Encontro literario no IES G. Torrente Ballester

O noso instituto está a organizar un encontro literario con tres dos escritores máis recoñecidos actualmente no eido da novela negra e policial. Estes son:

  • Dolores Redondo, autora da Triloxía de Baztán, da que se levan vendidos máis de medio millón de exemplares;
  • Domingo Villar, creador do carismático policía vigués Leo Caldas, protagonista das súas novelas Ollos de auga e A praia dos afogados;
  • Pedro Feijoo, autor da intrigante Os fillos do mar e da desasosegante A memoria da choiva.

Ademais, contaremos coa presenza como moderador de Ramón Rozas, periodista e comentarista cultural do Diario de Pontevedra.

O encontro terá lugar no Salón de Actos do instituto o vindeiro mércores dezaoito de febreiro ás sete da tarde; no seu transcurso os convidados debaterán sobre a novela negra e policial, sobre a creación literaria e sobre as preguntas que o auditorio lles dirixa, e farannos partícipes dalgunhas das súas anécdotas, coas que sen dúbida gozaremos... ou sufriremos. O evento estará aberto a toda a cidadanía, xa que así o aconsellaban a relevancia dos tres escritores que nos acompañarán e a ocasión especial que para o noso centro representa organizar un evento destas características.

Dende o equipo directivo e o equipo de bilbioteca do centro convidamos a participar nesta actividade a todas as persoas que poidan estar interesadas nela. Xuntamos a esta pubicación o cartel do encontro.