Visita á exposición "This is Pop" (1º e 2º de Bacharelato de Artes)

O pasado venres 14 de outubro, o alumnado das materias de Historia da Arte, Debuxo Artístico e Volume visitou a exposición “This is Pop” no Café Moderno de Pontevedra. A saída foi organizada polos departamentos de Xeografía e Historia e Debuxo.

A mostra "This is Pop" é unha colección de arte composta por máis de sesenta obras orixinais de figuras tan recoñecidas coma Andy Warhol, Yayoi Kusama, Roy Lichtenstein, Jeff Koons ou Damien Hirst, que o alumnado coñeceu da man das guías da Sede Afundación.

Despois da visita guiada, o alumnado participou nun obradoiro creativo. A través da ferramenta MakeCode e as placas MicroBit, aprendeu a programar o encendido dunha serie de LEDs que iluminase os seus propios deseños. Desta forma sinxela, o alumnado de Artes puido familiarizarse con técnicas artísticas actuais herdeiras da arte pop, coma a robótica aplicada ou o videomapping.