Obradoiro de prensa - A voz do Quinto

O pasado venres día 19 tivemos a ocasión de presentar no Salón de Actos do instituto "A voz do Quinto", o xornal solidario resultante do obradoiro de prensa que este curso organizamos no centro. A el asistiron sete alumnos/as, aínda que inicialmente eran trece, e tiveron a ocasión de aprender cuestións relacionadas co xénero xornalístico e coa educación en valores e para o desenvolvemento. Como monitora desta actividade actuou Carmen Novas, responsable de comunicación para o desenvolvemento de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), organización que xunto con Asemblea de Cooperación pola Paz leva xa varios cursos colaborando co noso centro. "A voz do Quinto" é un pequeno xornal cuxa intención é a de promover valores solidarios e concienciar fronte ás inxustizas. Esta edición inclúe artigos sobre igualdade entre homes e mulleres, a protección animal e ambiental, o comercio xusto, o desenvolvemento dos países do Sur... Os que queirades ler a versión completa do xornal, podedes facelo a través desta ligazón.