BEN VEÑAS MAIO 2017

Cartel do concello "Maio, mes da lingua"

Din que as boas novas son contaxiosas, e así debe de ser, porque ultimamente o noso alumnado está a pisar forte e a conseguir que o nome do IES Gonzalo Torrente Ballester se escoite con forza en toda a cidade e, tamén, fóra dela.

Pois ben, nesta ocasión comprácenos poder felicitar a tres estudantes do noso centro que acadaron cadanseu premio na presente edición do certame literario, musical e audiovisual “Ben Veñas Maio” que, como cada ano, organiza a Coordinadora dos Equipos de Normalización da Lingua Galega dos institutos e colexios públicos de Pontevedra, en colaboración coa Concellaría de Normalización Lingüística do Concello.

Os alumnos e alumna premiados son:

ROI VARELA BERNÁRDEZ  (1º ESO A):                 2º Premio na Categoría A de Narrativa

GONZALO VALIÑAS BAÑOS  (2º ESO D):            2º Premio na Categoría A de Narrativa

PABLO BOLEAS FRANCISCO  (3º ESO C):             1º Premio na Categoría B de Narrativa

NOEMIA VEIGA GONÇALVES  (2º BAC A):          1º Premio na Categoría B de Poesía

 

Cómpre sinalar que, en realidade, Noemia presentara dúas composicións, “Altea” e “Sombras”, sendo ambas, respectivamente, a primeira e segunda poesías máis votadas polo xurado, pero dado que as bases do concurso impiden conceder ambos premios a unha mesma persoa, soamente lle foi adxudicado o primeiro deles.

Como xa sabedes, a entrega dos galardóns a todos os premiados realízase nun acto público que este ano terá lugar o Sábado 13 de Maio ás 18:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra. Animádevos e asistide para aplaudir a rabiar aos vosos compañeiros! Pero, ademais, se o preferides, dende as 17:00 horas poderedes gozar das actuacións dos grupos musicais participantes neste “Ben Veñas Maio”.