Skip to Content

                              

Biografía

Antonio Losada Diéguez naceu en Boborás, Ourense, no pazo de Moldes, 0 22 de decembro de 1884.

Por ámbalas dúas ramas procedía de familias fidalgas, da nobreza galega do Antigo Réxime: os Diéguez de Astureses, os Losada de Santiago e os Arias Correa da Ramallosa…

Influído polo ambiente carlista conservador e ultracatólico no que se desenvolveu, será esta a ideoloxía que marcará a súa traxectoria política de nacionalista galego.

Quedou orfo aos 4 anos e ingresou interno nos Xesuítas da Garda (Pontevedra).

Estudou Letras na universidade de Deusto. Faise Doutor en Madrid, lugar no que xorde a súa vocación literaria que se concreta en catro obras de teatro en castelán.

Volve a Galicia e desenvolve unha actividade académica a carón de Cotarelo Valledor, do que foi profesor axudante ao mesmo tempo que estudaba Dereito.

En 1911, volta a Madrid para preparar as oposicións a catedrático de Instituto que aproba en 1915.

Consigue destino en Ourense, lugar no que fixo amizade con Vicente Risco. Posteriormente, trasládase a Pontevedra. Este sería o seu último destino profesional.

Aproveita para acabar os seus estudos en dereito, en Santiago.

En 1915 casa con Albina Espinosa. Enviúva ao pouco tempo e volve a casar cunha irmá da súa muller, Mercedes Espinosa.

No ano 1917 ingresa nas Irmandades da Fala, pasando a desempeñar un papel relevante na conformación da ideoloxía nacionalista en Galicia.

Unha constante, do seu pensamento e actividade, foi a tendencia a crear organizacións no seo das clases populares. Toma contacto cos intelectuais galeguistas da época, á volta de Madrid, cando se instala en Ourense como catedrático de Instituto.

O seu papel vai ser decisivo para atraer cara as súas ideas a Vicente Risco, Noguerol, Otero Pedraio, Florentino Cuevillas… Rescatounos das súas vaguedades cosmopolitas e foinos guiando cara o galeguismo das Irmandades da Fala.  A súa ideoloxía vai a ser fundamental para o desenvolvemento do galeguismo, dando orixe á Xeración Nós.

No ano 1919 é destinado para o instituto de Pontevedra, lugar no que vivirá atá a súa morte. Durante a ditadura de Primo de Rivera acepta a vicepresidencia da Deputación Provincial, pero ten discrepancias e dimite do posto.

Losada Diéguez cría firmemente que a transformación da sociedade haberíase de facer na conciencia mesma dos homes para que así cambiase o sistema. Foi un bo político, guiado polo seu sentimento galeguista desenvolveu unha actuación intensa e polifacética no seu afán de galeguizar ao máximo todos os ámbitos da vida, desde o artístico ata o deportivo acadando un alto prestixio entre os intelectuais da súa época.

O seu pensamento político aséntase en tres pilares:

  • Agrarismo, supón centrar a produción e a vida sobre bases naturais, devolvendo a liberdade, e a dignidade ó pobo.
  • Galeguismo, para impedir que o pobo perda a súa lingua, as súas institucións e a súa historia.
  • Catolicismo, porque a finalidade última do home é espiritual, por iso ten tanto empeño en galeguiza-la Igrexa ou cristianiza-lo galeguismo.

Home comprometido, propuxo a Risco a creación da revista Nós, que fundarían en 1920. Dende entón a súa firma apareceu asiduamente en diversas revistas e xornais nos que plasma o seu pensamento político e axuda a conformar a ideoloxía nacionalista de Galicia. Os ensaios como “Os problemas do idioma e da cultura no Rexionalismo galego”, “Os camiños do Agrarismo galego” ou “A significación profunda do galeguismo” influíron considerablemente nos compoñentes da Xeración Nós.

Foi un dos homes da Xeración “Nós” máis queridos, respectados e influentes.

Aínda que a súa obra de pensamento é moito máis extensa que a de ficción, Losada Diéguez deixou varios contos dunha grande sensibilidade, como "Conto Sinxelo", publicado no ano 1920 na revista A Nosa Terra ou "Amañecer", de 1922, aparecido en Alborada . A obra en poesía é tamén limitada, con seis obras, e a súa habilidade como autor teatral plasmouna na comedia A domeadora, que deixou inacabada.

En 1924 ingresa no "Seminario de Estudios Galegos" cun traballo titulado "Ouservacións encol da Prosa Galega".

Segundo Xaquín Lorenzo, Losada Diéguez foi a semente de toda a Xeración Nós. A Xeración Nós nace por iso, porque houbo un Losada Diéguez que deitou a súa semente nuns homes extraordinarios que providencialmente aparecen en Ourense nesa época e entón esa semente frutifica e dá lugar á Xeración Nós, á revista Nós, ao Seminario de Estudos Galegos, a toda aquela renacenza extraordinaria da cultura galega. Foi un mestre de mestres.

A mesma actitude socrática móstraa no seu quefacer primordial:  a educación. Quere que as persoas aprendan a formarse, non formalas. Procura unha educación activa, persoal. Máis que saber cousas, hai que saber como estudar, como formarse.

Foi membro correspondente da Real Academia Galega (22 de maio de 1928) e dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 1985.

Morreu en Pontevedra, cidade na que traballou durante 10 anos, o 15 de outubro de 1929, á idade de 45 anos.

Os seus restos descansan nunha capela adosada á igrexa dos templarios de San Mamede de Moldes, de orixe románico, no concello de Boborás.

Desde o ano 1986, os concellos de Boborás e Carballiño uníronse para crear o Premio Antón Losada que se otorga a aquelas persoas que destaquen na investigación e creación literaria en Galicia.

Pazo de Antón Losada, en Moldes.



book | by Dr. Radut