A Xunta colaborará con seis entidades empresariais para impulsar a acreditación de competencias

Esta mañá asinaronse os convenios de colaboración cos representantes de seis entidades empresariais para impulsar a acreditación de competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

O obxectivo é que as persoas traballadoras poidan obter un recoñecemento das competencias profesionais coas que contan tras anos de carreira profesional. Esta acreditación, por unidades de competencia que compoñen os módulos de ciclos formativos, resulta un estímulo para que as persoas adultas completen a súa cualificación por medio da Formación Profesional.

A través desta colaboración difundirase e informarase a empresas e traballadores sobre este procedemento, ofrecendo información e axuda sobre os requisitos exixibles para presentar unha solicitude de participación no procedemento. O obxectivo é que o maior número de persoas posibles se inscriba e opte a unha acreditación, que ten carácter oficial e validez en todo o territorio nacional e carácter acumulativo.

Rubricaron os acordos o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla Ramil; o secretario general da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jesús Castiñeira Diz; a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, María Sol Novoa Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Parques Empresariais, Santiago Gómara Millán; a vicepresidenta da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen ánimo de lucro, Silvia Alende Fandiño, e o presidente da Confederación da Industria Téxtil Galega, José Antonio Conde Mojón.

Asistiron tamén ao acto o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, e o secretario xeral de Educación e FP, Jose Luis Mira Lema.

O impulso da acreditación de competencias e a colaboración coas entidades empresariais neste obxectivo común é un dos sete eixos nos que se basea a nova Estratexia de FP Galicia 2030, "unha folla de ruta que inclúe un investimento de 900M€ ata 2024 e que recolle 44 medidas concretas para seguir mellorando este modelo de ensinanza".

Neste sentido, o pasado ano a Xunta de Galicia deu un paso decisivo, estendendo por primeira vez o proceso de acreditación de competencias profesionais a todo o ano e a todas as familias profesionais, o que supón un fito moi importante para a formación das persoas ao longo da vida e para mellorar a súa empregabilidade.

Deste xeito, as persoas interesadas poderán pedir en calquera momento e sen límite de prazas acreditar unidades de competencia adquiridas pola experiencia profesional e poderanse validar todas as unidades de competencia do Catálogo Nacional das Cualificación Profesionais asociadas aos títulos das 23 familias profesionais que se imparten en Galicia

Dita actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional no marco do Plan de Resiliencia, Transformación e Recuperación e pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Prema na seguinte imaxe para acceder ao resto do álbum fotográfico.

  • Sinatura convenios ARA
Multimedia: