Historia

HISTORIA DO CENTRO

O Colexio público de Cambeo, foi creado no ano 1975 co nome de Colexio de EXB "Luis Carrero Blanco". Actualmente leva o nome do ilustre escultor "Antonio Faílde", artista ourensán que nado nesta capital no ano 1.907, e vivindo a súa infancia no concello de Piñor de Cea, mantivo ligada boa parte da súa vida, na época da madurez, ó concello de Coles, dándose incluso a circunstancia de que a maioría dos seus netos acudiran a este Centro para recibi-las súas primeiras ensinanzas, e, no caso dalgún deles, para levar a cabo os cursos de Prácticas correspondentes á Diplomatura de Mestre en Educación Primaria. Hoxe en día, os seus restos descansan na parroquia de San Eusebio de Coles, parroquia a que pertence a aldea de Bamio de Cima na que o escultor monumental viviu parte de súa vida, lugar no que probablemente, xunto co pobo de Gustei no que etá afincada a súa familia, deseñara boa parte das súas obras maestras.
O colexio acolleu no seu inicio ó alumnado das escolas unitarias procedentes dos concellos de Coles e Vilamarín, concentrando naquel chamado macrogrupo escolar, Lourenzo, A Silva, A Barra, Vilar da Barra, Ferreiros, Vilarchao, Cambeo, Vilarnaz, Gustei e O Viso, pertencentes o concello de Coles. Por parte do concello de Vilamarín acudiron a este Centro as unitarias de Pazos de Monte, Río, Vilamarín, León, Sobreira, O Xen, Bouzas, Tamallancos, Orbán, San Ciprián e A Pena.
En anos posteriores incorporouse alumnado procedente de pobos que pertencen ós concellos de Amoeiro, A Peroxa e Ourense e que pola súa proximidade a este concello, lles resulta máis doado asistir a este Centro.
Durante o ano académico 2000/2001 trasladouse ó colexio o alumnado de Educación Infantil, procedente da escola de Migodevila (Barra de Miño), xunto coa súa profesora, producíndose pois no ano 2000, a derradeira supresión das escolas unitarias da área de influencia do Colexio Antonio Faílde.
Coa implantación da ESO, no ano 1996, o colexio transfornouse nun Centro Público Integrado no que se imparten as etapas educativas de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria.
 

Distribuir contido