CIENCIA E TECNOLOXÍA EN GALEGO

 

O día 5 de novembro celébrase o III día da Ciencia e Tecnoloxía en galego. Este evento ten como principal obxectivo defender uso do galego nas áreas de Ciencias e de Tecnoloxías e está organizado polas asociacións:


IGACIENCIA
Institución Galega da Ciencia
AGAPEMA
Asociación galega de profesores de educación matemática  

 

ENCIGA
Asociación de ensinantes de Ciencias de Galicia  

 

APETEGA
Asociación de profesorado de Tecnoloxía de Galicia

Este ano  proponse a Tecnoloxía como temática anual, presentando as figuras de Ramón Verea (inventor galego dunha das primeiras calculadoras), e Leonardo da Vinci e a bicicleta como principais propostas de traballo. Baixo o lema "A Tecnoloxía fala galego" e recuperando outros como" A tecnoloxía é cultura" e "Tecnoloxía: evolución e cultura", salientase a importancia da formación tecnolóxica  no sistema educativo, ante as novas propostas educativas. Preme  para obter máis información: Apetega, PEAPT.

No IES de Brión participamos no III día da Ciencia e Tecnoloxía en galego con diferentes actividades:

- Participación na videoconferencia vía web que terá lugar o vindeiro martes 6 de novembro, organizada pola Coordinadora Galega de equipos de Normalización e Dinamización Linguïstica na que destacados investigadores en Física de Partículas formados en institutos galegos achegarán temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade, baixo o título título: "Facendo Física de Partículas polo mundo" polos relatores: Patricia Conde, investigadora no LIP de Lisboa, física do experimento ATLAS do CERN. Olalla Castro, profesora no City University en Londres, investiga en Teoría Cuántica de Campos. Abraham Gallas, investigador no CERN e na USC, físico do experimento LHCb do CERN. Carlos Salgado, investigador no CERN e na USC, investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo. Cibrán Santamarina, profesor da USC, traballa no experimento LHC do CERN.

- Deseño e construción da ponte autoportante de Leonardo da Vinci e construción dunha cúpula baseada nos seus debuxos.

- Deseño de engrenaxes.

- Mostra de bicicletas e slogans relacionados coa bicicleta como vehículo sostible.

- Recompilatorio de libros sobre a figura de Leonardo da Vinci.

- Recompilatorio de información na rede sobre Leonardo da Vinci. 

- Exposición de traballos elaborados por alumnado de 4º  sobre Leonardo da Vinci, Ramón Verea e a bicicleta.

- Análise da bicicleta como obxecto tecnolóxico.