Aliméntate ben

Aliméntate ben

O noso centro, dentro do Plan Proxecta do curso 19/20, participa no proxecto Aliméntate ben. O título do noso proxecto para este curso 19/20 é:  "Sabores da terra e do noso mar"

Dentro do proxecto, levaremos a cabo unha serie de experiencias educativas  encamiñadas a concienciar ao alumnado da importancia de ter uns bos hábitos alimenticios, adquirir coñecementos sobre os alimentos que consumen frecuentemente, analizar eses alimentos e a súa presenza na pirámide alimentaria, as clases de alimentos e a súa composición. A información nutricional permitiralles diferenciar e analizar se eses alimentos son ou non saudables, tomando consciencia de que alimentos deben reducir o consumo e cales deben introducir na súa dieta. O centro, repetindo a experiencia doutros cursos, distribuirá froita a todo alumnado durante o tempo de recreo. Ademais, ao dispoñer de comedor escolar con cociña propia, analizaremos os menús xa que, como usuarios do mesmo, o alumando terá unha grande motivación. Con relación á alimentación saudable, afondaremos nas características do ecosistema mariño, realizando traballos e analizando a acción humana tanto positiva como negativa sobre o mesmo, e diferenciarémolo da paisaxe terrestre que temos máis próxima coma habitantes de zona rural do interior de Galicia.

 

Receitas con peixe

Unha das actividades elaboradas polo alumnado de 2º de Educación Primaria durante o confinamento relacionada con “O Sabor da Aventura Está no Mar” foi a redacción e preparación de receitas con alimentos do mar. E, con todas elas, elaboramos un este receitario. Esperamos que as probedes! Seguro que vos gustan. Bo proveito!

Grazas a todas as familias e ao alumnado pola súa participación.

Nota: o vídeo tarda un pouquiño en cargar

Xornada de marisqueo en Cambados

O 11 de febreiro, grazas ao programa “O Sabor da Aventura está no Mar” o alumnado de 2º de Educación Primaria realizaron unha visita didáctica a Cambados para coñecer de preto e, tamén, poñer en práctica o marisqueo da man de dúas mariscadoras da zona, coñecendo os útiles necesarios, as mareas, os diferentes moluscos... Ademais, visitamos a lonxa e coñecemos o laborioso oficio das redeiras. Por último, fixemos unha degustación de dous pratos elaborados con produtos do mar. Boísimos!! Unha experiencia inesquecible.

 

Álbum: Sen categoría -> XORNADA DE MARISQUEO EN CAMBADOS

Menús de Nadal

No mes de decembro e, en colaboración coas familias, o alumnado de 2º e 5ºA elaboraron uns menús de Nadal, consistentes en primeiro prato, segundo e sobremesa. Logo, con todos eles fixemos unha exposición nos corredores do edificio de primaria. Grazas pola vosa colaboración!

Esta actividade forma parte do Plan Proxecta Aliméntate Ben. 

Álbum: Sen categoría -> MENÚS DE NADAL

Celebración de aniversario con receitas saudables

Para celebrar os aniversarios do primeiro trimestre dos alumnos/as de 2º de EP, elaboramos unhas receitas saudables. Logo, elaboramos a lista da compra cos ingredientes que precisabamos e despois fomos ao supermercado a facer a compra!! Collemos a froita, pedimos xamón á charcuteira e pagamos na caixa.

Ao día seguinte, elaboramos as nosas receitas seguindo os pasos e cando xa tivemos todo listo, merendamos todos xuntos celebrando o aniversario dos compañeiros/as. Parabéns!

Preme na foto para ver todas as imaxes do albume

Álbum: Sen categoría -> Celebración de aniversarios con receitas saudables

Visita didáctica á panadería

No mes de decembro, o alumnado de 2º de primaria realizou una saída didáctica á panadería O Forno Do Monte, á cal lle agradecemos todo o que nos ensinaron e o pan tan delicioso e saudable que nos axudaron a facer.

Ensináronnos todo o proceso de elaboración do pan, os ingredientes que empregan e as máquinas e aparellos que precisan. Ademais tamén coñecemos diferentes tipos de pan, segundo o cereal empregado e a forma que lle dan á masa.

Por último, deixáronnos amasar os nosos propios boliños e barriñas. Deliciosos!!!!

Preme na foto para ver todas as imaxes do albume

Álbum: Sen categoría -> Visita didáctica á panadería

Samaín

Co motivo da celebración do Samaín, pedimos a colaboración das familias do alumnado de 2º de Educación Primaria para que trouxeran elaboración de receitas saudables baseadas nesta temática e/ou con alimentos propios do outono. A merenda resultou un éxito e estaba todo delicioso! Moitas grazas pola vosa implicación.

Preme na foto para ver todas as imaxes do albume

Álbum: Sen categoría -> Samaín

Iniciámonos no proxecto Aliméntate ben

Para iniciarnos neste Plan Proxecta “Aliméntate Ben”, o alumnado de 2º de Educación Primaria  realizamos actividades de recoñecemento da orixe dos alimentos así como tarefas baseadas na pirámide dos alimentos.

Ademais, melloramos entre todos/as o menú de merendas saudables do pasado curso cambiando, por opcións saudables, aquelas que non o eran tanto. Ao ser realizado por eles mesmos, resultou moi motivador e o calendario de merendas moi satisfactorio.

Preme na foto para ver todas as imaxes do albume

Álbum: Sen categoría -> Iniciámonos no proxecto Aliméntate ben

Powered by Drupal - Design by artinet