Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal
       

(2011-2012) Xa temos tema do noso novo proxecto de investigación: Os avións

Despois de rematar o noso anterior proxecto de investigación sobre o Espacio (que podes ver aquí), chegou o momento de escoller un tema para investigar.

 

ESCOLLEMOS UN TEMA  (primeiro intento):

Esta vez non foi tan doado de elexir o tema... tentámolo un día e entre todos xurdiron diferentes temas:

  • As arañas
  • Exipto
  • Os inventos
  • Animais: Elefantes, leóns, cebras, lobos, dinosaurios...
  • Bob Esponja
  • Os avións
  • Os coches
  • Os barcos
  • Os camións

Pero cando tivemos que poñernos todos e todas de acordo sobre que tema iamos escoller xurdiron os problemas, xa que pensamos que como todos e todas tiñamos que estar de acordo iamos ir borrando aqueles temas que alguén non quixera investigar... ata que o final quedamos sen ningún dos os que escribiramos, porque todo o mundo quería o seu e dicía que non ós outros.

Teriamos que tentalo noutra ocasión e pensar outra forma mellor de escoller o tema entre os candidatos.

 

ESCOLLEMOS UN TEMA (segundo intento):

Días despois tentamos novamente poñernos dacordo no tema a investigar nas vindeiras semanas.

Nesta ocasión cada quen foi escribindo no encerado o tema que se lle ía ocurrindo para investigar, e que ademais argumentara ós seus compañeiros e compañeiras, explicando por que quería investigar ese tema.

 

Cando xa tiñamos no encerado moitos temas, lembramos o que nos sucedera a outra vez e despois de estudiar diferentes formas de decisión, acordamos que o mellor era realizar un votación.

Cada quen escribiría nun papel o nome do tema que lle interesaba investigar (dos que estaban escritos no encerado), e logo recontariamos os votos que recibira cada un deles.

Maís como tivemos un empate de votos fixemos unha segunda votación "pero xa usando a voz" e anotamos tamén eses votos... 

Para ver cal era o gañador tivemos que "sumar" os votos deixados por escritos cos que dixeramos "coa voz" e finalmente o gañador foi OS AVIÓNS.

 

 

ANTES DE COMEZAR: pedimos axuda.

Como xa fixemos moitas investigacións, e coñecemos todo o proceso, a algúns se nos ocurriu ir buscando xa a información, así mentras decidiamos "o que sabiamos" e o "que queriamos saber" xa podiamos ir xuntándoa.

A primeira idea que xurdiu foi escribir unha carta para levar a casa, contando cal era o novo tema de investigación, e pedindo información.

Escribímola no encerado entre todos e todas, e logo copiámola nun papel para levar para as nosas casas...

 

Outra das ideas foi pedirlle tamén axuda a tódolos compañeiros e compañeiras do colexio.

Comezamos pensando se coñeciamos a alguén nos diferentes cursos (1º, 2º... e claro ós nosos compañeiros de Infantil 1)... descubrimos que si coñeciamos a xente en cada un deles.

Redactamos entre todos unha carta para enviarlles, logo por parellas escollemos a que curso queriamos escribilla.

 

Unha vez feita había que metela nun sobre e escribir o seu enderezo, neste caso o curso.  E na parte traseira o reitente, no noso caso INFANTIL 2.

 

Con tódalas cartas escritas e listas, chegou o momento de repartilas por todo o colexio.

Metímos a carta de E.I.2 no seu buzón... e Nico xa nos trouxo información sobre o avións.

 

En primeiro, onde estaban os nosos compañeiros e compañeiras do ano pasado Martin foi o encargado de leela, como eles tamén investigaban con nós o curso pasado de seguro que nos traen información.

 

Coas outras clase tivemos un problema, pois non sabiamos onde quedaban, menos mal que nos demos conta que enriba da porta había escrito un número 2, 3, 4... seguro que era o curso... así que fomos en orde buscando o número 2 dos nosos compañeiros e compañeiras de segundo.

 

Alí atopamos a antigos compañeiros e compañeiras que estiveron na nosa clase cando os de cinco anos tiñan só tres.. Sara leulles a nosa carta a todo o mundo.

 

En terceiro Emilio foi o encargado, aínda que lle custou un pouco de traballo lela porque algunhas letras "estaban escritas do revés"... cando chegamos á aula comentamos o sucedido e chegamos á conclusión de que as letras "teñen que ser sempre iguais" senón os demáis non poden entender o que pon nas nosas cartas.

 

En cuarto leuna Nuria, que é a irmán de Álvaro, e aquí descurimos un gran problema... o equipo de Álvaro esquecera escribir unha parte do texto da carta e non poñía sobre o que iamos investigar. Menos mal que estabamos alí para contarllo. 

Cando chegamos á aula comentamos o tema, descubrimos o importante que era escribir todo o que queriamos contar porque senón non se entendía o que pediamos.

 

En quinto Ismael foi o encargado de lerlles á carta ós seus compañeiros e compañeiras... Contáronnos que tamén axudaran ós nosos compañeiros e compañeiras da outra aula que están a investigar sobre os cabaleiros, princesas e castelos.

 

Só nos quedaba sexto, os maiores do colexio, que nos contaron que tamén estiveran na nosa clase... fai moitísimo tempo co profe Óscar.

Pablo foi o encargado de lerlles á carta ós seus compañeiros e compañeiras.

 

Alí mesmo nos deixaron un libro onde se falaba dos avións que tiñan na súa biblioteca de aula.

 

 

XUNTAMOS INFORMACIÓN SOBRE OS AVIÓNS:

Pouco a pouco fomos traendo informacións das nosas casas:

Revistas, libros e ata fotografías dunha viaxe que fixo Diego a Roma en avión, que viñan dentro dunha tarxeta pequeniña e que copiamos no noso ordenador.

 

Tamén debuxos, información impresa sacada de internet e ata avións de xoguete.

 

Grabiel tamén nos trouxo uns vídeos sobre os avións nun "pen drive" que copiamos no noso ordenador e Nicolás (que recibiu a carta na outra aula de infantil) deixonos un libro sobre os avións.

 

 

Coa axuda dos compañeiros e compañeiras e o que estamos a traer da casa xa imos xuntando moita información sobre os avións no noso recanto da investigación.

 

Xa estamos listos para comezar a pensar no que "xa sabemos", "o que queremos saber", "onde imos buscar" e "como nos imos organizar".

Moi pronto contarémosvos como foi todo na nosa investigación.

Acceso rápido

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Formación do profesorado

Proxectos T.I.C. do centro

Eleccións ó Consello Escolar

Eleccións ó Consello Escolar
Infomación do proceso

Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 2 invitados conectados.