Feira do ensino Edugal

Entre os días 26 e 28 de febreiro desenvolverase no recinto feiral de Pontevedra Edugal, o Salón da Oferta e da Formación de Galicia, que nesta ocasión vai pola súa terceira edición. Este evento pretende ser un lugar de encontro entre alumnos, profesionais do ensino, centros de formación e institucións educativas. Con esta iniciativa ofértaselles ós visitantes unha abundante información e orientación sobre a oferta académica, á vez que se presentan os aspectos máis innovadores no que fai referencia á educación. O noso centro estará representado nesta feira do ensino polo Departamento de Edificación e Obra Civil, que contará cun espazo no que alumnos e profesores facilitarán a quen o desexe información sobre os ciclos superiores impartidos no noso institituto: ciclo de Proxectos de Edificación e ciclo de Proxectos de Obra Civil (requisitos de acceso, estrutura do plan de estudos, saídas profesionais...). Ademais, os alumnos farán demostracións prácticas do traballo que levan a cabo acotío na aula e poderanse ver algúns dos deseños por eles realizados.

Dende o equipo directivo animamos a toda a nosa comunidade educativa a visitar este salón, xa que é un lugar axeitado para documentarse sobre a oferta educativa. Facendo clic neste enlace poderase consultar o programa de actividades que se desenvolverá neste días en Edugal, así como a lista de expositores alí representados.