Skip to Content

Lingua Galega

X XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA

O sábado 17 de xuño unha delegación do club de lectura de secundaria "Coristranca, a lectura con retranca" participou en Compostela na celebración dunha intensa xornada de formación ao longo de todo o día, a X Xornada dos Clubs de Lectura.

Victoria e María, de 2º ESO, xunto con Carla, María e Uxía, de 3º ESO, participaron en diferentes actividades, acompañadas das profesoras Pilar Espido e Mercedes Queixas, que con certeza desenvolverán no vindeiro curso desde o club de lectura.

O noso club foi seleccionado pola asesoría de bibliotecas escolares, xunto a outros catro clubs galegos, para participar nun obradoiro de creación dun programa de libros audiovisual, dirixido por Óscar López.

Parabéns para o equipo de traballo previo -Carla, María e Uxía- e aplausos para a coordinadora, Carla, que defendeu as nosas propostas nun auditorio diante de máis de 1.200 persoas.

Unha síntese informativa e con imaxes podedes visualizala no noso blog e unha galería de imaxes moi completa está xa accesíbel no portal das bibliotecas escolares.

 

A ver se nos atopades!!!

 

O CLUB CORISTRANCA VOLVE Á RADIO CUAC FM

O equipo de radio do club de lectura "Coristranca, a lectura con retranca" desprazouse este pasado martes 23 de maio á emisora de Radio CUAC FM na Coruña para emitir o que será o derradeiro programa deste curso escolar. Os nosos parabéns a Lucía, Patricia e María polo seu bo facer lector e radiofónico neste novo programa "A fume de carozo" en directo, que, en breve, desde o blog do club de lectura, poderá ser escoitado novamente.

 

INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO-CULTURAL CO IES RAMÓN OTERO PEDRAYO (A CORUÑA). CURSO 16-17

O martes 4 de abril o alumnado membro dos clubs de lectura do centro viviu unha nova xornada de convivio e intercambio co alumnado do IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña. Nesta ocasión, o noso centro foi o anfitrión e despois do acto de benvida desprazámonos todo o grupo a Ponteceso para visitar a exposición interactiva ao redor do xogo popular do MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia) e continuar a xornada festiva na praia de Valarés. Unha experiencia de irmandade ao redor do libro e a lectura para sempre repetir.

CORISTRANCA VOLVE Á RADIO CUAC FM

Xa está dispoñíbel o enlace ao programa co que o equipo de radio da sección do club de lectura de 3º ESO volveu vibrar nas ondas na emisora de Radio CUAC FM o pasado martes 21 de febreiro.

Toda a información accesíbel en Coristranca, o blog do noso club de lectura.

Parabéns a Carla, Uxía, María e Laura!

 

SAÍDA A PONTEVEDRA

O xoves 2 de marzo o Departamento de Lingua e Literatura Galega programou unha saída para o alumnado de 4º ESO á cidade de Pontevedra para coñecer os vínculos históricos da cidade a través dun roteiro guiado, coa figura do escritor Castelao como eixo nuclear, e visitar os fondos do autor depositados no Museo Provincial de Pontevedra.

Acompañaron o alumnado as profesoras Susana López e Mercedes Queixas, do Departamento de Lingua e Literatura Galega, e mais Concepción Martínez, do Departamento de Xeografía e Historia.

VISITA Á EXPOSICIÓN DE XOSÉ COBAS NO KIOSCO ALFONSO, NA CORUÑA

O pasado venres 10 de febreiro o alumnado de 2º e 3º de ESO achegouse ao Kiosco Alfonso da Coruña para coñecer a exposición compiladora dos últimos 30 anos do traballo de ilustración desenvolvido por Xosé Cobas.

Acompañounos no percorrido o escritor Xabier P. Docampo, autor de moitos libros ilustrados pola creatividade de Xosé Cobas.

As profesoras Laura Fidalgo, Pilar Espido e Mercedes Queixas participaron nesta actividade coorganizada polo EDLG e mais o Departamento de Lingua Galega.

O CLUB DE LECTURA DE 3º ESO NO PROGRAMA DE RADIO " A FUME DE CAROZO"

O pasado martes 10 de xaneiro inauguramos co club de lectura do centro unha nova tempada de gravacións en directo do programa "A Fume de Carozo" na emisora de Radio Cuac FM na Coruña. No blog de Coristranca, a lectura con retranca pode accederse ao programa para a súa escoita íntegra. Parabéns a Uxía, Carla, Laura e María, membros do club de 3º ESO, polo seu gran traballo de guionización, locutación e coordinación desta súa estrea radiofónica!

ACTIVIDADES ANO MANUEL MARÍA

O Ano Manuel María chegou ao seu remate e desde o centro quixemos continuar a celebralo cun gran peche trimestral. O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, o Club de Lectura e mais o Departamento de Lingua e Literatura Galega organizaron varias actividades ao redor da figura e obra do insigne e polifacético escritor que fomos descubrindo ao longo de 2016.

Compartimos desde o noso espazo virtual lector algunhas das lembranzas máxicas vividas no centro emais noa nosa viaxe a Outeiro de Rei, para coñecermos ao vivo a Casa Museo Manuel María e algúns dos espazos naturais que o poeta evocou nos seus versos como o Castro de Viladonga e mais as impresionantes Penas de Rodas.

O CLUB DE LECTURA DE 4º ESO NO PROGRAMA DE RADIO "A FUME DE CAROZO"

O pasado martes 24 de novembro o equipo de radio do club de lectura de 4º de ESO realizou o primeiro programa de radio deste curso nas instalacións da emisora Radio CUAC FM da Coruña.

Para máis información non deixedes de visitar o blog "Coristranca, a lectura con retranca" desde onde se pode escoitar en diferido o programa.

Parabéns polo traballo de guionización e locución a Enma, Ana, Diego, Elena e Anna.

 

O DEPARTAMENTO DE LINGUA E LITERATURA GALEGA NA SEMANA CULTURAL

O Departamento de Lingua e Literatura Galega organiza para esta Semana Cultural dous obradoiros de escrita creativa e videopoesía, dirixidos a alumnado de 3º e 4º de ESO, que levará a cabo a poeta Antía Otero o luns 11 de maio. 

Ademais, está a organizar este departamento unha saída extraescolar a Vigo, o martes 12 de maio, para visitar a Casa Galega da Cultura e coñecer de primeira man os fondos documentais do legado literario e cultural de Fermín Penzol.

Na sede da Fundación Penzol, xunto ao alumnado de 3º e 4º de ESO, descubriremos tamén aqueles datos relevantes dunha figura clave das letras galegas da segunda metade do século XX: Xosé Mª Álvarez Blázquez, grazas a unha exposición recentemente inaugurada co gallo do centenario do seu nacemento.

        

 

As profesoras Carmen Aneiros, María Xosé Bello e Mercedes Queixas acompañarán o alumnado.

Distribuir contido


by Dr. Radut