Escolas sen racismo

O luns 29 de abril entre as 10.30 e as 11.15 horas, nunha cerimonia que terá lugar no Salón de Actos do instituto, seralle entregada ó centro unha placa que simboliza a adhesión do noso instituto á rede europea "Escolas sen racismo: Escolas para a Paz e o Desenvolvemento". Este proxecto iniciouse en Bélxica hai xa vinte e cinco anos e hoxe en día están implicados nel centos de centros educativos dese país, de Alemaña, Francia, Holanda, España...
A placa será entregada por representantes da Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e da Asemblea Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), entidades que desenvolven este proxecto en Galicia. No acto participarán todos os alumnos de 1º e 2º de ESO, que en distintas actividades elaboraron unha serie de materiais relacionados coa educación en valores, feito polo que nos unimos á citada rede. 
Dende o equipo directivo invitamos a participar nesta actividade a todos os membros da nosa comunidade educativa que estean interesados.