Normalización Lingüística

DÍA MUNDIAL DO MEDIOAMBIENTE

Desdo os seus inicios o 5 de xuño de 1973, o Día Mundial do Medioambiente converteuse nunha plataforma mundial para fomentar a conciencia ambiental e estimular as tomas de medidas a favor do medioambiente. Isto permite que se impulsen cambios nos nosos hábitos de consumo e na política ambiental nacional e internacional.

Os nenos e nenas do CEIP  de Arzúa, concienciados co tema, e tendo en conta que este ano o tema a traballar foi “A auga, fonte de vida” elabaoramos un mural colectivo que leva por título “Mensaxes ao mar”. Cada aula rotulou unha frase ou lema relacionados co uso e consumo da auga e decorou botellas que portaban esas mensaxes.

 

                         

Tríptico lecturas recomendadas para o verán

Bo día!

Deixámosvos aquí un tríptico en PDF coas lecturas que recomendamos estas vacacións de verán, desde os máis peques ata os últimos cursos de Primaria. Desexámosvos un bo verán e unhas vacacións cheas de literatura e lecer!

 

 

DESCARGA O PDF AQUÍ

VICKY VISITA O NOSO CENTRO PARA TRABALLAR CON NÓS O LIBRO "NUBE DE NEVE"

O alumnado de 1º e 2º E.Primaria leu este curso o libro de Xabier P. Docampo, que leva por título "Nube de neve". 

Este venres, 2 de xuño, a contacontos e actriz Victoria Pérez Varela, achegouse ao noso centro para traballar con estes nenos e nenas dito libro. Para iso botou man dalgúns voluntarios e voluntarias que se converteron por uns intres en actores e actrices que representaron dous dos contos do libro.

Foi unha mañá moi divertida!!

         

                     

AS LETRAS GALEGAS NO CEIP DE ARZÚA_CURSO 22-23

Con motivo da conmemoración das Letras Galegas, son moitas as actividades que se están a levar a cabo nas diferentes titorías do colexio. 

Neste mural colectivo, que se colocou na entrada do centro, puxemos unha mostra das caricaturas de Francisco Fernández del Riego que fixo o alumnado de 1º, 2º e 4º EP, acompañadas dun traballo aportado por cada titoría do centro,  que recolle un elemento da nosa cultura ao que o escritor lle dedicou unhas palabras, que reproducimos ao lado do debuxo correspondente (o hórreo de Carnota, a torre de Hércules, a gaita galega...). En quinto e sexto de EP reproduciron as portadas dalgúns dos libros máis famosos do autor homenaxeado.

Deixámosvos aquí algúns dos traballos realizados polo noso alumnado. 

  

    

     

 

TEATRO GHAZAFELHOS PRESENTA A SÚA OBRA H2...OH!

Trátase dunha peza teatral baseada no libro do mesmo título de María Canosa. Nela, unha divulgadora científica e dous doutores, Marie Curie e Pierre Curie, achégannos ás curiosidades científicas que experimentamos no noso día a día.

Sabías que os cascos protectores inventáronos os paxaros? Ou por que a auga e o aceite non se mesturan? Ou por que a Torre Eiffel é máis alta no verán? Estas son algunhas das curiosidades ás que deron resposta! A loucura destes científicos e a extravagancia dos seus experimentos fixeron as ledicias das nenas e nenos de E. Primaria que asistiron ao espectáculo; potenciando o alicerce de toda ciencia: a curiosidade.

  

  

  

  

 Esta actividade foi financiada polo Concello de Arzúa.

POLO CORREO DO VENTO. LETRAS GALEGAS 2023.

Dentro da programación de actividades levadas a cabo no noso colexio na Semana das Letras Galegas, o alumnado de 1º A, 1º B, 2º A, 2º B e 4º de Educación Primaria tivo a sorte de poder desfrutar desta sesión a cargo dos compoñentes de Polo Correo do Vento.

Coa axuda do contacontos, Kike; do ilustrador, Carlos; e do músico, Antón, gozamos dunha sesión que nos achegou máis ao homenaxeado das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego.

                              

Mentres Kike nos narrou a vida do autor, Carlos fíxonos cantar e bailar cancións que falaban tamén da biografía do homenaxeado.  Mentres isto ocorría, o ilustrador, Antón, estaba facendo a caritarura de Fernández del Riego, a cal quedou impresionante! 

 

                           

Para finalizar, todos os alumnos e alumnas preparados co lapis e papel, seguimos as instrucións do ilustrador e fixemos as nosas propias caricaturas do autor. Aquedaron así de fantásticas!

                     

 

Esta actividade foi financiada polo Concello de Arzúa.

SESIÓN DE CONTOS: AS AVENTURAS DE MARIÑA

Seguindo coas actividades que xiran arredor das Letras Galegas, hoxe o alumnado de E. Infantil do noso centro, desfrutou dunha sesión de contacontos titulada "As aventuras de Mariña". 

Mariña, no verán, vai para unha vila mariñeira porque a coida a súa avoa, mentres os seus pais traballan. Gústalle moito o mar e os animais que nel habitan. Hai un peixe que é moi especial ao que ela bautizou co nome de Xarda. Grazas a el vai descubrir unha morea de cousas. 

A loita contra a contaminación, a amizade e o respecto son temas que estiveron moi presentes nesta sesión de contacontos, que combina a narración oral co teatro de monicreques. 

Agradecemos a familiaridade e a cercanía da compañía de teatro Galeatro co noso alumnado, xa que nos permitiu gozar dun momento moi agradable.

  

  

 Esta actividade foi financiada polo Concello de Arzúa.

CONCERTO LETRAS GALEGAS_2023

Esta semana comezamos no noso colexio coas actividades que xiran arredor da conmemoración das Letras Galegas. 

A primeira delas é este concerto didáctico que deron Mero, Pakolas e Manolo Dopico o luns, 8 de maio; ao que asistiu todo o alumnado do centro. Con eles fixemos un repaso polo folclore popular galego e acompañamos varias cancións cantando con eles o retrouso das mesmas. Moitas cantigas populares teñen unha morea de anos e fixeron as ledicias das nenas e nenos que asistiron ao concerto.

Ao final, o alumnado de quinto e sexto ata se animou e bailou algúns temas. 

    

  

Esta actividade é subvencionada polo Concello de Arzúa.

RECURSOS PARA TRABALLAR A FIGURA DE FERNÁNDEZ DEL RIEGO_CURSO2022_23

Déixamosvos aquí algúns recursos para achegarnos á figura de Francisco Fernández del Riego, escritor ao que se lle dedica este ano as Letras Galegas.

 - Actividades creadas polo Seminario Galán:

http://seminariogalan.org/inicio/2023

- Unidades didácticas elaboradas polo Seminario Galán:

http://seminariogalan.org/inicio/2023/documento

 - O xogo da memoria de Francisco Fernández del Riego:

https://view.genial.ly/635e35b2ba042d0019dc93d7

- Genially sobre a vida de Francisco Fernández del Riego:

https://view.genial.ly/63a735df8111150011045fb2

- A ruleta de Fernández del Riego:

https://view.genial.ly/63d037bde6aed80011f0605c

  O rodicio de Fernández del Riego:

https://view.genial.ly/635ef886cc462300129e13be

- Desde o vello cabo do mundo á Ría de Arousa:

https://view.genial.ly/63d8147d7a5d0c00125de1f2

CLAUDIA CASTRO VISITA O NOSO CENTRO

Unha das actividades organizadas con motivo da celebración do Día do Libro é este obradoiro de poesía, dirixido ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º E.Primaria.

Durante este mes de abril, os nenos e nenas de 3º e 4º EP leron o libro de poemas "Galicia, o país das marabillas" e da man do Rato Amelio e do Gato Pepe descubriron moitos lugares de Galicia que merece a pena visitar. As mestras xa tomamos boa nota dalgún destes sitios que lles gustaría coñecer!

   

Esta mañá tivemos a sorte de escoitar como esta escritora nos recitaba algún poema do libro e, despois, deixamos voar a nosa imaxinación para encher un folio cun debuxo que nos recordaba algún poema do libro, o lugar que máis nos gusta de Galicia, o debuxo do Rato Amelio ou do Gato Pepe... e así convertémonos por un intre en ilustradoras e ilustradores. 

 

 

Este foi o mural que fixeron os nenos e nenas de 3º A.

  

E este é o mural que se fixo na clase de 3ºB.

   

E así de fermoso quedou o mural de 4ºA.

Co alumnado de 5º e 6º de E.Primaria, Claudia Castro traballou o libro "Amiga lúa, amigo mar". As nenas e nenos recibírona con este mural que previamente fixeron na súa clase, pois tamén dedicaron varias sesións á lectura deste libro.

Claudia explicoulles a razón pola que escolleu este título e faloulles da súa ilustradora, Luz Beloso. Despois de recitar xunto a Claudia algún dos seus poemas, viron un vídeo e remataron facendo voar os avións de papel que contiñan os seus soños.

 

Grazas Claudia por compartir esta xornada connosco e axudarnos a descubrir outro xeito de achegarnos á poesía. 

 

Powered by Drupal - Design by artinet