Skip to Content

   Enlace Aula Virtual                       

NOVA DIRECTIVA DO ESPAZO LECTURA

Prezados socios e socias:

 

Onte, sábado 9 de marzo de 2024, Espazo Lectura celebrou unha Asamblea Xeral Extraordinaria de socios e socias na que a asociación renovou a Xunta Directiva e a Presidencia logo de máis de dezaseis anos de actividade. Iniciamos un novo período de catro anos cunha significativa renovación do seu equipo directivo, coa saída de catro dos seus membros, entre eles a súa ata agora presidenta Beatriz Núñez, despois de dúas lexislaturas que viñeron marcadas, entre outras cousas, por unha pandemia e a reforma e o impulso ás instalacións da Casa da Lectura en Donas (Gondomar). A nova presidenta, Yaiza Peixoto, secretaria estes últimos catro anos, dará continuidade a un proxecto que desenvolve toda a súa acción a prol da lectura e do libro en Lingua Galega redimensionando o espazo sociocultural de Gondomar e poñéndoo no mapa peninsular como un referente de fomento e dinamización cultural.

Con todo, ningunha das persoas que abandona a directiva se desvencella de Espazo Lectura, xa que permanecen formando parte do Consello Operativo (o órgano consultivo da asociación) ou na coordinación de actividades.

 

Espazo Lectura, desde aquel primeiro Contomar en 2006 -mesmo antes de fundarse a asociación-, ata agora, non perdeu, a pesar das dificultades, nada da súa ilusión inicial. A mostra é precisamente esa: unha nova directiva na que non queda ninguén daqueles e daquelas que iniciaron a andaina alá por 2008. Pero a asociación aí segue, dando pasos e convencida de que non hai mellor maneira de imaxinar unha sociedade mellor, máis crítica, solidaria e libre, que desde o colectivo e a cultura, desde a lectura e o libro. E iso, sen dúbida, é o máis gratificante de tanto esforzo e voluntarismo.

 

Nova Xunta Directiva de Espazo Lectura:

 

Presidenta: Yaiza Peixoto.

Vicepresidente: Marta Fernández.

Secretaria: Cristina Álvarez.

Tesoureira: Cristina Rocholl.

Vocais: Diego Atanes, Iago Leirós, Rita Fernández, Senén Costas, Silvia Camesella e Víctor Pérez.

 

 

Moitas grazas polo voso apoio.

 

Un saúdo,

O equipo de Espazo Lectura.



book | by Dr. Radut