XV MARCHA CICLISTA ESCOLAR.12-5-2023

                                 

 

Alumnado dos colexios naroneses Ponte de Xuvia, Jorge Juan, O Feal, o CRA, A Gándara Santiago Apóstolo, Virxe do Mar, Ayala, A Solaina, Piñeiros, e do IES As Telleiras, ademais do centro de ensino Maciñeira, de Neda, subíronse ás súas bicicletas pasadas as 10.00 horas para realizar un percorrido pola zona urbana e, en grupos, dirixirse cara ao paseo de Xuvia.

Os escolares, de terceiro a sexto curso de Primaria e de primeiro da ESO, reagrupáronse no aparcadoiro do Pazo da Cultura e na rotonda de Freixeiro, para dirixirse xuntos a Xuvia, accedendo ao paseo pola rúa Xoán XXIII. No percorrido estiveron acompañados por unha ampla representación dos pais e nais dos escolares, integrantes das Anpas, mestres e mestras dos centros, e persoal do Moto Club Fojeteiros, do ximnasio Beny Gym, do club ciclista de Narón Clásicos BikeWorks. Persoal do Speis de Narón e axentes da Policía Local acompañaron tamén aos participantes nesta XV Marcha Ciclista Escolar.

Os escolares gozaron un ano máis dunha xornada programada co fin de promover o deporte e a vida saudable entre os menores, ao tempo que poñer en práctica todos os seus coñecementos en materia de seguridade viaria. Tras descansar un pouco e repoñer forzas, cun boliño e auga, puideron ver en Xuvia unha exhibición de calistenia, para, sobre as 12.45 horas, recoller de novo as súas bicicletas para dirixirse nelas de regreso aos seus respectivos centros escolares.