Convocatoria de Retorna Mocidade FP 2022-2023

Publicada no DOG a convocatoria de Retorna Mocidade FP, que permitirá a persoas menores de 40 anos, de nacionalidade española, residentes no estranxeiro, e con vinculación con Galicia, regresar a Galicia, formarse no sector da construción a través de formación oficial e obter unha axuda que lles permita afrontar os custes da viaxe, do aloxamento e da manutención.

A convocatoria permite obter unha das 54 prazas para cursar estudos de formación profesional relacionados coa construción en Galicia, e unha axuda que permita afrontar os custes da viaxe a Galicia, e do aloxamento e da manutención durante o período formativo. Poderán presentar solicitude aquelas persoas menores de 40 anos, de nacionalidade española, residentes no estranxeiro nos dous últimos anos, e con vinculación con Galicia (ben porque naceron en Galicia, ben porque residiron en Galicia 10 ou máis anos antes de emigrar, ou ben porque son descendentes de persoas galegas con vinculación cun concello galego), que queiran formarse nunha formación oficial específica básica de entre 600 e 860 horas, de albanelaría e fontanaría na Coruña, ou de fontanaría, calefacción, electricidade e telecomunicación de edificios en Culleredo ou Ferrol.

O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días naturais, desde mañá día 20 de agosto ata o 3 de outubro de 2022. Pode facerse de xeito telemático a través do sistema de admisión a ensinanzas de formación profesional https://www.edu.xunta.gal/ciclosadmision (ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento ED333B).

As persoas seleccionadas, ademais da praza na formación solicitada recibirán unha axuda de 6.500 € para a viaxe, o aloxamento e a manutención mentres se desenvolve a formación. Esta axuda terá un primeiro pago de 3.700 unha vez iniciada a formación en Galicia, e un segundo pago de 2.800 unha vez aprobado o 70% das ensinanzas do primeiro trimestre.

Estimase que a finais de outubro se publiquen os candidatos seleccionados, que a formación comece en decembro de 2022 e dure ata xullo de 2023.

Etiquetas: