Skip to Content

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE BACHARELATO E DE ESO

Convocatoria de premios extraordinarios ESO 2022-2023

     O venres, 14 de abril, publicouse no DOG a Orde do 31 de marzo de 2023 pola que se convocan os premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2022-2023 (código de procedemento ED311D).

     O alumnado que, cumprindo cos requisitos da convocatoria, desexe particiar, terá que facelo entre o día 31 de maio de 2023 e rematará o día 30 de xuño de 2023, presentando a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia con certificado electrónico ou Chave 365 (código do procedemento ED311D). Na mesma sede atopará toda a información sobre o procedemento.

 

Convocatoria de premios extraordinarios Bacharelato 2022-2023

   O día 3 de abril publicouse no DOG a Orde do 20 de marzo de 2023 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2022-2023 (código de procedemento ED311A).

   O alumnado que, cumprindo cos requisitos da convocatoria, desexe participar, terá que facelo entre o 26 de abril e o 25 de maio de 2023, como datas límite, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia con certificado electrónico ou Chave 365 (código de procedemento ED311A).

RECOÑECEMENTOS AO ALUMNADO DO IES PLURILINGÜE ELVIÑA

HOMENAXE A JORGE E PAULA

   Aínda que, por moitas razóns, todo o alumnado do IES Elviña ben merecería galardón de cotío sexa pola súa calidade humana ou pola académica, tamén sucede, de cando en vez, que caia en alumnado do noso centro esa sorte de recoñecemento singular que, saído da esfera do esforzo persoal, premia o xenio, os talentos particulares dalgún dos nosos rapaces e rapazas.

Imaxe

Jorge01Jorge 02Jorge 03


     Hai dúas semanas, asistimos a unha desas venturosas ocasións, recoñecemento no eido das belas letras, cando o alumno de 2º de Bacharelato do noso centro Jorge Unzaga recibiu o I Premio de Poesía no Certame Rita Suárez Amado, convocado polo IES Plurilingüe Eusebio da Guarda.
     Ben é certo que para Jorge era esta a segunda vez que recibía un galardón polo seu talento coa expresión máis verdadeira das palabras: hai dous anos recibira xa un accésit polas súas composicións nesta mesma prestixiosa competición coruñesa. O paso do tempo colocouno desta vez no máis alto, amosando o xeito en que a experiencia e o coñecemento de un mesmo aprofondizan e decantan no poeta a exacta natureza do seu arte. 
Así o sinalaron os membros do xurado, que subliñaron a extraordinaria matureza e o talento único do noso xoven autor, que fan sospeitar un futuro destacado no eido das letras, se non decae o seu compromiso con elas.

    Alumno discreto e comedido, benquerido de toda a comunidade do IES, Jorge ben merecía polo seu labor e pola súa persoalidade este premio, que non será, a bo seguro, o último.

Noraboa, poeta!

*     *     *

 

Paula01Paula02
Fotografías tomadas do instagram do Club Ximnasia Tempo

   Pasamos agora desde o mundo das letras ao eido da formación física, pois falamos dunha alumna que foi noticia entre nós por converterse hai uns días en ximnasta profesional, máis que meritoria culminación -polo momento- do seu constante traballo por despuntar no difícil mundo da competición deportiva de alto nivel.

   Trátase de Paula López Villar, intrépida estudante de 2º de Bacharelato, que a maiores dos esforzos por resolver integrais e por desentrañar os misterios arcanos da bioquímica, é tamén experta nas non menos complexas artes da barra de equilibrios, das asimétricas, dos flip-flaps e dos mortais adiante e atrás...
    Que a súa condición e os seus talentos a leven lonxe neste competitivo mundo.
Desde o IES, ficamos atentos a atopar o seu nome nas competicións...

 

Recorte de prensa
Recorte do diario La Opinión e enlace coa noticia

BOAS NOVAS PARA O ALUMNADO DO IESP ELVIÑA

O Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, D. Gonzalo Trenor, visitou hoxe o IES Plurilingüe Elviña para compartir coa comunidade educativa a próxima dotación dunha pista polideportiva cuberta no espacio do patio.

As novas instalacións contribuirán moi positivamente á actividade do centro desde o vindeiro curso, poñendo en valor todo o potencial do maior espazo do centro, e arranxando as áreas desgastadas polo paso do tempo. O alumnado desfrutará de mellores medios para a práctica deportiva e outras actividades de exterior e de vida saudable, e de áreas de acollemento máis seguras e confortables en todas condicións meteorolóxicas durante o lecer.

A iniciativa enmárcase dentro das actuacións contempladas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, e conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no programa operativo FEDER Galicia 2014–2020. Engádese a outras iniciativas en curso da Xefatura Territorial da Coruña contribuintes á modernización das instalacións do centro.

Podese ler máis información nas canles oficiais de comunicación e nos medios de prensa que se fixeron eco no mesmo día, como a La Voz de Galicia, El Ideal Gallego e Cadena Cope.

Patio IESP Elviña

AVISO: FOLGA DE TRANSPORTE O VENRES 31 DE MARZO

AVISO MOI IMPORTANTE A TODA A COMUNIDADE

FOLGA DO SECTOR DE TRANSPORTE ESCOLAR

 

     As compañías que prestan á Consellería de cultura o servizo de transporte escolar comunican que este venres 31 de marzo haberá unha folga do sector, co que NON PODEN GARANTIR QUE O SERVIZO QUE PRESTAN AOS CENTROS POIDA CUMPRIRSE CON NORMALIDADE.

     Aínda que o transporte escolar soe entrar dentro dos servizos mínimos que se establecen en ocasións semellantes, non hai garantías de que non xurdan retrasos ou outras irregularidades na prestación dos servizos ao alumnado transportado.

    Polo tanto, en previsión destes problemas, PRÉGASE ÁS FAMILIAS DO ALUMNADO TRANSPORTADO QUE TEÑAN PREVISTO PARA O VENRES 31 ALGÚN TIPO DE PLAN ALTERNATIVO TANTO PARA A ENTRADA COMO PARA A SAÍDA no caso de que o noso servizo de transporte se vexa afectado pola folga.

    Desde o centro, aínda que non sexa cousa da nosa responsabilidade, pregamos saiban desculpar as molestias que esta incidencia lles poida ocasionar.

 

 

4ª e 5ª MOBILIDADES PROXECTO ERASMUS+ KA101: "Approaching Multicultural Issues and Mixed Ability Classes". REPÚBLICA CHECA

Asistencia de dúas compañeiras a un curso de formación
en Praga (República Checa)
 
004     As nosas benqueridas compañeiras dos departamentos lingüísticos Cintia Louro (lingua castelá) e Mar Alejandro (lingua francesa), aproveitaron o Entroido para realizar a cuarta mobilidade organizada polo centro dentro do seu programa de Internacionalización Erasmus+ Derrubando Muros.
     Desta vez, as dúas docentes viaxaron ata a fermosa cidade de Praga, capital da República Checa, para aprender sobre novas metodoloxías de integración da diversidade na aula nunha formación chamada “Approaching Multicultural Issues and Mixed Ability Classes”. O curso foi organizado pola empresa ITC International dentro do Proxecto Erasmus+.
Durante os cinco días que durou o curso, as dúas profesoras puideron compartir a súa experiencia con outras colegas de diversas nacionalidades (Grecia, Croacia, Estonia e Eslovaquia) e aprender das súas propias diferencias educativas, persoais e culturais coas súas compañeiras de aula.
     Despois desta enriquecedora experiencia, Cintia a Mar voltaron connosco con pilas recargadas e unha manchea de novos coñecementos e habilidades para fomentar a inclusión das distintas capacidades do alumnado na aula, sempre co obxetivo de acadar unha mellor convivencia e un ambiente favorable para a aprendizaxe de todas e todos. Como son de talante xenerosa e de recoñecida xentileza, compartirán toda esa nova sabedoría docente cos que ficaron.
 
001002003
Distribuir contido


by Dr. Radut