Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP)

Os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) na Comunidade Autónoma de Galicia son aqueles que ofrecen e imparten formación profesional inicial ou regrada, e formación para o emprego. 

A súa oferta formativa está dirixida a colectivos destinatarios dos dous subsistemas indistintamente e está referida ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

 

Fins dos centros integrados de formación profesional


Os centros integrados de formación profesional contribúen ao desenvolvemento do Sistema Nacional das Cualificacións e da Formación Profesional e teñen os fins seguintes:

  •  A cualificación e a recualificación das persoas ao longo da vida, mediante o establecemento dunha oferta de formación profesional modular, flexible, de calidade, e adaptada ás demandas da poboación e ás necesidades xeradas polo tecido produtivo.
  •  Cando proceda, no marco do Sistema nacional das cualificacións e da formación profesional, a contribución á avaliación e á acreditación de competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e de vías non formais de formación, promovendo así a valoración social do traballo.
  •  A prestación dos servizos de información e de orientación profesional ás persoas para tomaren as decisións máis axeitadas respecto das súas necesidades de formación profesional en relación co contorno produtivo en que se desenvolvan.
  •  O establecemento dun espazo de cooperación entre o sistema de formación profesional e o contorno produtivo sectorial e local, para desenvolver e estender unha cultura da formación permanente, contribuíndo a prestixiar a formación profesional.
  •  O fomento da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, con especial incidencia na erradicación de prexuízos.
  •  A facilitación do acceso da mocidade ao primeiro emprego, así como da conservación e a mellora do posto de traballo dos traballadores e das traballadoras, mediante unha oferta formativa de calidade que promova a aprendizaxe permanente e a capacidade de adaptación aos cambios sociais, organizativos e tecnolóxicos que se manifestan nos sectores produtivos da nosa comunidade.
  •  O impulso á mellora das aptitudes e das competencias do alumnado, promovendo proxectos de mobilidade, perfeccionamento profesional e cooperación nun contexto europeo.

 

Rede de CIFP de Galicia


A Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia está composta polos seguintes dezanove centros.

 

Folleto informativo


Información sobre que son e cales son os CIFP e cal é a súa estrutura.

 

Sistema de Xesión da Calidade


A Rede de Centros Integrados de Formación Profesional en Galicia conta xa co recoñecemento do Sistema de Xestión da Calidade da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR), baseado na norma internacional ISO 9001.

- Ver nova

Etiquetas: