Skip to Content

Entrega de premios da Olimpiada de Química

A Universidade de Vigo acolleu o pasado venres a entrega de galardóns e diplomas a gañadores e participantes de XL Olimpiada Galega de Química.

Entre os participantes atopábase o noso alumno José Manuel Domínguez que xunto aos demais participantes visitaron os laboratorios da Facultade e recibiron os seus galardóns.

 

 

 

ABAU 2023

Nestes dous documentos podedes consultar o calendario das ABAU 2023 así como os documentos que tedes que traer ao exame.

GAÑADORES DOS “RETOS DE POLOS CREATIVOS”

Na convocatoria dos “Retos de Polos Creativos” animábase aos centros educativos incluídos neste programa a participar a través do desenvolvemento ou elaboración dunha actividade educativa, coa condición de que a materia prima fose a reciclaxe de materiais de refugallo,  educando ao alumnado na xestión sostible dos recurso e na economía circular.
No noso caso, e aproveitando a cantidade de cartón almacenada no centro, moito do cal procedía das caixas de embalaxe do propio material dos Polos Creativos, decidimos elaborar co alumnado de 3º da ESO un Reloxo de Sol de cuadrante ecuatorial, realizando unha actividade multidisciplinar, que permite traballar contidos de matemáticas (introdución a trigonometría e manexo de ferramentas TIC), tecnoloxía (materiais, ferramentas), xeografía (latitude e lonxitude da Terra e os seus movementos), historia (historia dos reloxos de sol e identificación dos reloxos que perduran na contorna do instituto), e educación plástica (dixitalización de imaxes).

Finalmente, esta actividade obtivo o primeiro premio na categoría “Mellor material Científico – Matemático”, o que supón un gran respaldo ao traballo desenvolvido polo profesorado, e sobre todo polo noso alumnado.

Podes consultar a memoria e o vídeo do traballo  realizado nas seguintes ligazóns:
-    Ver memoria.
-    Ver vídeo.

ACTIVIDADE MINIMITOVÍDEOS (APP)

O Departamento de Latín e Grego está a realizar durante o curso 2022-2023 a actividade chamada "Minimitovídeos" co alumnado de Cultura Clásica de 4º de ESO, en coordinación co Club de Ciencia e os Polos Creativos, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Biblioteca do centro e coa colaboración de S.O.S. Clásicas, asociación que reivindica a visibilización das clásicas e unha maior presenza do latín, do grego e da cultura clásica na ensinanza.
A actividade "Minimitovídeos" ten como núcleo a elaboración de pequenos vídeos que reproducen episodios de mitos grecolatinos (en ocasións son un retrato dun personaxe). Os "Minimitovídeos" teñen unha duración media de 10 segundos, non teñen son, non teñen vestiario específico nin case atrezzo. Os vídeos foron dirixidos e filmados polo alumnado, que tamén actuou nos mesmos.
Unha das finalidades que se lle deu a estes vídeos foi a elaboración de dúas aplicacións mediante a utilidade App Inventor, aplicacións que tamén quedarán a disposición do que estea interesado na páxina de dita utilidade.
A finalidade da APP  é propoñer ao usuario un pequeno reto a modo de xogo, no que terá que adiviñar cal é o Mito que se representa en cada vídeo.
A continuación mostramos o código QR a través do cal poderás descargar e instalar as aplicacións no teu dispositivo móbil, e poñer a proba os teus coñecementos sobre Mitoloxía.
MINIMITOVIDEOS1  

      MINIMITOVIDEOS1                                                           MINIMITOVIDEOS2

 

FONDO SOLIDARIO LIBROS DE TEXTO E AXUDAS LIBROS E MATERIAL CURSO 23-24

No DOG do día 19 de maio de 2023 publícase a Orde do 10 de maio de 2023 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2023/24 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).

O IES Agra de Raíces está incluído no proxecto educación dixital (E-DIXGAL), polo tanto, o  alumnado está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, terá dereito á axuda para adquirir material escolar, así como ás establecidas nas disposicións adicionais primeira e segunda, se reúne os requisitos establecidos nesta orde.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (ED330B-anexos I e II) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal Opcionalmente, poderá presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo: remata o 21 de xuño de 2023 (incluído)

Para consultar a orde (co impreso de solicitude) pincha aquí.

HOMENAXE CONCHA BLANCO

O pasado martes 16 de maio, o IES Agra de Raíces rendeu homenaxe a unha das escritoras máis importantes da literatura galega, a ceense Concha Blanco. Concha Blanco combinou durante moitos anos a súa faceta literaria co seu labor de docente xa que, aínda que agora estea retirada, a autora formou parte da comunidade educativa do Raíces impartindo clases de Lingua e Literatura Galega durante varios anos.

Despois de impartir unha charla ao alumnado de 1º de Bacharelato, onde fixo un percorrido pola súa traxectoria literaria e o proceso creativo, a dirección do IES Agra de Raíces xunto co equipo da Biblioteca, rendéronlle unha homenaxe bautizando a biblioteca co seu nome.

A autora descubriu unha praca conmemorativa deseñada pola xefa do departamento de Debuxo do centro e realizada en impresión 3D con materiais do proxecto Polos Creativos, no que está inmerso o Raíces. Ademais, o alumnado fíxolle entrega dun ramo de flores. A autora, moi emocionada, agradeceu o acto e agasallou ao alumnado con exemplares da súa obra.

 A dirección do IES Agra de Raíces valorou a figura de Concha Blanco como un referente para Cee, a Costa da Morte e toda Galicia, pola súa contribución ás letras galegas. 

PREMIO EXTRAORDINARIO BACHARELATO 2022

O noso alumno Mateo Pérez Soto brillou na entrega dos premios extraordinarios de Bacharelato, levada a cabo no museo da Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, o pasado 12 de maio, recibindo o seu diploma de mans do Presidente da Xunta, don Alfonso Rueda. Unha vez máis, un alumno do noso centro consegue este galardón.

Este recoñecemento súmase aos premios que acadou ao longo do pasado ano. A súa xenialidade fai parecer sinxelos estes fitos que vai sumando; porén, non debemos esquecer a excepcionalidade dos seus logros, que son fruto do seu inxente traballo e que están á man de moi pouca xente.

 

A esta inmensa capacidade académica súmase unha extraordinaria dimensión humana, que fai del un grande compañeiro, un marabilloso alumno e unha persoa admirable.

A comunidade educativa do IES Agra de Raíces quere facer chegar os seus parabéns a Mateo. Sentímonos agradecidos por ter coincidido con esta magnífica xeración de alumnado, da que Mateo actúa como vangarda.

Bravo, Mateo!

O 8 M no Agra de Raíces

Aquí podedes ver a montaxe feita polo Departamento de Orientación coas fotos feitas o 8 de marzo.

O teu navegador non soporta este vídeo.

THAT'S ENGLISH. Datas de exames de maio - xuño 2022

As datas dos exames de That's English son as seguintes:

A2

Recuperación A2.3: martes 2 de maio 12:15 horas IES AGRA DE RAÍCES

Certificación: 24 de maio IES FERNANDO BLANCO

Extraordinaria A2.3: martes 6 de xuño 12:15 horas IES AGRA DE RAÍCES

 

B2

Recuperación B2.1: venres 5 mario 09:20 horas IES AGRA DE RAÍCES

B2.2: xoves 25 de maio 10:30 horas e venres 26 de maio ás 9:20 horas IES AGRA DE RAÍCES

Extraordinaria: venres 9 de xuño ás 9:20 horas e xoves 15 de xuño ás 10:25 horas IES AGRA DE RAÍCES

Día do libro 2023

Os integrantes do Club de lectura Libros como area desexanvos un feliz Día do libro 2023

O teu navegador non soporta este vídeo.

Distribuir contido


by Dr. Radut