Skip to Content

2016-17

EDUCACIÓN PARA A SAÚDE

Os días 2, 3, e 4 de novembro levarase a cabo cos alumnos dos cursos de 1º - 2º e 4º da ESO un programa de educación para a saúde coa colaboración do Servicio de prevención de drogodependencias de Vilagarcía (SPAD).
Trataranse os seguintes temas segundo os  grupos:

  • 1º ESO: Habilidades sociais.
  • 2º ESO: Prevención do uso/abuso de alcohol.
  • 4º ESO: Mitos/crenzas erróneas e conceptos básicos sobre drogas ilegais.

 

Designed by Freepik

NOVAS DO NOSO PROFESOR EMÉRITO RAMÓN BREA

O noso querido profesor de galego Ramón Brea, xa xubilado, non para de bulir. Entre outras cousas, forma parte da asociación cultural Barbantia: 

"Dende hai algún tempo, unha morea de amigos do Barbanza, os máis deles creadores e animadores culturais, viñamos acariñando a idea de crearmos un espazo que nos xunte e que sexa unha especie de lugar común para a cultura. Despois de moitas conversas, decidimos fundar Barbantia, unha asociación cultural que pretende ser un centro de ideas, un proxecto común, aberto, de carácter independente, co único ánimo de lucro da cultura como elemento enriquecedor."

www.barbantia.es

Se queredes saber máis sobre a asociación Barbantia podedes visitar o seu sitio web.

Desde o nacemento da asociación, Barbantia publica cada venres de fin de mes no Xornal La Voz de Galicia un suplemento cultural, A Voz de Barbantia. E aquí tedes a Ramón.

Para ler a reportaxe no xornal podedes premer na imaxe ou aquí.

 

O 1º CURSO DE CICLO SUPERIOR FAI AQUAPILATES

Esta semana o alumnado de primeiro ciclo de TSAAFD realizou un curso de aquapilates impartido por Santi na piscina de Fontecarmoa para o módulo de Individuais. O aquapilates é unha variante do xa coñecido pilates pero realizado na auga indicado para persoas que teñen dificultades para practicar a modalidade convencional.  De feito, o aquapilates axuda a mellorar a postura da columna vertebral, reduce a dor e os espasmos musculares e favorece a relaxación. 

VER GALERÍA DE IMAXES

O CICLO SUPERIOR PRACTICA KAYAK-POLO EN VERDUCIDO

VER GALERÍA DE IMAXES

Vendo as imaxes do alumnado do ciclo superior xogando ao kayak-polo esta semana, semella que é un deporte realmente bonito e divertido. Segundo a definición da Federación Española deste deporte:

"O Kayak-Polo consiste nun xogo de pelota competitivo entre dous equipos, compostos de cinco xogadores cada un. Os participantes, provistos dun kayak e dunha pala, intentan marcar goles na portería do contrario."

Esta sesión foi realizada no encoro do Pontillón do Castro, na parroquia de Verducido, no concello de Pontevedra. Alí está o Centro Deportivo do Pontillón do Castro que podedes ver nas imaxes, o mesmo que no ano 2007 acolleu a realización do Campionato de Europa de piragüismo en augas tranquilas. Ese centro conta tamén con tres vías de sendeirismo e un rocódromo.

O ESPAZO VERDE DO I.E.S. CARRIL

Con moita emoción por parte de alumnado e profesorado, presentouse oficialmente o libro O espazo verde do I.E.S Carril,  froito do esforzo combinado dun equipo formado por alumnado de 1ºESO do curso 2015-16, profesorado de Bioloxía, profesorado de Artes, dirección do centro e o equipo de biblioteca escolar. Son cincuenta páxinas destinadas sobre todo á utilización académica nas aulas de bioloxía pero tamén historia viva do noso centro educativo que toda persoa interesada pode consultar. Os asistentes ao acto de presentación puideron escoitar a algúns membros do equipo explicando en que consistíu a súa aportación. Para finalizar, os asistentes recitaron todos xuntos o himno á árbore e un poema de Cabanillas O carballo que aparece no poemario Da terra asoballada (Vilagarcía de Arousa, 1917).

VER GALERÍA DE FOTOS

Podedes atopar un exemplar de O espazo verde do I.E.S Carril en PDF listo para ler e/ou imprimir premendo na portada do libro ou no menú lateral publicacións. Premendo nos xornais podedes ler a nova na prensa de hoxe:    

       

       

CHEGADA DOS BRETÓNS DO INTERCAMBIO 2016-17

Hoxe luns 10 de outubro chegou a Vilagarcía un grupo de alumnos e alumnas do collège Victor Segalen da Bretaña francesa. Este grupo compartirá casa,  familia e experiencias cos seus/coas súas correspondentes e mañá cada un dos tres institutos españois que participan, o IES Miguel Ángel González Estévez, o IES Fermín Bouza Brey e o IES Armando Cotarelo Valledor, fará un acto de benvida. Bretóns e galegos participan nun intercambio lingüístico e cultural que consta de dúas partes: primeiro os bretóns veñen a Vilagarcía e a finais de abril o grupo de galeg@s viaxará a Bretaña. 

Tanto en Galicia como en Bretaña todas as actividades están centradas nun tema que este ano é "As artes". O alumnado fará diferentes visitas didácticas e algún obradoiro que abarcarán dende a arte rupestre ata a arte contemporánea. As actividades desta primeira parte do intercambio rematarán o día 18. A segunda parte do intercambio comezará a finais de marzo en Bretaña e rematará a primeiros de abril en París. Desexámoslle ao alumnado participante que esta sexa unha boa experiencia compartida.

Podedes ver aquí un vídeo de bretóns e galegos de intercambio recitando Adiós ríos, adiós fontes diante da casa de Rosalía de Castro na Matanza, en Padrón:

 

CLASES CULTURAIS DE INGLÉS

O martes 27 de setembro tivemos no noso centro a visita de Tammy Vera, unha profesora norteamericana que veu dar unhas clases sobre os costumes americanos e británicos ao alumnado de 3º ESO e 4º ESO. O alumnado disfrutou moito tanto polo tema como polo dinamismo da profesora.

Todos os anos invitamos a un profesor ou a unha profesora para  esta actividade que ten como obxectivo dar a coñecer cun enfoque lúdico diferentes aspectos socioculturais e mesmo históricos dos países anglófonos desenvolvendo ao mesmo tempo competencias de expresión e comprensión orais do alumnado.

O TSAAFD FAI A RUTA DA PEDRA E DA AUGA

Este venres, día 23 de setembro, alumnado e profesorado do ciclo superior TSAAFD fixo a Ruta da pedra e da auga que comeza no concello de Ribadumia e pasa polo concello de Meis ata chegar ao mosteiro de Armenteira. Percorrendo unha distancia de case 7 km. todos tivero a oportunidade de coñecerse da mellor maneira. Como testemuña do magnífico día e do paseo quedan estas fotos.

VER GALERÍA DE FOTOS

 

SEMANA DE ACOLLIDA DE 1ºESO

Por segundo ano consecutivo preparamos unhas actividades de acollida ao alumnado que comeza este ano no instituto para facilitarlles o cambio de ciclo educativo e o cambio de centro  e ao mesmo tempo para que todo o alumnado poida coñecerse entre si. Gracias a estas actividades lúdicas tamén poderán coñecer as instalacións, o persoal e o funcionamento do noso centro. 

Así pois, dámoslles a benvida desexándolles a todos que este ano que comeza sexa moi proveitoso.

Distribuir contido


by Dr. Radut