1ª Festa do ensino público

Co fin de reclamar e defender un ensino público de calidade, a FANPA e as asociacións de nais e pais de alumnos de Pontevedra organizaron unha xornada lúdica reivindicativa, á que se lle deu o nome de I FESTA DO ENSINO PÚBLICO. Este encontro terá lugar o vindeiro sábado 23 de febreiro a partir das 16:00 horas no mirador de Monte Porreiro. Os organizadores convidan a todos os sectores da comunidade educativa do ensino público: familias, profesores, alumnos e demais persoas interesadas. Facendo clic neste enlace poderase acceder á convocatoria feita dende a FANPA e ó programa de actividades do evento. Dende o equipo directivo do IES Gonzalo Torrente Ballester aproveitamos a ocasión para animar a todos os membros do noso centro a participar nesta xornada festiva.

Club de debate

O pasado sábado 2 de febreiro un grupo de dez alumnos de 4º B, dirixidos polo profesor Xosé Álvarez, participaron na fase provincial do IV Club de Debate do Concello de Pontevedra. A actividade tivo lugar no Pazo de Cultura. Os nosos alumnos acadaron un meritorio terceiro posto neste evento, no cal debateron en quendas con estudantes doutros institutos e colexios da capital e a comarca, como o IES Ponte Caldelas, o IES Sánchez Cantón, o IES Luís Seoane, o IES A Xunqueira I, o IES de Poio e o colexio Salvador Moreno. Facendo clic no seguinte enlace poderedes acceder a unha reportaxe sobre o debate publicada por Ponte.TV: http://www.ponte.tv/2013/02/a-favor-ou-en-contra.

Aquí vos deixamos unha foto do equipo que nos representou. PARABÉNS A TODOS POLO VOSO ESFORZO.


Función teatral

O pasado 1 de febreiro os alumnos de 3º de ESO asistiron á representación teatral da obra "Azos de esguello" de Euloxio R. Ruibal no Teatro Principal. Aquí queda unha foto do grupo que participou nesta actividade.
 

CONFIRMADA - Charla sobre acoso escolar

Despois de que se conseguise reunir un grupo o suficientemente numeroso, podemos confirmar que o vindeiro mércores 6 de febreiro terá lugar a charla sobre acoso escolar para familias. Será impartida por persoal de Cruz Vermella e desenvolverase entre as 20:30 a as 21:30 horas. Terá lugar na aula 27, sempre e cando non se reciban máis confirmacións de asistencia e sexa preciso cambiala para o Salón de Actos. Dende o equipo directivo queremos animar a todas as familias de alumnos a participar neste interesante actividade.

Xornada de orientación universitaria e laboral

O Departamento de Orientación organizou unha serie de charlas de orientación universitaria e laboral dirixidas ós alumnos de primeiro e segundo curso de Bacharelato e Ciclos Formativos. Estas actividades desenvolveranse entre o venres 9 e o venres 16 de xaneiro. Nas charlas participarán representantes das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, que ofrecerán información sobre aspectos como: a capacidade emprendedora, a aplicación NERTA, as bolsas de estudo, as titulacións coas que contan, as notas de corte, a estruturación dos estudos universitarios, os servizos que ofrecen os distintos campus, etc. Facendo clic neste enlace poderase acceder ó programa completo das charlas.

O equipo directivo quere aproveitar esta ocasión para convidar a todas as familias que teñan interese a asistir e participar nestas xornadas informativas, que se desenvolverán no Salón de Actos do noso centro.

 

Saída ó teatro

Os alumnos de 3º de ESO farán unha saída didáctica o venres 1 de febreiro para asistir á representación teatral da obra "Azos de esguello" de Euloxio R. Ruibal. A función terá lugar no Teatro Principal. A saída desenvolverase entre as 10:30 e as 13:30 horas.

Actividades no mes de xaneiro

Durante os vindeiros días os alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO van participar nunha serie de actividades complementarias e extraescolares, que se desenvolverán nas instalacións do centro. Estes son os eventos ós que asistirán:


      .- 1º de ESO: curso de iniciación ó triatlón, impartido pola Federación Galega de Triatlón.


      .- 2º de ESO: obradoiro "Sen violencia - Convivencia", impartido por Cruz Vermella.


      .- 3º de ESO: obradoiro sobre sexualidade, impartido por Cruz Vermella.


      .- 4º de ESO: obradoiro sobre infeccións e enfermidades de transmisión sexual, impartido por Cruz Vermella.


      .- 1º a 4º de ESO: obradoiro de radio e televisión, impartido pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios.


Premios extraordinarios de ESO

O equipo directivo do IES Gonzalo Torrente Ballester, en nome de toda a súa comunidade educativa, quérelle transmitir á súa alumna Sara Vidal García as súas máis fondas felicitacións despois de obter un premio extraordinario de ESO ó rendemento académico. Actualmente Sara está matriculada no primeiro curso do bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía e acadou unha puntuación total de 41,1 puntos, que lle serviron para gañar o vixésimo destes premios (7,7 na proba de Lingua Galega; 7,3 na de Lingua Castelá; 6,4 na de Matemáticas; 5 na de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia; 7,7 na de Inglés; 7 na de Bioloxía e Xeoloxía). ¡¡¡Parabéns Sara!!!

Saídas didácticas do 21 de decembro

O vindeiro 21 de decembro distintos grupos de alumnos do instituto van participar en dúas saídas didácticas:

  • Visita á exposición de obras de Picasso "El equilibrio y el vértigo" no Centro Cultural Novacaixagalicia-Café Moderno en Pontevedra. A esta actividade asistirán os alumnos de Educación Plástica e Visual de 3º D e 4º A de ESO, e os de Historia da Arte de 2º de Bacharelato.
  • Visita ó belén artesanal en movemento de Valga. Neste caso os alumnos serán os de Relixión de 1º e 2º de ESO.

A ANPA El Pino colaborou, como vén sendo habitual, na organización destas dúas actividades, feito polo cal lles amosamos novamente o noso agradecemento.

Exposición sobre recursos enerxéticos

Na semana do 17 ó 21 de decembro a biblioteca do instituto albergará unha exposición sobre os recursos enerxéticos naturais de Galicia. A mostra foi cedida pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo, á que lle agradecemos a súa dispoñibilidade para cedernos estes materiais. A exposición, que está aberta a todo aquel que desexe visitala, está formada por tres paneis, nos que se dá información sobre os distintos recursos enerxéticos, os principais lugares de Galicia onde se explotan, as súas técnicas de extracción, etc.

DoceNadal12

O instituto está a colaborar con Xuventudes Socialistas de Pontevedra no desenvolvemento da carreira solidaria DoceNadal12, que está a ter lugar tamén noutros centros educativos da cidade. A meta desta é conseguir a maior cantidade posible de doces de Nadal (turrón, mazapán, polvoróns, améndoas, etc.) para repartilos entre as familias máis necesitadas, de xeito que poidamos contribuír á súa ledicia nestas datas tan sinaladas. A campaña desenvolverase entre o luns 10 e o mércores 19 de decembro. Haberá dispoñible unha cesta nas oficinas do centro onde alumnos, familias e traballadores poderemos depositar os alimentos que desexemos doar. Dende o equipo directivo animamos a toda a comunidade educativa a participar nunha actividade de marcado carácter solidario como é esta.


Concurso de reciclaxe de cartuchos de impresión

O instituto participará nun concurso nacional de recollida de cartuchos e tóners de impresión promovido pola empresa moañesa Recoatlántico. Por cada cartucho ou tóner recollido a empresa pagará unha pequena cantidade de cartos que será destinada a financiar a viaxe de fin de estudos para os alumnos de 4º de ESO e 1º de Bacharelato. Neste enlace poderase atopar toda a información relativa ó concurso. O instituto anima a todos os membros da súa comunidade educativa a participar nesta iniciativa pola conservación do medio.


Concurso de postais de Nadal

Os departamentos de Artes Plásticas e de Relixión, e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega convocan un ano máis o tradicional concurso de postais de Nadal. A tarxeta elixida será utilizada polo centro como postal de felicitación institucional do Nadal. Nesta ligazón poderedes atopar as bases do concurso. Lembrade que o prazo remata o día 12 de decembro. Animádevos a participar.


O noso catálogo

Sigue este enlace para consultar o noso fondo bibliográfico


Distribuir contido