3ºESO

Snacks de Singapur

A nosa Auxiliar de Conversa, Anjika, tivo o detalle de traer algúns snacks do seu país, Singapur, para que o alumnado os puidese probar. Nesta ocasión foi o alumnado de CUALE o que tivo a sorte de coñecer, probar e desfrutar o que comen as persoas dun país asiático como é Singapur. Nos explicou que en realidade son alimentos que teñen a súa orixe noutros países como Xapón, Tailandia, Filipinas... Tamén nos falou das deliciosas (e estrañas) froitas que teñen en Asia, pero que desgraciadamente está prohibido traer a España.

No vídeo podedes ver as reaccións do alumnado...

Moitas grazas Anjika! Foi toda unha experiencia!

 

ESCAPE ROOM

No mes de abril o alumnado de CUALE puido desfrutar dunha saída para facer unha actividade de Escape Room en inglés. Desprazáronse ata a Sala Enigma de Ourense, acompañados da profesora e da Auxiliar de Conversa.

Todo o alumnado colaborou de maneira activa e estivo moi implicado para descifrar as pistas, resolver o enigma de Romasanta e poder saír con vida!

Visita de Andrea Maceiras

O pasado 8 de maio visitou o centro Andrea Maceiras, autora de Que me pare o corazón se te esquezo, para conversar co alumnado de 3º ESO e do club de lectura de 4º ESO.

Ademais de falar sobre o seu libro, tamén lle contou á rapazada cales son os seus motivos para escribir. No caso desta obra, foi reflectir unha realidade que xa se producía antes das redes sociais. Estas, que atrapan a xente, como as redes mariñeiras ou das arañas, son capaces de atraer ás persoas vulnerables por estar soas ou buscar atención.

Hoxe en día, fixéronse moi comúns nas redes sociais os retos virais. Estes poden ser sociais, solidarios ou perigosos. Unha reflexión que lanzou Andrea a este respecto, ademais de valorar a temeridade na adolescencia, foi que as redes sociais, malia o seu nome, te acaban desvinculando do teu entorno.

Tras esta charla, o alumnado tivo ocasión de facerlle preguntas ben interesantes á autora, que aparecen aquí transcritas:

- Canto tempo tardas en escribir un libro? Meses. Dende que empezo a escribir, corrixir, presentar a premios e / ou editoriais, publicar,... poden pasar ata dous anos. Hai que ter paciencia.

- Por que escribes? Teño unha irmá pequena á que lle escribía contos nos que ela era a protagonista, por iso lle gustaban.

- En que idioma escribes? En galego. Ás veces traduzo ao castelán se os premios aos que me presento son nesa lingua. Mais despois publícoos tamén en galego.

- Para cando o próximo libro? Na época na que promociono libros non escribo. Só penso idea. No verán e no outono é cando fago novelas. Agora teño algunha idea dando voltas.

- Cal é o teu libro preferido? Cada un é especial por diferentes motivos, non podería escoller un.

 

 

ACTIVIDADE DE ORIENTACIÓN EN OIA

Hoxe, venres 19 de Abril, o alumnado de 3º da ESO disputou unha carreira de orientación nos arredores do curro da Valga (Loureza, Oia). Neste evento, por parellas, os participantes tiñan que buscar no terreo as balizas coa axuda dun mapa e un compás.

O profesorado non se quedou atrás e tamén participou na competición. Agradecemos a compañía e a participación de Nieves e Antía dos departamentos de Plaśtica e Lingua Galega.

Esta actividade forma parte do proxecto de vida activa e deportiva e or programas Inclúe-T, iguála-T e Emocióna-T.

 

 

 

PROGRAMME ÉCHANGE BAIONA - PORNIC

En el documento adjunto encontrará el programa de actividades que se llevarán a cabo durante la estancia del alumnado de Pornic en Baiona, actualizado a 4 de abril 2024.

Intercambio Baiona - Pornic

O alumnado de 3ºESO-Francés está a realizar un intercambio con alumnado do Collége Mounés en Pornic.

O alumnado baionés visitou xa Pornic e as súas inmediacións e tamén asistiu a clases no centro francés No vídeo adxunto pódese ver detalle da experiencia.

No mes de abril recibiremos a visita do alumnado francés no noso centro.

Nesta visita colabora o Concello de Baiona financiando o transporte dos escolares.

Riscos globais

No 1º trimestre do curso 2023/24, na materia de Xeografía e Historia impartida en 3º ESO, o alumnado estivo traballando de forma conxunta co fin de elaborar un informe o impacto ambiental do cambio climático en diferentes accidentes xeográficos ubicados en distintos continentes.

Nos traballos adxuntos pódese ver:

  1. Imaxe satélite do accidente xeográfico.
  2. Mapa coa localización do accidente xeográfico.
  3. Riscos ambientais: resumo da problemática do cambio climático que está afectando a este accidente xeográfico.
  4. Imaxes da apariencia do accidente xeográfico a pé de campo.

 

 

 

Día Mundial da Loita contra a SIDA

O 1 de decembro conmemórase o Día Mundial da Loita contra a SIDA para visibilizar unha enfermidade que, grazas aos novos tratamentos, se cronifica, mais non ten cura.

 

Cada ano, miles de persoas contraen a enfermidade en España a pesar das medidas que se poden adoptar para evitar o seu contaxio. Por iso, alumnos e alumnas de 3º ESO repartiron hoxe lazos vermellos entre o profesorado e o alumnado de Ed. Secundaria. O obxectivo era poñer o foco nesta enfermidade e contribuír así ao seu coñecemento, xa que non se pode loitar contra o descoñecido.

Últimas fichas do Quérote+

FICHA 4. O MODELO DE AMOR ROMÁNTICO

A finais de marzo e principios de abril Emilio Cambeiro, profesor de Lingua e Literatura galega, desenvolveu nos tres grupos de 3º ESO a ficha 4 sobre o modelo de amor romántico:

Realizamos un total de seis sesións, dúas por cada un dos tres grupos do alumnado de 3º da ESO. As sesións consistiron en facer unha achega aos primeiros indicios de amor tóxico e as microviolencias iniciais das relacións.

Na primeira das sesións separamos ao alumnado en grupos, onde debateron sobre diferentes tópicos, ideas e refráns que existen na sociedade e sobre a súa veracidade. Sempre relacionados coas relacións sentimentais ou os diferentes roles de xéneros.

Tamén nesta sesión separaron en dous grupos, feminino e masculino, diferentes adxectivos, cualidades ou sentimentos, sempre e cando pensaran que eran máis típicos dun ou doutro xénero.
Na segunda das sesións visionamos uns vídeos onde se recoñecían os primeiros indicios de violencia nas relacións sentimentais, para logo debater sobre eles. Á súa vez tamén traballamos sobre as tarefas da primeira sesión, onde os adxectivos, cualidades e sentimentos que na xornada anterior separaron en xéneros, agora tiñas que aplicalos a eles mesmos, e así puideron ver como sentimentos, adxectivos ou cualidades que aplicaban sen problema a outro xénero, cando o personificaban en eles mesmos non tiñan problema en admitilos coma propios.

Stop motion en Cultura Clásica

O alumnado de Cultura Clásica de 3º ESO, que cursa esta materia dentro dunha sección bilingüe, estivo realizando no 3º trimestre do curso 2022-23 un vídeo stop motion para recrear o mito de Atalanta.

Na gravación deste vídeo fíxose uso do material dispoñible en polos creativos, do cal empregáronse dúas tabletas, dous trípodes e un micrófono bidireccional.

Co fin de recrear este relato mitolóxico, o alumnado preparou unhas figuras de papel, as cales foron usadas para simular o movemento dos personaxes mediante a toma de varias fotografías sobre un fondo croma, que logo foi substituído con imaxes do mundo clásico grego.

O vídeo que resultou deste traballo pódese visualizar nos documentos adxuntos.

Spring Week

O alumnado de 3º ESO que participa na Spring Week, un programa de inmersión lingüística en inglés, xa está desde a tarde do 23 de abril nas instalacións do Centro Peares. Alí permanecerán ata o 29 de abril, realizando actividades prácticas e obradoiros, xunto con xogos, deporte... co fin de mellorar a súa competencia na lingua inglesa.

ESCAPE ROOM

O 9 de Marzo o alumnado de CUALE desprazouse ata Ourense para participar nunha actividade de Escape Room na Sala Enigma. 

Tiveron que resolver o misterio de "Romasanta" a través de probas e pistas, todas en inglés.

Todos os alumnos e alumnas estiveron moi implicados na actividade, descifraron os códigos e conseguiron, traballando en equipo, resolver o misterio e saír da Escape Room con vida!!

Saída 3º ESO Proxecto Competencial Visita Xeoparque

O alumnado de 3ºESO de Proxecto Competencial visitou o Xeoparque do Courel (Quiroga, Ribas de Sil e O Courel), Castro Caldelas, Pobra de Trives e os canóns do río Sil.

Así pois, nestes días coñecemos distintos enclaves de interese realizando moi diversas actividades, visitando os museos Etnográfico e Mineiro de Quiroga, o Museo do Xeoparque do Courel de Ribas de Sil, e o castelo medieval de Castro Caldelas, onde levamos a cabo unha visita guiada e mais un obradoiro de escrita medieval. Visitamos paraxes naturais marabillosas e tamén puidemos coñecer o dano que o lume causou no Xeoparque e nas súas aldeas, lume e dano que, infelizmente, tampouco é alleo ao noso alumnado de Baiona.



Ademais, tiveron tempo para desfrutar da compañía dos seus compañeirxs e reforzar vínculos.
 

Viaxe a Astorga - Burgos - Atapuerca - León

O alumnado de 3ºESO Relixión está a visitar distintos puntos de interese na comunidade castelanoleonesa.

Así pois, na ruta que están a realizar atópanse distintos enclaves de interese:

  • Astorga: coa súa catedral.
  • Burgos: cidade, catedral, museos...
  • Atapuerca: visita ao xacemento arqueolóxico, actividades no CAREX...
  • León: visita á basílica de S. Isidoro, tesouro da arte sacra.

 

Ademais, terán tempo de desfrutar en compañía dos seus compañeirxs e reforzar vínculos.

 

Quérote+, "As relacións a través das tecnoloxías"

O xoves, 23 de marzo, os profesores María José Torres e Rubén Nogueira implementaron nos tres cursos de 3o ESO a ficha número 5, “A relación dos sexos a través da tecnoloxía”. Buscando que o noso alumnado, “nativo dixital”, reflexionase sobre o uso responsable da tecnoloxía nas relacións interpersoais propiciouse un debate que partía do cuestionario proposto na ficha e que se estendeu durante o visionado de dous recursos audiovisuais. Neste punto facilitóuselle un documento que, baixo o título de “Netiqueta”, recollía as principais normas de conduta socialmente aceptadas en Internet. Léndoas xurdiron dúbidas, reflexións e experiencias propias e alleas que se compartiron publicamente ou que foron, polo seu desexo, recollidas de modo anónimo para ser resoltas nunha última sesión do Programa Quérote+.

 

     

QUÉROTE MÁIS 2022/2023

Durante o primeiro trimestre deste curso arrincamos de novo (e xa por cuarto ano consecutivo) co Plan Proxecta Quérote máis nos tres grupos de 3º da ESO.

Comezamos a última semana de outubro presentando o programa Quérote+ ao alumnado na ficha nº 1, para o que visitamos a súa páxina web, vendo os recursos que o programa pon á súa disposición de maneira totalmente gratuita: información e asesoramento sobre sexualidade, ITS, anticoncepción ou convivencia, test de embarazo e probas de VIH ou dispensación de preservativos.

Realizáronse preguntas anónimas e entre todas e todos escolleron unha delas para enviala a modo de proba no apartado da páxina “resposta a túa dúbida”. No primeiro caso obtivemos unha resposta moi rápida e completa por parte dos profesionais do Quérote+, e no segundo non sabemos, porque se perdeu o código (cousas que pasan…).

 

A ficha nº 2 do programa titulada Educación sexual desenvolveuna o profe de Música David Piñeiro co alumnado dos distintos grupos durante a última semana de novembro.

As alumnas e alumnos fixeron neste caso un total de 75 preguntas que se clasificaron nos seguintes apartados:

- ETS: 14 preguntas.

- Anatomía e fisioloxía dos órganos sexuais: 8 preguntas.

- Prácticas sexuais, “A primeira vez”: 10 preguntas.

- Prácticas: 13 preguntas.

- Métodos anticonceptivos: 17 preguntas.

- Educación sexual: 12 preguntas.

O equipo de docentes participantes no programa acordou na súa reunión inicial ampliar o programa nunha 9ª sesión para poder responder ás cuestións que non sexa posible responder ao longo das seguintes fichas.

 

Na ficha 3, desenvolta durante a última semana de decembro por Asunción Prieto en 3º A e B, e María Zapatero en 3º C (ambas profes de Bioloxía e Xeoloxía), debatemos co alumnado sobre A orientación do desexo e a identidade sexual, temática moi ben recibida e que é incluso requerida por os e as adolescentes.

Falamos dos conceptos básicos comentando as bases científicas das fases de sexuación no ser humano coa axuda dun guión e dunha presentación interactiva, e resolvendo dúbidas respecto do significado dos termos que reflexan a ampla diversidade, tanto de sexualidade e identidade de xénero como constructo psicobiosocial como da orientación sexual. Reflexionamos sobre o sentido e o bo ou mal uso das etiquetas, para o que visualizamos fragmentos de vídeos con protagonistas adolescentes, divulgadores e activistas que nos amosaron a súa realidade respecto ás orientacións sexuais e identidades de xénero. 

Durante toda a sesión os estudantes mostraron respecto e satisfacción por coñecer máis sobre a diversidade da sexualidade humana.

Intelixencia Artificial e Tecnoloxía

O alumnado visitou a exposición de Intelixencia Artificial e tamén o MUNCYT con actividades relacionada coa tecnoloxía, os avances cientificos, a aviación, ...

O equipo gañador da xincana sobre a evolución tecnolóxica.

 

Na procura de Rosalía...

O alumnado de 3º de ESO gozou o pasado xoves 3 de novembro dunha visita inesquecíbel á que foi a casa de Rosalía de Castro en Padrón, a Casa da Matanza. O alumnado, acompañado dos profesores María J. Torres (Lingua Castelá), Asun (Bioloxía) e Emilio Cambeiro (Lingua Galega), puido achegarse a un dos espazos máis senlleiros da vida da nosa escritora universal, lugar onde faleceu o 15 de xullo de 1885, e que aínda conserva moitos dos seus elementos persoais e familiares.

A visita, custeada integramente pola Deputación de Pontevedra dentro do programa "Rosalía, a súa casiña, o meu lar" do servizo de Patrimonio Material e Memoria Histórica, serviu tamén para coñecer outros espazos dos arredores, como o Xardín Botánico de Padrón, onde o alumnado tivo a oportunidade de recoñecer algunhas plantas grazas ás fichas elaboradas pola profesora Asun.

Videoconferencia CIBER.gal Eu non son o obxectivo... ¿ou si? Hacking en directo

Hoxe asistimos por videoconferencia a unha formación sobre ciberseguridade dentro do II Encontro CIBER.gal organizado por AMTEGA e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia asistimos á actividade:

Eu non son ó obxectivo... ¿ou sí? Hacking en directo
Impartido por Enrique Serrano Aparicio – Founder & CEO en hackrocks| International Speaker | TEDx Talk | Cyber Security Advisor

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031