Novas

Alumnos de SMR1 destacan nas Olimpíadas de Telecomunicación galegas

Un grupo de alumnos de SMR1 conseguiu un destacado recoñecemento nas Olimpíadas de Telecomunicación a nivel galego. A súa participación nesta competición resultou ser unha experiencia enriquecedora e inspiradora para eles.

 

Presentaron un proxecto innovador que empregaba a intelixencia artificial para identificar as etiquetas medioambientais dos vehículos. O obxectivo principal era contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) establecidos na Axenda 2030.

 

Coa súa dedicación e traballo en equipo, estes estudantes desenvolveron un sistema de recoñecemento de imaxes que utilizaba algoritmos de aprendizaxe automática. Grazas a esta solución tecnolóxica, foi posible identificar de forma eficiente as etiquetas medioambientais dos coches, promovendo así a conciencia ecolóxica e a identificación de vehículos menos contaminantes.

 

A súa destacada actuación nesta competición galega é un testemuño claro do seu talento e compromiso coa ciencia e a tecnoloxía. Estes alumnos de SMR1 son un exemplo inspirador para a nova xeración, demostrando que a paixón e o esforzo poden levar a logros sorprendentes.

 

Parabéns aos estudantes de SMR1 pola súa destacada participación nas Olimpíadas de Telecomunicación galegas. Estamos seguros de que o seu éxito continuará impulsándoos a buscar solucións innovadoras que contribúan ao desenvolvemento sustentable e ao progreso da nosa sociedade.

 

 

Pasapalabra "O Monte vivo" (1º ESO)


-A: comeza pola A: avaliación. Tras a visita o pasado día 8 de maio á base aérea do Campiño por parte do alumnado de 1º ESO, tocaba avaliar os coñecementos adquiridos por parte dos participantes, tanto nesta actividade como nas restantes relacionadas co programa “O monte vivo”.

-B: comeza pola B: biblioteca. Josebe, como coordinadora da Biblioteca do IES Monte da Vila, conseguiu involucrar, tanto ao alumnado máis novo, de 1º ESO, como aos “veteranos “ de 2º Bacharelato presentes, demostrando que é posible a cooperación interxeracional,

-C: comeza pola C: os participantes organizáronse en dous grupos, “pilotados” por cadanseu voceiro, e foron respondendo ás preguntas do “rosco” correspondente, relativas a monte e incendios. Os equipos tiñan como mascota un peixe e unha ra, segundo o debuxo que aparecía en cada “rosco”.

-D: comeza pola D: demostración: o alumnado demostrou ter asimilado moitos contidos sobre a materia, facendo vibrar coas súas respostas ao profesorado presente, de diferentes departamentos.

-E: comeza pola E: entrega: tras un tempo de lecer cheo de entretemento, procedeuse á entrega do premio ao equipo cuxo voceiro foi Jose Carlos Caneda, quen xa tivera un papel protagonista na excursión ao Campiño. O agasallo recibido foi, precisamente, un dos dous enormes libros que nos entregaron alí, con fotografías sobre as paisaxes galegas que son a envexa doutras rexións, e que tanto debemos coidar.

-F: comeza por F: final. Esta é a actividade final no marco do Plan Proxecta+ “ O Monte vivo”, na que participamos os departamentos de Matemáticas, Xeografía e Historia e Música; neste caso en coordinación coa biblioteca, e coa axuda do TIC do centro, Pablo Gallego.

Roteiro xeolóxico Montalvo-Lanzada (4º ESO)

 

O pasado 5 de maio o xeólogo Francisco Canosa guiou ao alumnado de 4º ESO por unha senda litoral dende a praia de Montalvo ata a Lanzada, parándonos a ver diferentes estruturas xeolóxicas de interese nas praias de Foxos ou Bascuas, entre outras.

 

Ademais, neste roteiro os estudantes puideron comparar as distintas rochas máis abundantes da zona de Sanxenxo e do Grove. 

No blog do noso guía podedes atopar máis información sobre esta xeorruta.

 

Fondo solidario de libros de texto e axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar - Curso 2023/2024

Prazo de solicitude:     do 20/5/2023 a 21/6/2023, incluídos

Texto da convocatoria:   ORDE do 10 de maio de 2023 (DOG do 19 de maio)

Procedemento administrativo:     ED330B

 

 Forma de presentación:

  • Electrónica: utilice esta aplicación e presente solicitude na Sede Electrónica  (inicie premendo no icono de botón na esquina superior dereita da pantalla)

           NOTA: na presentación electrónica deberá presentar unha solicitude individual para cada un dos seus fillos

  • Presencial con asistencia da aplicación : cubra os datos nesta aplicación, imprima os Anexos I e II producidos e presenteos no centro educativo (inicie premendo no icono de botón na esquina superior dereita da pantalla)
  • Presencial manual: utilice os Anexo I e Anexo II da Orde da convocatoria e presenteos no centro educativo

O alumnado que non estea admitido nin coñeza en que centro vai estar escolarizado no curso escolar 2023-2024, deberá presentar a solicitude no centro no que está matriculado no curso 2022-2023

 

Visita á base de brigadas helitransportadas do Campiño (1º ESO)

 

O venres 8 de maio o alumnado de 1º ESO visitou a base do Campiño, dentro do Proxecta+ "O monte vivo" (departamentos de Matemáticas e Xeografía e historia).

O alumnado máis novo do IES Monte da Vila probou por un día a “poñerse na pel” dos bombeiros, soñando con ser intrépidos pilotos a bordo do helicóptero (recibiron explicacións de primeira man sobre o seu funcionamento), usando a mangueira do camión ou manexando ferramentas para apagar un lume sobre o terreo.

 

O equipo de extinción de incendios de O Campiño acolleu ás e aos estudantes con enorme amabilidade, e resolveron en todo momento as súas dúbidas, animándoos a participar e premiando a quen fixo preguntas tras a proxección dun vídeo cunha gorra de recordo. Tamén agasallaron ao IES Monte da Vila con dous libros sobre as impresionantes paisaxes de Galicia que entre todos debemos protexer.

 

Coñecendo o traballo dun luthier: artesán de instrumentos de corda (2º ESO)

 

O venres 28 de abril o luthier Alberto Davila ofreceunos unha charla sobre o seu labor como produtor de instrumentos de corda. Trouxo mostras de laude, viola da gamba, zanfoña, arcos... Feitos no seu taller. Así como das madeiras de primeira calidade coidadosamente escollidas, para acadar un produto de excelente resultado sonoro e de ofrecer a mellor relación calidade –prezo.

 

 

 

A actividade foi organizada entre o Departamento de Matemáticas (Proxecta+ "O monte vivo") e o Departamento de Música. Participou o alumnado de 2º ESO.

Distribuir contido