24 de Febreiro. Día de Rosalía de Castro

 

 

O 24 de Febreiro recordamos o nacemento de Rosalía de Castro. E dende a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) veñen promovendo dende o ano 2010 institucionalizar o Día de Rosalía de Castro como unha xornada de celebración da nosa literatura promovendo entre a cidadanía o agasallo dun libro en galego e unha flor.

A AELG promoveu unha serie de actos organizados por concellos, asociación culturais e a propia AELG para celebrar o Día de Rosalía de Castro, no que se conmemora como xa dixemos o nacemento da nosa escritora máis universal.

Hai que ter en conta que o 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura. Ademais dende esta asociación  convidouse aos centros de ensino e concellos a participar do Día De Rosalía de Castro organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento.

 

Para Educación Infantil e Primaria a AELG propón a elaboración e envío dunha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa que actúe de estímulo creativo para que rapazas e rapaces realicen un debuxo en torno á figura de Rosalía de Castro. Convidamos a que este traballo se realice na semana previa ao 24 de febreiro, para que ese día concreto se proceda desde os centros a un envío das postais aos enderezos das familias do alumnado, como agasallo rosaliano personalizado pola rapazada. Como texto propoñemos a seguinte estrofa de “Alborada”, tamén de Cantares gallegos:

 

Canta, paxariño alegre,

canta!

Canta porque o millo medre,

canta!

Canta porque a luz te escoite,

canta!

Canta que fuxeu a noite.

 

Podedes descargar aquí un modelo de tarxeta postal deseñado por Pepe Barro.