Probas PISA (abril-maio de 2015)

O IES Gonzalo Torrente Ballester, xunto con outros cincuenta e oito centros públicos e privados de toda Galicia, foi seleccionado para participar nas probas PISA do ano 2015, que se desenvolverán en máis de setenta países de todo o mundo. Estas probas de carácter trianual, que avalían a capacidade do alumnado para aplicar os seus coñecementos a cuestións relacionadas coa vida cotiá, terán lugar entre o 20 de abril e o 30 de maio. A data exacta de realización no centro está aínda por determinar.
PISA avaliará nesta convocatoria de 2015 o alumnado que naceu no ano 1999, o que no noso centro afecta un total de setenta e un alumnos/as; entre estes serán seleccionados finalmente corenta e dous para a realización da proba. Esta selección non será feita polo centro.
Nesta edición de 2015 a competencia avaliada prioritariamente será a de "ciencias", pero tamén se incluirán nas probas cuestións referentes a "matemáticas", "lectura" e "resolución de problemas en grupo". Unha das características máis destacadas neste ano consiste en que o alumnado realizará as probas cun ordenador portátil. Ademais, as familias do alumnado seleccionado para a participación nas probas cubrirán (en papel) un cuestionario de contexto.
As familias e o alumnado directamente afectados recibirán información máis detallada nos vindeiros días nunha reunión que se convocará no centro para estes efectos.
 
O director