Skip to Content

Recomendamos

Xaneiro 2024

  O estranxeiro de Álex Alonso

     Nunha das súas andainas polas rúas viguesas, Manuel María Pereira Nespereira mata a un home nos servizos da estación de autobuses meténdolle a cabeza dentro dunha bolsa de plástico do Mercadona. Tras a súa detención,  comeza un delirante xuízo no que o acusado trata de xustificar a súa criminosa acción.
     Estamos diante dunha obra que se move no gume do surrealismo e na que, baixo o humor negro que preside a proposta, se agocha unha mordaz crítica á sociedade actual, aos seus principios e valores e á voluble xustiza que decide o que é delito e o que non.
     A medio camiño entre A conxura dos necios de John Kennedy Toole  e a novela homónima de Albert Camus,  O estranxeiro constitúe unha reformulación da novela humorística, afondando nos mecanismos que manexa este xénero e ampliando as súas estremas, referencias e espazos clásicos.

     Sentíame ben na terraza do Camaleón. Non sei se era pola presenza de Adelina ou porque corría unha suave brisa mariña que parecía acariñar os nosos rostros expostos e medio torrados ao sol. Pero supoño que pesaba máis a presenza dela. E, obviamente, as súas dúas poderosas razóns, que nunca me cansarei de gabar. Por un momento, que eu atribuiría, pois, a un estado de ánimo exultante e imprevisible, ata me saíu esa vea poética tan íntima e secreta en min. «Mira Adelina! Os azuis do mar e do ceo, os azuis das illas Cíes e do horizonte presentan diferentes gamas cromáticas, non te dás de conta?» Adelina retirou, nun breve xesto, as lentes dos ollos e miroume coma se acabase de ver un espellismo. Descubrín entón, naquel leve aceno, que tiña un ollo denegrido e o pómulo inchado. Díxenlle a continuación, sen pensalo, que se agora collésemos unha lancha fóra borda e marchásemos, en liña recta, cara á porta da entrada da ría que forman as Cíes e Cabo Home, iriamos dar dereitiños a Nova York. «Imaxínate, Adelina, Vigo e Nova York entrelazados polo carreiro do mar! O Sireno e a Estatua da Liberdade en harmoniosa maridaxe culinaria!» Pero, en contra do que puidese agardar, dábame a impresión de que Adelina non me facía moito caso ou, ao menos, as cores naturais e as coincidencias xeográficas non eran algo que a ella lle chamasen demasiado atención. Ou quizais non entendera o da «harmoniosa maridaxe culinaria». Non o sei. Tampouco teño unha grande experiencia coas mulleres como para saber exactamente que temas ou aspectos tratar con elas. E máis con mulleres como Adelina. Tan muller. Tan... Decidin calar e agardar a que ela tomase a iniciativa. Quizais me explicase a razón desa actitude de desazo que parecía inundala e que se agochaba, turbia, e sen dúbida, por tras das lentes. Podiamos dicir aquilo de que hoxe Adelina non ría á ría de Vigo. Eu seguía, mentres tanto, coas miñas arelas de poeta.
     Adelina confesoume que traballaba de puta. De prostituta, mellor dito. Non me gusta a palabra puta. E parece ser que tiña un «chulo» (unha especie de xefe ou patrón) que mazaba nela cando non cumpría cos obxectivos esixidos da xornada. Veume á cabeza, ao instante, o mundo da empresa privada. Díxome que xa levaba moito tempo na profesión, que agora xa non era coma antes, pois, unha vez chegados os corenta (Adelina é da miña quinta, fomos xuntos á escola), os homes buscaban mulleres máis novas, e que a súa carteira de clientes pouco a pouco ía minguando debido a estas razóns que ela me daba pero tamén produto, sen dúbida ningunha, da crise económia que estabamos a vivir. «Os homes, en tempos de crise, volven facelo coas súas mulleres!», dixérame. O que son as cousas, verdade? Adelina non residía nin en Madrid nin en Barcelona, como eu pensaba. Había tempo que vivía en Vigo, nun piso da rúa Brasil. Por esa zona labiríntica de rúas con nomes de países americanos que circundan El Corte Inglés. Venezuela, Ecuador, Chile, Uruguai... Ah, non, Uruguai, non! Non entendo como fan un núcleo específico de rúas americanas (latinoamericanas, iberoamericanas, hispanoamericanas) e deixan o Uruguai á marxe deste plan de urbanismo! Eu realmente non tiña nada en contra da prostitución, pero tampouco nada a favor. Mantiñame á marxe. Coma a rúa Uruguai, supoño. Iso si, non me parecía ben que o xefe de Adelina tomase ese tipo de represalias contra ela. Se non estaba satisfeito co seu traballo, que a despedise e punto. E coa indemnización correspondente. Pero, segundo me comentaba Adelina, abandonar non era tan fácil. «Nesta profesión pringas toda a vida, Manuel María!» Foi o que me dixo. Que «pringaba». Quedei pampo. E pensativo. Non sabería dicir de ningún outro oficio cun contrato tan profundamente indefinido coma este.
     Había rapaces facendo windsurf pola illa de Toralla. En Samil, en cambio, aínda non levantara o vento. As correntes de aire é o que teñen. Que nunca sabes por onde van vir. Mamá sempre me prevén cando abre a porta da casa e as ventás dos cuartos. «Manuel María, que non te colla unha corrente de aire...!» Dábame sempre a impresión de estar nese momento a punto de ser arrolado por un tren no medio dun paso a nivel. «Escapa de aí!», insistía. Pois ben, xusto foi así como me sentín, cando, de súpeto, Adelina me propuxo a posibilidade de contraer matrimonio. No medio dunha corrente de aire. Ela quería definitivamente abandonar o oficio. Estaba farta da súa vida como «escrava do amor». Así mo dixo. Que eufemismo tan preciso, tan certeiro. De que maneira se entrelazaban dous conceptos profunda e profusamente antagónicos... (páx. 45-47)

O autor:  Álex ALONSO nace en Vigo en 1968. Licenciado en Filoloxía Galega e Hispánica, na actualidade traballa como tradutor intérprete da Administración de xustiza na Audiencia Provincial de Pontevedra. Gañador de distintos premios literarios, na nosa biblioteca tamén podedes acceder a outros títulos seus como Granito, Bullying  ou Tempos de bebidas isotónicas e fast-food.

Se premes aquí atoparás unha entrevista con el.

Data: 
Sáb, 30/12/2023 - 20:40

Cine para o Nadal

Presentacións das películas e series do Cinexornal nº 15

Data: 
Lun, 18/12/2023 - 21:49

Nadal, tempo de cine

Data: 
Lun, 18/12/2023 - 20:30

Nadal, tempo de lecturas

Data: 
Lun, 18/12/2023 - 20:25

Decembro 2023

TODO

Estou queda
porque non me perseguen.
Estou erguida
porque non me disparan.
Estou chea
porque podo comer.
Estou limpa
porque podo asearme.
Estou calada
porque o teño todo
e non me podo queixar.

Non durmo
porque non teño soños.
Non me fago rica
porque non paro de gastar.
Non choro
porque me poden ver.
Non descanso
porque estou ocupada.
Non son feliz
porque o teño todo.

    Mariña Maceiras (Compostela, 2005) in 21 poetas do século XXI. Antoloxía a cargo de Carlos Da Aira, Aira, Allariz, 2021, páx. 83   

Data: 
Xov, 30/11/2023 - 15:49

Decembro 2023

Disfuncional  de  Galder Varas

    Esta primeira novela gráfica do humorista, guionista, monologuista e director de curtametraxes Galder Varas, rompe o tabú das familias desestruturadas. Estamos diante dunha viaxe traxicómica á infancia de moitos de nós.
    Ris de todo porque a túa vida é un desastre ou a túa vida é un desastre porque ris de todo?
    Nesta emotiva viaxe cara aos traumas que cremos superados polo feito de esquecelos, mergullarémonos nunha vida totalmente disfuncional que cabalga entre o tráxico e o absurdo cun único artefacto defensivo e ofensivo: a comedia.
    Unha familia desestruturada, nenos atracadores, un pai que resolve os problemas cun pau e unha nai que refuxia aos seus fillos na comida.
    No medio dunha mudanza, coa súa vida sentimental do revés e preocupado pola súa próxima actuación, Gadler (non confundir con Galder, nome do autor) tratará de manter enterradas as probas dun pasado que chama insistentemente á súa porta, coma se reclamase algo del.




 

Se premes aquí podes visitar o espazo de youtube do autor.

Data: 
Xov, 30/11/2023 - 17:52

Novembro 2023

SILENCIO


Así como del fondo de la música
brota una nota
que mientras vibra crece y se adelgaza
hasta que en otra música enmudece,
brota del fondo del silencio
otro silencio, aguda torre, espada,
y sube y crece y nos suspende
y mientras sube caen
recuerdos, esperanzas,
las pequeñas mentiras y las grandes,
y queremos gritar y en la garganta
se desvanece el grito:
desembocamos al silencio
en donde los silencios enmudecen.


Octavio Paz (México, 1914-1998)
https://www.poesi.as/op01030.htm

Data: 
Mar, 31/10/2023 - 21:46

Novembro 2023

A curva da pantasma  de  Fran Alonso

       A curva da pantasma ademais do título do libro é o título dun dos contos que o integran (outros son: A fuxida e morte de Xoel, A vinganza do móbil, A misteriosa caixa de mistos, O can do negacionista, O castigo hermafrodita, A vella da oficina bancaria, O submarinista de Palmeira, Os acosadores de Narón)
    Estamos diante de breves narracións que seguen a estrutura e o espírito das chamadas lendas urbanas e que, ao tempo, abordan temas de actualidade como o abuso do alcohol, os comportamentos machistas, os lumes forestais, o acoso escolar, as redes sociais, a exclusión, a posverdade... todo adobiado cun prebe de medo e misterio, moi acaído para este mes de Samaín e Defuntos.

    Hai historias que me dan medo. Si, teño medo; como non o vou ter? Pero non teño tanto medo do que se ve como do que non se ve. Do que, se cadra, non é certo. Pódese ter medo do que non é certo? Pódese ter medo da mentira? Eu téñoo...

...contáronme como foi o do rapaz que apareceu morto na estrada entre A Guarda e Baiona...
    Cando empezou todo o das picadas, o rapaz ese, que se chamaba Cristiano... mofábase de todo o que estaba a suceder e ocorréuselle a brillante idea de que el tamén podía facelo.
    Si, é un machista... un tipo sen cerebro, prehistórico, incapaz de pensar.
    Vale, pois ao tal Cristiano seica se lle ocorreu que el tamén podía emular o que estaba a suceder, así que conseguiu unha xiringa para dedicarse a ir ás festas e aos concertos a picar mulleres...
    Seica Cristiano picou varias mulleres.
   Unha vez en Vigo, nun dos concertos de Castrelos e outra vez en Tomiño, nunha verbena coa Panorama.
    Debía facelo rápido e non o pillaron.
   A rapaza de Tomiño viulle a cara, pero el fuxiu entre a xente...
   O caso é que o outro día, os amigos de Cristiano, que vive en Camposancos, propuxéronlle ir a Baiona, porque eran as festas da Anunciada e querían saír pola noite...
    Á altura de Oia, nunha curva moi pechada e perigosa que eles coñecían ben, viron un vehículo accidentado...
    Cristiano detívose e saíu a todo correr...
   Pero cando estaba a chegar ao coche, saíu do asento do condutor unha muller vestida de noiva que parecía unha pantasma.
   Disque Cristiano seguiu achegándose, sen poder evitalo, medoso e desconcertado, ata que cando estivo á súa altura,  se decatou de que a noiva levaba unha xiringa na man.
     O que sucedeu exactamente ninguén o sabe.
    O que conta o compañeiro de Cristiano que ía con el é iso, que viron a pantasma vestida de noiva que saíu do coche e que o seu amigo se achegou a ela.
    Di que a partir de entón xa non lembra nada máis.
   O caso é que de madrugada el chegou andando a Baiona, pálido coma a lúa, e o seu amigo Cristiano apareceu alí, morto na estrada, tirado sobre o asfalto e co corpo cuberto de picadas de xiringa...                                   

(pp. 11, 72-74)

Data: 
Mar, 31/10/2023 - 16:35

A primeira muller no Seminario de Estudos Galegos

A nosa recomendación para celebrarmos lendo o Centenario do Seminario de Estudos Galegos e reivindicar o papel da muller nesta institución é esta biografía elaborada por Aurora MARCO:

Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, Alvarellos, Compostela, 2023, 226 pp.

"Entre as poucas mulleres que ingresaron no Seminario de Estudos Galegos en 1923, a primeira admitida naquela entidade científica, a poucos días de se constituír, foi unha cesureña que percorreu case todo o século XX, Carmiña Sierra Domínguez (Pontecesures, 1906-Caracas, 1996). Esta obra de Aurora Marco descúbrenos unha biografía totalmente descoñecida. Carmiña Sierra estudou Filosofía e Letras en Compostela, obtivo unha cátedra de Literatura Española e exerceu en varios centros de ensino medio fóra de Galiza. Tras a sublevación militar, rexentou co seu home unha granxa en Cortinallas (Pontecesures) e, tras ser detida polo súa militancia política e compromiso antifranquista, estivo tres anos encarcerada en Ventas. A comezos dos anos 50 exiliouse en Venezuela.

 

Esta monografía dedícase a recuperar unha traxectoria tan rica en experiencias, en afectos, e en compromiso polas causas da xustiza e a liberdade, e abrangue todo o seu percurso vital, desde o nacemento até a morte. O libro enriquécese cun cento de imaxes e documentos históricos moi descoñecidos." (da presentación editorial)

 

 

Data: 
Xov, 12/10/2023 - 12:50

Outubro 2023

Uns versos da recente galardoada co Premio Nacional de Poesía 2023:

        

          A VOZ DA ÉPOCA

Os croissants desta mañá
xa saben algo resesos.
Os xornais sobre a mesiña
son unha fame ventrílocua.


Quixera que a visión non fose
un acto irreversible,
que o noso sentido da historia se estendese
ata máis alá do almorzo.


Apearnos de cada playback,
coreografía das entrevistas.
Xa non verdades como puños, verdades como
mans abertas.


Os titulares teñen un gusto a conversa de ascensor,
o mundo, un gran programa de escritura preditiva.


A noticia lida con máis convencemento
é aquela sobre a que
pelo unha pataca.


Moita información está perdendo os papeis.


A verdade havos facer
escravos.

 

(Yolanda Castaño, Compostela, 1977, in A segunda lingua, Editorial Arte de Trobar, 2014)

Data: 
Sáb, 30/09/2023 - 08:46
Distribuir contido


by Dr. Radut