Certame Intercentros 2023

No Certame Intercentros do Concello de Narón participou este ano o noso colexio en distintas modalidades. Na oral, o alumnado de 1º e 2º de Primaria actuou no Pazo da Cultura. Podes ver aquí as actuacións:

 

PLENO DO CONSELLO DE PARTICIPACIÓN INFANTIL DO CONCELLO DE NARÓN.19-4-2023.

 

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu este mércores unha sesión extraordinaria do Consello de Participación Infantil do Concello no que participou alumnado dos centros de ensino Ayala, A Gándara, Jorge Juan, Piñeiros, Ponte de Xuvia, A Solaina e Virxe do Mar.

En representación do Consistorio estiveron tamén presentes na convocatoria o edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, os responsables do equipo de Educación Viaria de Narón, Pedro Caneiro e Sonia López, e o secretario xeral do Concello, Alfonso de Prado.

As alumnas e alumnos de sexto de Primaria dos diferentes centros presentaron á alcaldesa unha serie de propostas para levar a cabo na cidade. As comunicacións por autobús e tren na cidade, as zonas de estacionamento, a participación do profesorado e o resto de persoal dos centros nos Camiños Escolares Seguros, así como a instalación de puntos de control ao longo do camiño para acceder a máis premios, o aumento de pegadas por realizar novas accións no programa, a colocación de sinalización en linguaxe braille nos colectores de lixo, a instalación de xogos nos semáforos, a colocación de carteis advertindo da obrigatoriedade de que os donos de mascotas recollan os seus excrementos na rúa, a colocación de fontes de usos múltiples e a creación dunha canción rap sobre o Camiño Escolar formaron parte das propostas plantexadas.

As alumnas e alumnos defenderon cada unha destas propostas e intercambiaron opinións coa rexedora local, que os felicitou “polo excelente traballo que realizastes ata chegar a este pleno, presentándonos unhas propostas que son moi interesantes e que están moi ben artelladas e defendidas pola vosa parte”.

A alcaldesa respostou a cada unha das iniciativas que, acompañadas dunha presentación e incluso de maquetas ou de orzamentos sobre o custe das mesmas, expuxo o alumnado, indicando cales das propostas eran máis viables e se poderían executar, comprometéndose a colaborar na medida do posible.

Ao remate do pleno, os escolares recibiron un certificado por colexio en agradecemento á súa participación neste Consello de Participación Infantil.

 

Xornada de HOCKEI A PATÍNS.14 de Abril do 2023.

Este venres 14 de abril, recibimos a visita d@s xogadores-as do clube de Hockei a patíns de Narón.

                 

Fixeron dúas sesións prácticas c@s alumn@s de 6º de primaria no pavillón escolar, pero tamén asistiron como espectadores, outr@s alumn@s de educación primaria, así como @s alumn@s de 6º de educación infantil.

Aquí temos unhas imaxes da práctica deportiva do hockei.

                                  

Recomendacións da biblioteca para o 2º trimestre [2023]


 

8M_Día Internacional da Muller_2023

Celebramos o 8M a partir da película de Brave, falamos sobre o tema e realizamos un bonito mural como final. 

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ROUPA E CALZADO USADO [marzo 2023]

Seguimos a colaborar con Mariola Solidaria na CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ROUPA E CALZADO USADO en beneficio da ONG Global Humanitaria. 

O día único de recollida é o xoves 9 de marzo de 2023.

Día de Rosalía 2023

O 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro gravando un vídeo xunto ao mural da escritora. O alumnado de cada aula recitou un fragmento do poema Has de cantar. Este é o resultado.

ENTROIDO 2023

 

Na semana do 13 ao 17 de febreiro festexamos o Entroido no CEIP A Solaina. Como vén sendo habitual, seguimos os mandatos do Meco:

 -Luns: algo na cabeza.

-Martes: algo vermello.

-Mércores: calcetíns diferentes.

-Xoves: pixama ou bata.

Os mandatos NON SON ACUMULATIVOS.

O venres faremos o desfile de disfraces (saímos ás 10:00) enmarcado no proxecto de vida saudable que estamos a desenvolver no centro: campaña de alimentación, hábitos saudables (deporte, hixiene, alimentación en xeral, saúde...). Celebraremos o noso entroido cun pasarrúas, que nos ensinará como debemos facer para termos esa vida saudable. A distribución dos disfraces é a seguinte:

-Infantil: froitas.

-1º e 2º: deportistas.

-3º e 4º: cociñeiros realfood

-5º e 6º: profesionais da saúde.

Solicítase ao alumnado que vaia ao desfile con turutas, chifres ou obxectos para faceren ruído carnavaleiro durante o traxecto. Aínda así, á saída faremos o primeiro tramo do percorrido en SILENCIO, conforme aos estímulos sensoriais sonoros propostos para ese tramo. Coa nosa actitude empática podemos facer que os demais tamén disfruten. Despois continuaremos facendo ruído a esgalla.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xornadas XOGANDO CON FUTGAL. 7 e 8 FEBREIRO 2023.

 XOGANDO CON FUTGAL NO CEIP A SOLAINA.

A Federación Galega de Futbol convidou ao C.E.I.P. A SOLAINA para participar nas actividades de fútbol-sala "XOGANDO CON FUTGAL"  organizadas para escolares de primaria.

A actividade conta con dúas partes: unha delas en aula, e onde se proxecta un vídeo aos escolares dos inicios no fútbol sala de Vanesa Sotelo e de Adri, xogadores internacionais que na actualidade xogan no Parrulo Ferrol e o Futsi Navalcarnero, e outra parte práctica onde os participantes gozan cos máis pequenos na pista "Xogando con Futgal".

Os días 7 e 8 de febreiro prepararon no pavillón escolar unha pista e un chutómetro inchables para que @s alumn@s do centro practicaran este deporte.

                   

 

                             CHUTÓMETRO                                                                      PISTA DE XOGO

 

 

DÍA DA PAZ 2023

O día 30 de xaneiro celebramos o Día Internacional da Non Violencia e da Paz. Este ano 2023 dedicámolo a coñecer a Malala Yousafzai, premio Nobel da Paz e activista a favor do dereito á educación das nenas pakistanís. Deixámosvos aquí o vídeo cun achegamento ao traballo que se fixo no cole tanto nas últimas semanas como no día da celebración.

 

Distribuir contido