria curso utilizaron dúas mochilas viaxeiras que foron intercambiadas cada quince días durante todo o curso. O traballo do alumnado queda reflectido nos debuxos que se acompañan nos libros configurados para elo.

As mochilas viaxeiras permiten ao alumnado un préstamo por un período de quince días, para compartir coas familias o contido da mesma. O  contido do material foi escollido polo titor de  6º curso de Educación Primaria, supervisado pola biblioteca e procurando que teña a maior variedade de textos e formatos para que o alumando poida elixir.

Acompañan a estes materiais “O diario da mochila” no que, tanto os nenos/as como as súas familias, aportan a súa opinión, novas creacións, debuxos, achegas, …, sobre o contido da mochila.

O material que acompaña a mochila do alumando de 6º curso de Educación Primaria foi o seguinte.

1º mochila:

  • Lingua Galega.
  • Megatoxos e o aprendiz de druída. Ed. Xerais.
  • Lingua castelá.

El último curso en Torres de Malory. RBA
Papagaio.
Nº 9. Os dinosaurios , dos libros aos videoxogos.
Reportero DOC.
Nº 282. ¡Bienvenidos a Japón!

2º mochila:

  • Lingua Galega.

Megatoxos e os templarios da luz. Ed. Xerais.

  • Lingua castelá.

Quinto grado en Torres de Malory. RBA
Papagaio.
Viaxe á Galicia medieval.
Reportero DOC.
Nº 283. ¿Quién inventó la escuela?

Como conclusión, destacar que ler en familia é unha actividade moi divertida que axuda a entrelazar lazos entre os pais e nais e os seus fillos e fillas enriquécenos a todos. Ademais, a lectura enriquece intelectualmente aos nenos e nenas, estimulando a súa imaxinación, a capacidade para resolver problemas, a memoria e a linguaxe, axúdalle a coñecer o mundo no que vive e impúlsalle a querer saber máis. Comentando as lecturas que facemos todos xuntos podemos reflexionar sobre o lido, os valores do libro infantil e xuvenil que escollésemos, explorando nosos propios sentimentos. É, en definitiva, unha axuda na educación dos nosos fillos, polo que é importante proporcionarlle ao alumnado lecturas estimulantes, acompañalos no descubrimento do pracer da lectura, sendo un hábito moi saudable e cheo de beneficios.

Hora de ler en 6º curso. 2022/2023

 

O curso escolar 2022/2023, a hora de ler, realizouse todos os días en horario de 12:00 a 12:30 horas, tendo como obxectivo no que buscamos espertar e realzar o gusto e o pracer por ler en tempos de lecer a través do Clube de lectura Leo e releo con Leo.

A configuración da hora de ler estivo deseñada polo titor D. José Manuel Rego García, centrándose nos seguintes obxectivos.
Obxectivos:

  • Desenvolver o hábito lector.
  • Traballar as competencias clave, principalmente: Comunicación Lingüística, Aprender a aprender, Conciencia e expresións culturais e Social e cívica.
  • Compartir as nosas lecturas con outras persoas.
  • Promover a lectura como fonte de diversión e aprendizaxe.
  • Mellorar a través da lectura, o vocabulario, a comp. lectora e a expresión oral e escrita.
  • Coñecemento de persoas escritoras e obras literarias galegas.
  • Fomentar o traballo en equipo a través da biblioteca escolar.

Actividades.

  • Ler o conto en distintas versións (lectura en voz alta e en voz baixa)
  • Dramatizar algún episodio do conto.
  • Colorear debuxos do conto.
  • Escoitar o conto.
  • Traballaremos coa prensa analizando noticias. Miraremos, asemade, como a mesma noticia pode ser interpretada de diferentes xeitos dependendo da persoa que a lea.
  • Traballar teatro.

Temporalización.

  • Na hora de ler, que se realizou todos os días  utilizáronse os seguintes libros:

1º trimestre: libro común a todos os nenos e nenas.

  • LIBRO 1º: “Siete reporteros y un periódico” de Pilar Lozano Carballo da editorial SM.

O libro foi traballado nos meses de setembro e outubro do curso escolar 2022/2023 e conta a historia de sete reporteiros que loitan por conseguir, que xunto co seu xornal, non vendan o colexio.

  • LIBRO 2º: “O pais da choiva” de Miguel Ángel Alonso Diz da editorial Antela.  

O libro foi traballado nos meses de outubro e novembro do curso escolar 2022/2023 e conta a historia da importancia do idioma.

  • LIBRO 3º: “La vuelta al mundo en 80 días” de Julio Verne da editorial Almadraba..  

O libro foi traballado no mes de novembro do curso escolar 2022/2023 e conta a historia Phileas Fogg intentando dar a volta ao mundo en 80 días.  

2º trimestre: libro común a todos os nenos e nenas.

  • LIBRO 4º: A gruta da Torre de Lois Pérez da editorial Xerais.

O libro foi traballado nos meses de xaneiro e febreiro e conta a historia de Lois que viaxa coa súa familia a pasar outro verán en Ribadeo.

  • LIBRO 5º: Estrela fugaz de Carlos Labraña Barrero da editorial Galaxia.

O libro foi traballado nos meses de febreiro e marzo e conta a historia dun asteroide e como no cinto de asteroides que hai máis aló de Neptuno naceu Meteoro.

3º trimestre: libro común a todos os nenos e nenas.

  • LIBRO 6º: Game over de Carlos Losada editado ola Biblioteca Dramática Galega.

O libro foi traballado nos meses de abril e conta a historia de Roi e como dende que acende a videoconsola para botar outra partida co seu xogo favorito.

  • LIBRO 7º: A pequena compaña. da edicións Embora.  

O libro foi traballado nos meses de maio e xuño e conta a historia de como Xoaniña, Soldadiño, Pedichón e Medusquiñas, nunha Pequena Compaña, tentarán chegar sans e salvos ás marabillosas Illas do Alén.

Clubs de lectura do curso 2022/2023

O funcionamento do club de lectura no centro, no curso 2022/2023, funcionou como paraugas de varios clubs que xa viñan funcionando de anos anteriores en distintos cursos, e tivo como finalidade espertar e realzar o gusto e o pracer por ler en tempos de lecer.

Nas seguintes ligazóns reflectiremos o traballo desenvolvido nos clubs de lectura do noso centro:

Novo club de lectura de 1º ciclo
Club de lectura de 3º de EP Club de lectura de 4º de EP
Club de lectura de 5º de EP Club de lectura de 6º de EP

Game over

O libro Game Over, é unha obra teatral, escrita por Carlos Losada e editado pola Biblioteca Dramática Galega. O libro traballouse durante o mes de abril. Game Over conta a historia de Roi e como dende que acende a videoconsola para botar outra partida co seu xogo favorito dende hai unhas semanas, a última versión dos súper loitadores Mortal Combat versión 3.0. Pendente de chegar á gran final do xogo, nin atende a chamada do seu amigo Sebas, nin a do seu pai e ten unha boa liorta coa súa nai. Roi, a pesar de todo, xoga coa consola ata quedar durmido deixando a Ken, o personaxe do seu vídeoxogo favorito, perdido baixo as letras vermellas de "Game over". Roi emprende así a viaxe ao seu país das marabillas e dos seus medos.

Actividade 1: Lectura

  • Lectura colectiva en voz alta.

Actividade 2: Análise das personaxes

  • A presentación das 10 personaxes.

Actividade 3: Traballo de contidos da área de lingua

  • O texto serviu como práctica para traballar os contidos que estabamos dando na aula nese momento: os verbos (tempos verbais, conxugacións), pronomes, tipos de oracións e o estilo teatral.

Actividade 4: Ilustración

  • O alumado realizaron debuxos das personaxes en diferentes situación e con diferentes calidades, o que nos permitiu afondar nos contidos relacionados cos adxectivos. Unha vez rematado dito traballo cada un dos alumnos/as realizou en A3 escenas da obra Game Over, o que nos permitiu converter a obra de teatro nun conto que nos permitiu amosar e contar ao resto do alumnado co noso Kamishibai.  

Actividade 5: Conclusión/valores

  • Despois da presentación da obra de teatro aos nenos máis pequenos fixemos a nosa valoración para saber se lles gustou ou non o noso traballo.


 Reunión do club de lectura na biblioteca


Unha vez rematado de traballar co libro, voltamos a realizar unha xuntanza na biblioteca, no tempo destinado a actividades extraescolares, na que intercambiamos as nosas impresións e sensacións sobre o libro do Game over e o traballo desenvolvido sobre o mesmo.

 

Estrela fugaz

O libro Estrela Fugaz, é unha teatral, escrita por Carlos Labraña Barrero e editado pola Editorial Galaxia, S.A. traballouse durante o mes de febreiro e marzo. ESTRELA FUGAZ conta a historia dun asteroide e como no cinto de asteroides que hai máis aló de Neptuno naceu Meteoro. Aínda que pasaba todo o día a xogar á roda cos seus irmáns, non era feliz, sentíase diferentes. Polo que un día, aproveitando o paso dun cometa, marchou na procura dun lugar onde poder ser el mesmo. Será a Terra ese lugar ou terá que seguir a súa viaxa polo Universo para poder ser estrela?

Actividade 1: Lectura

  • Lectura colectiva en voz alta.

Actividade 2: Análise das personaxes

  • A presentación das 9 personaxes.

Actividade 3: Traballo de contidos da área de lingua

  • O texto serviu como práctica para traballar os contidos que estabamos dando na aula nese momento: os verbos (tempos verbais, conxugacións), pronomes, tipos de oracións e o estilo teatral.

Actividade 4: Ilustración

  • O alumado realizaron debuxos das personaxes en diferentes situación e con diferentes calidades, o que nos permitiu afondar nos contidos relacionados cos adxectivos. Unha vez rematado dito traballo cada un dos alumnos/as realizou en A3 cada unha das 9 escenas das que se compón a obra Estrela fugaz, o que nos permitiu converter a obra de teatro nun conto que nos permitiu amosar e contar ao resto do alumnado co noso Kamishibai.  

Actividade 5: Conclusión/valores

  • Despois da presentación da obra de teatro aos nenos máis pequenos fixemos a nosa valoración para saber se lles gustou ou non o noso traballo.

 

Día de Europa

Galicia é Europa!!!

O Día de Europa ten lugar cada 9 de maio. Neste día celebramos os logros e a unidade en Europa.

Dendo o noso centro animamos ao noso alumnado a coñecer Europa e a investigar sobre a presenza de Galicia nas institucións da Unión Europea. Tendo como referencia a Fundación Galicia Europa (FGE), entidade que ten como fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa.

Ti si que es un bo peixe

O 11 de maio, o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, participou na actividade “Ti si que es un bo peixe” na que realizamos a visita a Vigo.

As actividades de hoxe realizáronse no porto de Vigo e puidemos ver os halcóns que usa o porto de Vigo para controlar a poboación de gaivotas, visitar á cetárea López Nóvoa na que nos ensinaron diferentes tipos de marisco como lumbrigantes, centolas, lagostas,... e a Frigoríficos de Vigo onde vimos como se corta o peixe e as cámaras para a súa conservación.

Despois dun pequeno descanso fixeron dúas visitas moi interesantes a visita ao Observatorio Submarino Nautilus na que puidemos observar como se investiga sobre a poboación mariña e a visita ao Buque Hidra II, barco e vapor que se atopa atracado no porto de Vigo.

Unha vez rematadas ás visitas tocou o xantar desprazándonos ao mercado do Berbés na que nos deron unha merenda mariñeira composta por: pescada rebozada, ensalada de pasta con mexillóns e iogur.

Antes de regresar á derradeira visita tocou descansar e xogar un pouco no parque de xogos do Bebés. A última visita foi á poxa de marisco.

Despois dun día tan longo e de ver unha gran cantidade de empresas relacionados co mar, toca a hora  de regresar ao colexio...

Estamos desexando volver a vervos e repetir o obradoiro... moitas grazas polo día de hoxe.

Distribuir contido


by Dr. Radut