Resolución do concurso de fotografía "Dentro das paisaxes"

 Bo día!

 

Xa temos a resolución do concurso de fotografía da Biblioteca escolar: "Dentro das paisaxes". A continuación expoñemos os gañadores e gañadoras do primeiro premio e dos segundos premios, que entegaremos na Biblioteca no recreo o Xoves 8 de xuño. 

Precisamos que asistan no recreo todos/as participantes do concurso xa que temos un certificado e un detalle para todos e todas os que vos animastes a participar, grazas polo voso esforzo e creatividade!

 

1º PREMIO:

 Raúl García, 2ºA

 

2ºs PREMIOS:

Sara Villar, 1ºB

Carme Rendo, 5º

Pablo Soutullo, 3ºB

 

A verdade é que foi moi difícil escoller porque quedamos moi sorprendidas coa vosa creatividade! Lembrade, o Xoves 8 tedes que vir TODOS OS PARTICIPANTES na hora do recreo á biblioteca.

Ademais, o mércores quedarán expostas todas as vosas fotografías no mural que hai na zona exterior da biblioteca, o recuncho "chill out", para que todo o centro admire o voso traballo tan fermoso. Subiremos unha fotografía da exposición para que a poidades ver dende as vosas casas tamén.

 

Noraboa!!

 

 

NAVEGA CON RUMBO

Navega con rumbo é un programa encamiñado a guiar ao alumnado cara unha navegación segura. 

O alumnado de 5º e 6º de primaria tivo a oportunidade de asistir a unha charla deste programa o día 26 de maio.

Nela tratáronse aspectos como:

- Perigos de Internet: a perda da intimidade e da confidencialidade, a información falsa, o illamento social, o ciberbullying e o ciberacoso.

- Como protexer o noso ordenador: información cifrada, buscar contrasinais seguros...

Xuntos chegamos á seguinte conclusión: Internet en si non é perigoso, pero pode ser perigoso o que esconde detrás.

 

 

CHARLA SOBRE O ACOSO ESCOLAR

Con motivo do Día Internacional contra o Acoso Escolar, o 3 de maio o alumnado de 5º e 6º EP participou nunha charla enmarcada dentro do Plan Director. Nela tratáronse diferentes temas como:

- Tipos de bullying: físico, verbal, psicolóxico e social.

- Comportamentos típicos do bullying.

- Ciberbullying.

- Consecuencias penais e civís.

Coma sempre, Óscar empregou vídeos ilustrativos que facilitaron que o alumnado comprendese mellor esta realidade.

 

VISITA AO MUNCYT NA CORUÑA (3º A, 3º B, e 4º de EP)

O alumnado de 3º A, 3º B e 4º de Educación Primaria visitou o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía) na cidade da Coruña.

Este museo conta cun programa de actividades deseñadas para achegar aos escolares algúns aspectos das diferentes disciplinas científicas e tecnolóxicas a través da colección do museo.

Realizamos unha visita guiada polas diferentes salas do museo, onde puidemos ver expostos diversos obxectos e instrumentos que nos permitiron descubrir e comprender o progreso científico e tecnolóxico ao longo destes anos.

Ademais, tivemos a sorte de poder ver a parte dianteira e tren de aterrizaxe do Boeing 747 que trouxo a España “El Guernica” de Picasso.

Logo, realizamos un taller de electricidade onde fomos capaces de construir o noso propio circuito eléctrico para conseguir acender unha bombilla.

Xantamos no comedor das propias instalación do museo, e tivemos un tempo de ocio con vistas á Praia do Orzán e a Torre de Hércules.

Unha xornada moi divertida!

AS LETRAS GALEGAS NO CEIP DE ARZÚA_CURSO 22-23

Con motivo da conmemoración das Letras Galegas, son moitas as actividades que se están a levar a cabo nas diferentes titorías do colexio. 

Neste mural colectivo, que se colocou na entrada do centro, puxemos unha mostra das caricaturas de Francisco Fernández del Riego que fixo o alumnado de 1º, 2º e 4º EP, acompañadas dun traballo aportado por cada titoría do centro,  que recolle un elemento da nosa cultura ao que o escritor lle dedicou unhas palabras, que reproducimos ao lado do debuxo correspondente (o hórreo de Carnota, a torre de Hércules, a gaita galega...). En quinto e sexto de EP reproduciron as portadas dalgúns dos libros máis famosos do autor homenaxeado.

Deixámosvos aquí algúns dos traballos realizados polo noso alumnado. 

  

    

     

 

TEATRO GHAZAFELHOS PRESENTA A SÚA OBRA H2...OH!

Trátase dunha peza teatral baseada no libro do mesmo título de María Canosa. Nela, unha divulgadora científica e dous doutores, Marie Curie e Pierre Curie, achégannos ás curiosidades científicas que experimentamos no noso día a día.

Sabías que os cascos protectores inventáronos os paxaros? Ou por que a auga e o aceite non se mesturan? Ou por que a Torre Eiffel é máis alta no verán? Estas son algunhas das curiosidades ás que deron resposta! A loucura destes científicos e a extravagancia dos seus experimentos fixeron as ledicias das nenas e nenos de E. Primaria que asistiron ao espectáculo; potenciando o alicerce de toda ciencia: a curiosidade.

  

  

  

  

 Esta actividade foi financiada polo Concello de Arzúa.

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR CURSO 2023-2024.

 

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E  MATERIAL ESCOLAR CURSO ESCOLAR 2021/22

 

 BENEFICIARIOS

ALUMNADO QUE O VINDEIRO CURSO 2023-2024 CURSE DE1º A 6º DE PRIMARIA

 FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO:

alumnado matriculado en 3º e 4º de Primaria.

AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO:

alumnado matriculado en 1º e 2º de Primaria.

AXUDAS PARA ADQUIRIR MATERIAL ESCOLAR:

alumnado matriculado en educación Primaria.

O alumnado de 5º e 6º (E_Dixgal) está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto pero PODERÁ SOLICITAR A AXUDA PARA ADQUIRIR MATERIAL ESCOLAR cando reúnan os requisitos establecidos na Orde.

PRAZO DE PRESENTACIÓN

Do 20 de Maio ao 21 de Xuño

ORDE do 10 de maio de 2023 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2023/24 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).

DOCUMENTACIÓN NECESARIA

ANEXO I (Solicitude)

ANEXO II (Comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar)

Podes descargar os Anexos no seguinte enlace:

https://sede.xunta.gal/doc-invia/rest/anexos/23899294

Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.

En caso de separación ou divorcio, deberán achegar ademais a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.

Excepcionalmente (cando non sexa posible facelo polos medios anteriores), poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:

- Certificado ou volante de convivencia.

- Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

Certificado de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia non expedido pola Administración Autonómica

Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor ou titores carezan de DNI e NIE.

IMPORTANTE:

TODAS AS SOLICITUDES DEBERÁN ESTAR DEBIDAMENTE ASINADAS PARA QUE TEÑAN VALIDEZ.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (ED330B-anexos I e II) dispoñible na aplicación fondolibros (https://www.edu.xunta.es/ fondolibros), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED330B

 

Opcionalmente, poderá presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

 

POLO CORREO DO VENTO. LETRAS GALEGAS 2023.

Dentro da programación de actividades levadas a cabo no noso colexio na Semana das Letras Galegas, o alumnado de 1º A, 1º B, 2º A, 2º B e 4º de Educación Primaria tivo a sorte de poder desfrutar desta sesión a cargo dos compoñentes de Polo Correo do Vento.

Coa axuda do contacontos, Kike; do ilustrador, Carlos; e do músico, Antón, gozamos dunha sesión que nos achegou máis ao homenaxeado das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego.

                              

Mentres Kike nos narrou a vida do autor, Carlos fíxonos cantar e bailar cancións que falaban tamén da biografía do homenaxeado.  Mentres isto ocorría, o ilustrador, Antón, estaba facendo a caritarura de Fernández del Riego, a cal quedou impresionante! 

 

                           

Para finalizar, todos os alumnos e alumnas preparados co lapis e papel, seguimos as instrucións do ilustrador e fixemos as nosas propias caricaturas do autor. Aquedaron así de fantásticas!

                     

 

Esta actividade foi financiada polo Concello de Arzúa.

SESIÓN DE CONTOS: AS AVENTURAS DE MARIÑA

Seguindo coas actividades que xiran arredor das Letras Galegas, hoxe o alumnado de E. Infantil do noso centro, desfrutou dunha sesión de contacontos titulada "As aventuras de Mariña". 

Mariña, no verán, vai para unha vila mariñeira porque a coida a súa avoa, mentres os seus pais traballan. Gústalle moito o mar e os animais que nel habitan. Hai un peixe que é moi especial ao que ela bautizou co nome de Xarda. Grazas a el vai descubrir unha morea de cousas. 

A loita contra a contaminación, a amizade e o respecto son temas que estiveron moi presentes nesta sesión de contacontos, que combina a narración oral co teatro de monicreques. 

Agradecemos a familiaridade e a cercanía da compañía de teatro Galeatro co noso alumnado, xa que nos permitiu gozar dun momento moi agradable.

  

  

 Esta actividade foi financiada polo Concello de Arzúa.

Powered by Drupal - Design by artinet