blogue deanxorajo

Tras os pegadas do exército romano por Aquis Querquennis e polo Xurés

O alumnado de 1º de ESO e de 3º de ESO de Cultura Clásica visitan o campamento romano de Aquis Querquennis e mais o Parque Natural do Xurés

Na mañá da segunda feira do 22 de abril de 2024 os grupos de 1º de ESO e mais de 3º de ESO que reciben formación en Cultura Clásica se desprazaron ao Centro de Interpretación de Aquis Querquennis, no concello de Bande, acompañados polos docentes Iria, Nieves e Anxo.

Despois do visionado dun vídeo e da visita ao centro expositivo, o grupo desprazouse cara aos restos das instalacións militares, onde parte do alumnado de 1º de ESO, xunto co de Cultura Clásica, descubriron a historia deste magnífico campamento onde se aloxou unha das cohortes da lexión Gemina que se instalara en Legio (León).

Posteriormente, o grupo desprazouse cara á desembocadura do río Caldo, no concello de Lobios, para xantar e gozar da piscina e pozas termais.

Á tarde levouse a cabo a visita aos miliarios que se foran atopando na vía XVIII ou Vía Nova, que unía as localidades de Arturica Augusta (Astorga) con Bracara Augusta (Braga). Ademais, o grupo aproveitou para visitar os restos da mansio de Aquis Originis, unha antiga pousada romana que daba servizo aos comerciantes que percorrían a devandita vía.

No derradeiro punto da xornada, unha parte do alumnado explicou as características do hábitat do Parque Natural do Xurés (Parque Nacional de Peneda-Gerês en Portugal).

 

Visita a un dos motores económicos da vila de Baiona

O alumnado de Economía e Emprendemento do CPI de Cova Terreña descobre algúns dos motores económicos da vila de Baiona

 

No pasado mes de marzo, o alumnado de Economía e Emprendemento, xunto con compañeiros e compañeiras doutros cursos, asistiron a unha visita guiada polo interior da lonxa de Baiona. Alí foron recibidos por un dos responsábeis da lonxa, José M. Sotelo, e mais polo concelleiro de Pesca, Joaquín López, e a concelleira de Educación, Nuria Leyenda. Ao carón do alumnado, acudiron os profesores Cristina Madueño, profesora de Proa +, e Anxo X. Rajó, profesor de Economía e Emprendemento.

Na visita explicouse a importancia da pesca extractiva da vila de Baiona, tanto para a praza de abastos da localidade, como para os supermercados e peixerías, onde se vende un produto de excelente calidade e que xera un volume de negocios superior aos tres millóns de euros. Por outra banda, o alumnado tamén puido observar algunhas das especies capturadas ao longo desa xornada, que ían ser postas á venda para particulares e/ou empresas.

A seguir, o alumnado e o profesorado, xunto cos responsábeis políticos do Concello de Baiona, acudiu á praza de abastos. Alí explicóuselles como saen a concurso os diversos postos de venda, así como as condicións que deben reunir os/as interesados/as en vender os seus produtos dentro deste espazo público. O alumnado, deste xeito, puido comprobar que se trata duns espazos amplamente atractivos para o desenvolvemento da actividade económica.

 

 

Curso de Prácticas Restaurativas no CPI de Cova Terreña

Nesta pasada cuarta feira (mércores), 20 de marzo, tivo lugar a última sesión do curso de Prácticas Restaurativas (ano I) para o profesorado do noso centro e mais do CPI Arquitecto Palacios de Nigrán.

Os dous formadores, Ana e Rafa, ofrecéronnos diversas ferramentas útiles de cara á restauración e reparación da convivencia co noso alumnado.

 

Estes encontros enmárcanse dentro do Plan de Formación do Profesorado do curso 2023-2024.

Descubrindo os principais recursos económicos de Baiona

O alumnado de Economía e Emprendemento de 4º de ESO, xunto con outros compañeiros e compañeiras doutras materias, iniciaron as investigacións para descubrir cales son as claves para entendermos a economía da vila de Baiona.

O percorrido iniciouse na Virxe da Rocha e mais nas praias que se localizan ao carón do Parador. Baiona, ademais dos recursos de natureza, posúe un fermoso paseo ao carón do mar, un club de iates de fama recoñecida e mais a reprodución da carabela A Pinta, que regresou de América un 1 de marzo de 1493.

Tras a visita a estes lugares, o alumnado acudiu ao Recuncho Mariñeiro, un dos restaurantes de máis sona de Baiona, onde puido entrevistar ao seu dono, Pedro Villamarín, quen revelou algunhas das claves para comprendermos o mundo da hostalaría baionesa.

Finalmente, a xornada finalizou cun percorrido polo centro histórico de Baiona.

8M A igualdade é a razón

O CPI de Cova Terreña vén de acoller os actos de presentación da campaña do Concello de Baiona "8M, a igualdade é a razón", que se enmarcan dentro da programación "Baiona Lila 8M".

Os actos iniciáronse coa interpretación da canción Yo no renuncio, da cantante albaceteña Rozalén, por parte do Coro de Educación Secundaria. A seguir, a nosa directora, M. Isabel Martínez Cabaleiro, centrou o seu discurso nas principais reivindicacións das mulleres do século XXI.

Tras a súa intervención, o Grupo de Teatro do noso centro realizou unha performance baseada tamén na letra da canción de Rozalén. A continuación, a concelleira de Igualdade, Sheila González Martíns presentou a campaña do Concello de Baiona e mais o vídeo que forma parte do proxecto, irmanado coa vila de Pornic (Francia). A exposición fotográfica da artista Irene Silva completa a proposta.

Finalmente, o alcalde de Baiona pechou as intervencións e o Coro de Primaria deu cabo ao acto cunha interpretación dun tema da Banda da Loba.

 

Personificando a Rosalía en 2024

Personificando a Rosalía un 23 de febreiro de 2024

Parte dos actores e actrices do grupo de teatro do CPI de Cova Terreña participaron no recital poético da mañá do 23 de febreiro, lendo o manifesto redactado pola AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega).

Na lectura participaron Anxo Carbó, Trinidad Costas, Simon Hayden, Nara Lago, Elia Penedo e Zayra Villar, quen intercalaron poemas da nosa poeta universal cos textos de homenaxe á súa figura e á súa obra.

 

 

Día da Paz en verso

O pasado 30 de xaneiro de 2024 celebramos o Día da Paz no CPI de Cova Terreña cunha xincana deportiva organizada polo departamento de Educación Física, cunha actuación do noso Coro e mais cunha performance creada polo Grupo de Teatro do noso centro educativo.

Eis os versos recitados polos actores e actrices participantes:

"Xa non teño quen me escriba, co pulso do amor

agora sotérrome na ferida, que a súa ausencia e a guerra me deixou.

Non son a néboa que hoxe oculta a mar.

Non son a vida que non me quixo dar.

Non son a sombra do que antes fun.

Non son a miraxe que se perde no horizonte. Son a paz!

Cos teus cotenos no horizonte impasíbel

eu petaba unha interrogación: Que nos enfronta?

Un pensamento inconsciente, un pano furado de estrelas,

atravesa o noso atlántico reclamando liberdade...

Atopamos esta madrugada, na gaiola do mar,

unha illa perdida, no medio do océano de sal. Ao lonxe Palestina!

Armaremos de novo a gaiola pois vai saír o sol

improvisado e desorientado, para fundir a neve da Ucraína.

E nós, alumnas e alumnos do Cova Terreña,

xuntaremos paxaros sen xeografía para enviárllelos a todos os que alí sofren.

O mar, coma a paz, é unha illa de auga rodeada de ceo por todas partes!"

 

Revivindo "Sempre Xonxa" no CPI de Cova Terreña

O alumnado do CPI de Cova Terreña recibiu a visita da actriz Uxía Blanco, protagonista do filme Sempre Xonxa, dirixido por Chano Piñeiro.

 
Na mañá do 24 de xaneiro recibimos no centro educativo a visita da actriz galega Uxía Blanco, protagonista do filme Sempre Xonxa, quen estableceu varios coloquios co alumnado do noso centro. No primeiro deles, orientado ao alumnado de 1º de ESO e presentado polas alumnas Lucía Núñez, Candela Román e Carla Varela, tratáronse aspectos da rodaxe do filme, así como algunhas cuestións relacionadas coa vida persoal e profesional da actriz.
 

Tras finalizar o coloquio, a actriz dirixiuse aos grupos de 2º de ESO, quen tamén traballaran o filme no pasado curso.

Unha vez realizadas as visitas a estes cursos iniciouse, tamén na Biblioteca do noso centro, outro coloquio, desta volta para alumnado de 4º de ESO, relatorio que foi presentado por Pedro Leyenda, Loren Outerelo e Miguel Vilar.

 

O grupo de teatro do CPI de Cova Terreña salta a escena neste Nadal 2023

O grupo de teatro amador do CPI de Cova Terreña, integrado por alumnado de todos os niveis da ESO e dirixido polos profesores Paz Rodríguez e Anxo X. Rajó, iniciou a súa andaina nos escenarios coa posta en escena de dúas obras teatrais nunca antes estreadas.

A primeira delas, titulada "Os defuntos falaban castelao", é unha adaptación teatral baseada no texto orixinal do autor lugués Ánxel Fole, un relato que fora incluído no seu famoso libro Á lus do candil, publicado en 1953.

A segunda das obras presentadas titúlase Unha elección a medida para a princesa Aldara, texto orixinal de Anxo X. Rajó, que mestura a tradición das lendas artúricas, a lírica trobadoresca e outros aspectos das cortes medievais.

As obras formaron parte do Festival de Nadal do CPI de Cova Terreña, que este ano foi presentado de forma espléndida polas actrices Mara e Aida, e mais polo actor David, que tamén dirixiron as badaladas de fin de ano.

Cómpre destacar o elenco de actores e actrices. Segundo a orde de aparición, en Os defuntos falaban castelao:

Narradora (Alba Bouzada), Tristán (Pedro Leyenda), Chofer (Leo), Françoise (Bea), Carme (Elia Penedo), Louise (Loren Outerelo), Vilo (Lucía Blach), Don Ramilo (Adrián Vasconcellos), Mozo (Miguel Vilar) e María (Leti Figueirido).

A respecto de Unha elección a medida para a princesa Aldara, segundo a orde de aparición:

Narradora (Irene Costas), Senescal (Anxo), Carme (Elia Penedo), Conde de Lemos (Pedro Leyenda), Condesa de Lemos (Iris Calero), Conde de Gondomar (Lucía Blach), Condesa de Gondomar, Conde de Camiña (David), Condesa de Camiña (Mara Fernández), Xograr (Miguel Vilar), Menestrel (Ángela Cividanes), Rei D. Afonso X (Leo), Raíña Violante (Trinidad Costas), Princesa Aldara (Nara), O cabaleiro Galván (Sara Cedeira), O cabaleiro Galaaz (Elia Penedo) e O cabaleiro Tristán (Elia Penedo).

 

O xurado do CPI de Cova Terreña falla o II Concurso de Postais en Lingua Galega

O xurado composto polos departamentos de Artes Plásticas e Visuais, Lingua e Literatura Galegas e Portugués, e mais o equipo de Biblioteca e de Dinamización Lingüística, fallaron na tarde do pasado luns 18 de decembro o II Concurso de Postais en Lingua Galega do CPI de Cova Terreña.

 

Todos os premiados e premiadas foron homenaxeados no Festival de Nadal que tivo lugar nesta quinta feira (xoves). Recibiron coma galardóns libros de lectura en lingua galega, pinturas de cores, bolsas e maletíns e chaveiros conmemorativos do 50 aniversario do CPI de Cova Terreña.

Un ano máis, o xurado quixo resaltar na súa acta a extraordinaria participación do alumnado de todos os niveis, amais da alta creatividade tanto para as composicións poéticas como para os deseños presentados.

Nos ficheiros adxuntos, amais dalgunhas imaxes, axúntase a acta do xurado.

 

 

Emprendendo a medida que aprendemos economía na ESO

O alumnado de 4º de ESO, que recibe formación en Economía e Emprendemento, participou na xornada do 19 de decembro de 2023 na presentación das súas sociedades cooperativas na Deputación de Pontevedra.

Ademais de presentar o noso centro e a nosa vila, Baiona, os e as representantes das diversas cooperativas explicaron quen eran os compoñentes das mesmas, os principios que as rexen e a ONG á que van doar parte dos seus beneficios.

A Deputación de Pontevedra, de man do seu deputado provincial Javier Tourís, entregou ao noso alumnado os NIF provisionais cos que poderán operar economicamente nos próximos meses.

As sociedades cooperativas Colecuas, Famouz, CIGA e Laant tentarán abrirse camiño no mercado económico cos seus produtos. Nos próximos meses teredes máis noticias!

 

Concurso de Postais en lingua galega 2023

Xa está convocado un novo Concurso de Postais en lingua galega para este Nadal 2023. Poderá participar, de xeito individual, todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria.

A data de entrega final das postais fica establecida para a sexta feira (venres) 15 de decembro de 2023. O fallo do xurado publicarase a partir da segunda feira (luns) 18 de decembro nesta mesma web.

Departamento de Educación Plástica e Visual

Departamento de Lingua e Literatura Galega e Portugués

 

Vitória cóntanos un conto en portugués

A alumna Vitória, de 2º de Primaria e de orixe brasileira, foi convidada pola mestra Marta Cernadas para que lese un conto en portugués ao alumnado que cursa esta materia en 1º de ESO. 

Aproveitando a circunstancia, as compañeiras e compañeiros de Vitória tamén acudiron ao salón de actos do noso centro educativo. Tras a lectura todas e todos observamos a gran semellanza que existe entre ambas as linguas, o galego e o portugués, que na Idade Media conformaron unha auténtica koiné literaria, pois non existían as fronteiras para a creación e a cultura, tal e como nos amosa a espléndida tradición da lírica trobadoresca.

O alumnado de teatro do CPI de Cova Terreña nos actos do 25N

O alumnado de teatro do CPI de Cova Terreña participou nos actos reivindicativos do 25N organizados pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona contra a lacra que supón a violencia machista na nosa sociedade.

Os actos comezaron cunha marcha dende a entrada do Parador de Baiona rumbo á Praza do Concello. A marcha abriuna o alumnado do noso CPI portando unha pancarta que rezaba: "Baiona contra as violencias machistas".

A seguir, o alumnado puxo en escena unha performance baseada na lectura dos nomes dalgunhas das mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas neste 2023, remarcando a vontade de erradicar dunha vez por todas esta situación detestábel. Alba, Kiara, Nathaldo, Elia, Bea, Iris, Mara e Area deron paso á familia dunha das mulleres asasinadas en Baiona neste ano para que dese lectura ao texto oficial do Concello de Baiona.

O acto rematou cun máis que emotivo minuto de silencio en solidariedade coas mulleres asasinadas e as súas familias.

Vidas cortadas que endexamais verán a luz!

Nais, fillas e irmás que xa nunca volverán!

Non cales ante a violencia sexual!

Non cales ante o insulto!

Non cales ante as ameazas!

 

Regueifando pola igualdade no CPI de Cova Terreña

O alumnado de 1º de ESO do CPI de Cova Terreña tivo a oportunidade de participar nuns obradoiros de regueifas organizados pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, dentro do programa "Baiona Lila".

As regueifeiras Sara e Nuria aprenderon o noso alumnado como elaborar as mellores regueifas, axustando o ritmo e a métrica, dun xeito improvisado.

As regueifas, tal e como nos explicaron as mestras, están moi ligadas á lírica medieval galego-portuguesa, máis concretamente ás tençoes que mantiñan os xograres e trobadores entre si; tamén se asocian a cantos de vodas e outros eventos.

Inauguración da campaña "Baiona Lila" do Concello de Baiona

O alumnado de teatro do CPI de Cova Terreña participou na inauguración da campaña "Baiona Lila", que tivo lugar no Centro Multiúsos de Sabarís o pasado 3 de novembro.

O alumnado puxo en marcha unha performance sobre corresponsabilidade en que cada participante liberaba a muller das ataduras e ligazóns que lle impiden levar unha vida plena.

Bea, Carmen, Kiara, Clara, Antía, Elia, Alba, Iris e Nathaldo amosáronnos que hai outro xeito de compartir a vida en parella e na familia, "corresponsabilizándose" e partillando os labores do fogar e do traballo.

 

 

O Departamento de Lingua e Literatura Galegas e o EDLG organizan o I Certame de Microrrelatos, Feitizos e Rimas Endemoñadas

O alumnado do noso centro educativo presentou máis dun cento de novas creacións literarias

Aproveitando a antiga festividade celta do Samaín "fin do verán", o Departamento de Lingua Galega e mais o EDLG convocaron un certame en que participaron todos os niveis e ciclos de Educación Infantil, Primaria e Secundaria. 

Os requisitos para estas creacións literarias, na modalidade de microrrelato, eran elaborar textos non superiores ás cen palabras e cun argumento centrado no Samaín e en historias de medo e terror. Por outra banda, no apartado de feitizos e rimas endemoñadas, ademais da creatividade, valorouse a orixinalidade e o bo humor do que fixeron gala moitos e moitas participantes.

Finalmente, o xurado, conformado polos membros do Departamento de Lingua e Literatura Galegas e mais algún dos membros do EDLG tomou a decisión de premiar os seguintes traballos na ESO:

Na modalidade de microrrelato o primeiro premio foi para o texto "A miña avoa", de Trinidad Costas, de 2º ESO B, en que o xurado destaca a súa orixinalidade. O segundo foi poara "O rostro no espello", de Mara Ludeña, de 1º ESO B, do que se salienta a excelente redacción do manuscrito.

Nos feitizos, o primeiro premio recaeu na "Poción para crecer", de Ciara Matilde, Laura González e Daniela Miniño, de 3º ESO B, en que o xurado destaca a relación do feitizo co propio Samaín; o segundo premio foi para o "Feitizo para quitar os partes", de Mario Villamarín, Nano Ruibal, Pablo Fontenla e Brais Misa, do que salienta o carácter divertido e simpático desta poción máxica.

A respecto das rimas endemoñadas, o primeiro premio foi para "Unha noite de Samaín", de Vera Goce, de 1º ESO B, en que se salienta a capacidade creativa da autora, e o segundo para "Lobos salvaxes", de Gerardo Rodríguez, Unai Pombal e Xoel Sanmartín, de 2º ESO B, onde salienta a temática relacionada coa nosa etnografía e a mitoloxía da nosa cultura.

Ferramentas dixitais útiles en lingua galega

Eis algunhas das ferramentas e recursos dixitais máis útiles en lingua galega (e portuguesa):

Dicionario Digalego

O dicionario máis completo da lingua galega con máis de 65.000 entradas, etimoloxías, traducións a varias linguas e conxugador de verbos [Consellería de Educación].

Dicionario de dicionarios

Dicionario que recolle máis de 390.000 palabras e acepcións dos dicionarios históricos da lingua galega dos séculos XIX e XX [Instituto da Lingua Galega, ILG e Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo].

Tradutor Gaio

Tradutor moi eficiente na versión galego-castelán e castelán-galego, menos rendíbel na tradución en portugués [Secretaría Xeral de Política Lingüística].

Enciclopedia Galega Universal (EGU)

Enciclopedia en lingua galega de carácter universal, en proceso de actualización [Consellería de Educación].

Dicionario da Real Academia Galega (RAG)

Dicionario que recolle preto de 60.000 artigos lexicográficos e os seus significados.

Dicionario Priberam (DPLP)

Dicionario do portugués contemporáneo que inclúe máis de 164.000 entradas e que integra as normas portuguesa e brasileira, segundo o Acordo Ortográfico de 1990.

 

 

Proxecto Meteoescolas en 1º ESO

PROXECTO METEOESCOLAS EN 1º ESO

No curso 2022-2023, o alumnado de 1º ESO participou no Proxecto Meteoescolas levando a cabo pequenos proxectos colaborativos para o estudo do clima en diversos concellos galegos. Este proxecto foi avaliábel e formou parte da cualificación final da 1ª avaliación.

O obxectivo principal deste proxecto era o estudo da diversidade do clima galego, realizando comparacións entre a climatoloxía de costa e de interior, de concellos do norte e do sur de Galicia. Concretamente, o alumnado investigou a respecto da temperatura, a pluviosidade, o vento e a presión atmosférica. Acompañando estes datos, cada parella ou pequeno grupo presentaba brevemente o concello obxecto de estudo, xunto con algunhas imaxes representativas dos espazos do patrimonio natural e etnográfico do municipio.

Para a investigación, o alumnado estudou as estacións meteorolóxicas de distintas localidades galegas, inseridas en Meteogalicia, e consultáronse outras páxinas web relativas á climatoloxía, que tiveron que identificar e analizar:

www.meteogalicia.gal

www.windguru.cz

www.eltiempo.es

Fantástico concerto do Coro do CPI de Cova Terreña para conmemorar o Día das Letras Galegas

O Coro do CPI de Cova Terreña volveu deleitarnos novamente nunha fantástica xornada en que non faltaron referencias ao 50 aniversario do noso centro e mais a homenaxe a Francisco Fernández del Riego, conmemorando o Día das Letras Galegas.

No acto, presentado por Emma G. e Omar L., o alumnado de 5º e 6º de Primaria leu uns textos alusivos ao 50 aniversario do noso centro, valorando as contribucións dos diversos equipos directivos, docentes, nais e pais e, por suposto, o alumnado que ao longo destes anos contribuíu a crear unha comunidade educativa clave no progreso da vila de Baiona para darlle paso ao vídeo conmemorativo polo 50 aniversario do centro.

Posteriormente, o alumnado de 1º de ESO leu textos referidos á vida e obra de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, antes de dar paso ao concerto do noso Coro, dirixido polo profesor David Piñeiro, cuxo programa de concerto estaba dividido en dúas partes: a primeira cunha homenaxe ás grandes bandas do rock e do pop, como The Beatles, Metallica ou U2; e unha segunda parte con poemas musicados de Álvaro Cunqueiro, Berrogüetto, Manuel Alegre e Curros Enríquez.

 

 

 

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031