5º e 6º nivel de Primaria

DÍA DA MULLER_2021 EN 5ºA

Desde o ano 1975, cada 8 de marzo, celébrase o Día Internacional da Muller. Naceu para mostrar as desigualdades entre homes e mulleres e reclamar unha sociedade máis xusta e igual. 

A orixe desta celebración está no século XIX, cando algunhas mulleres traballadoras comezaron a protestar contra as inxustizas que sufrían: non tiñan dereito ao voto, non podían xestionar os seus cartos, non se lles permitía estudar determinadas carreiras...

Na clase de 5ºA decidimos escoller a 23 mulleres galegas para que o alumnado fixera un traballo de investigación sobre as mesmas. Cada neno e cada nena buscou información sobre a muller que lle foi asinada e despois expuxéronse todos estes traballos na aula. O obxectivo é buscar referentes nos distintos eidos da cultura porque nos parece moi importante que se coñeza a vida e a traxectoria laboral destas mulleres que moitas veces foron abrindo camiño para que outras as imitaran. 

    

    

    

 

OBRADOIRO DE CAMBIO CLIMÁTICO EN 5ºA CON LIDIA VEIGA

O alumnado de 5ºA rematou o obradoiro de cambio climático impartido por Lidia Veiga e patrocinado pola ANPA O Formento. 

Lidia Veiga axudounos a profundizar un pouquiño máis na realidade do cambio climático, realizando actividades moi interesantes para visualizar a problemática que rodea á maior ameaza medioambiental á que se enfronta a humanidade. Todas e todos podemos adoptar unhas sinxelas medidas de eficiencia enerxética nas nosas casas e contribuír así na loita contra o cambio climático.

Estas imaxes corresponden a distintos momentos deste obradoiro que se realizou nas dúas últimas semanas de marzo, durante tres sesións de clase. 

   

                        

PARTICIPACIÓN NO PREGÓN COLABORATIVO DA FESTA DO QUEIXO- 5º A

A finais de febreiro, o alumnado de 5ºA recibiu a encomenda de elaborar unha parte do pregón da Festa do Queixo. Todo os rapaces e todas as rapazas de 5ºA colaboraron na súa elaboración. Tratábase de continuar coa redacción do pregón que iniciara o IES de Arzúa e o colexio Nosa Sra. do Rosario.

Despois dun sorteo realizado entre o alumnado que o quería ler, recaeu esta responsabilidade de representar ao CEIP de Arzúa en Celia Zapata Villar. 

Deixámosvos aquí o vídeo que o Concello de Arzúa gravou na Capela da Madalena, onde participaron os catro centros educativos do pobo. 

Uns días antes da emisión deste vídeo, cinco alumnos e alumnas de 5ºA participaron nunha entrevista realizada en Radio Arzúa para comentar a súa experiencia participando na elaboración do pregón da Festa do Queixo. 

  

ROSALÍA DE CASTRO EN 5º A

O alumnado de 5º A escolleu este curso dous poemas de Rosalía de Castro para traballar na clase: "Hei de cantar"e "Castellanos de Castilla".

Para comprender a mensaxe do primeiro poema botamos man da versión da canción "Malamente"de Rosalía, fusionada co poema "Castellanos de Castilla" de Rosalía de Castro, interpretada pola cantautora arzúa MJ Pérez.

 

Os carteis que confeccionamos para repartir polos escaparates de Arzúa dando a coñecer a obra da nosa escritora foron estes. 

    

Ademais, no mes de febreiro, traballamos na clase con material diverso subido á plataforma virtual Edixgal, proposto polo EDLG. 

ENTROIDO EN 5º A

O alumnado de 5º A quixo render unha pequena homenaxe aos Boteiros, uns personaxes do Entroido ourensá, protagonistas na localidade de Viana. A figura do Boteiro reivindica a tradición e as raíces dos entroidos rurais. A variedade de cores que caracteriza a súa máscara foi o que quixemos reproducir neste traballo de plástica. 

 

 

 

E para que vexades máis de preto o noso traballo deixamos aquí unha pequena mostra do mesmo.

    

 

DíA DA PAZ EN 5º A

Durante o mes de xaneiro, o alumnado de 5ºA realizou diferentes actividades relacionadas co Día Internacional da Educación e co Día da Paz.

En relación coa primeira conmemoración, vimos a primeira parte da película "Buda explotó por vergüenza" e fomos comentando diferentes temas que se abordaban na mesma. Na clase tamén se proxectou un vídeo sobre o dereito á educación e participamos no mural colectivo que se colocou na entrada do centro. Cada neno e nena deu resposta no seu debuxo ao lema proposto: "A educación promove...". 

Para traballar a segunda temática realizamos un mural que levou por título "A Paz é posible...". 

 

Estas son as fotos ampliadas dalgúns dos traballos que aparecen no mural.

   

   

  

   

AS FLORES RADIOACTIVAS de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ- 5º A

O alumnado de 5º A acaba de ler "As flores radioactivas" de Agustín Fernández Paz. Este libro escolleuse en relación coa temática deste ano "Medioambiente e saúde" e serviunos para estudar as distintas formas de enerxía e aprender unha morea de cousas sobre a enerxía nuclear; unha forma de enerxía non renovable. 

     

Despois de facer un traballo de investigación, imos deixarvos aquí o que descubrimos...

SABÍAS QUE…?

  • A enerxía nuclear é unha forma de enerxía non renovable que se obtén a partir do uranio e o plutonio.
  • En marzo de 2011 produciuse un accidente na central nuclear de Fukushima, en Xapón; e en 1986 xa houbera outro moi importante na central nuclear de Chernóbil (norte de Ucrania).
  • A enerxía nuclear prodúcese pola rotura do núcleo dos átomos de uranio ou plutonio (materiais altamente radioactivos).
  • Na década dos anos setenta do século XX comezaron a desenvolverse outras enerxías alternativas, a partir de recursos renovables, como a enerxía eólica e a enerxía solar.
  • As primeiras centrais nucleares construíronse en Estados Unidos no ano 1951 e na antiga URSS no ano 1964.
  • Entre 1967 e 1982 botáronse ao mar 94.800 toneladas de residuos radioactivos.
  • Moitos países europeos botaron os seus residuos radioactivos na chamada “Fosa Atlántica”, unha zona que queda a unhas 300 millas do cabo Fisterra.
  • Na “Fosa Atlántica” continúan mergullados preto de 140.000 toneladas de residuos radioactivos.
  • Os residuos radioactivos seguen sendo perigosos durante miles de anos.
  • En España hai 8 centrais nucleares, das cales seguen funcionando cinco.
  • O principal uso da enerxía nuclear é a produción de enerxía eléctrica, pero unha das principais desvantaxes desta forma de enerxía é que os residuos que xera son moi perigosos.

A maioría do alumnado manifestou non saber nada acerca dos residuos radioactivos que se xeran nunha central nuclear e tampouco que podían resultar tan perigosos.

Este libro abriu na clase o debate sobre que formas de enerxía son mellores para o ser humano. Estas son algunhas das enerxías renovables que poden substituír a enerxía nuclear:

   

  

 

 

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

O 3 de decembro, o alumnado de 5ºA fixo unha serie de actividades para conmemorar o "Día Internacional das persoas con discapacidade".

- Traballamos a diversidade a través dos contos.

- Dialogamos a partir do visionado do vídeo: "Nobody is normal". O curto parte da premisa de que todos somos diferentes. O protagonista é unha bóla de lá azul que se disfraza todos os días para ir á escola e "esconder" todo o que o fai diferente. 

As nosas conclusións plasmámolas neste pequeno mural que colocamos na porta da aula:

   

OBSERVACIÓN DA EPIDERME DE BULBO DE CEBOLA EN 5º A

Hoxe, na aula de 5º A, substituímos os ordenadores por microscopios e, durante un par de sesións, contando coa axuda da profesora do programa ARCO, fixemos algún pequeno experimento. 

A pel das escamas internas do bulbo da cebola está formada por unha soa capa de células fácil de obter e observar. O alumnado, en grupos de dous, foi facendo a súa preparación seguindo as instrucións da ficha que se lles entregou.

    

A continuación, e despois de tinguir a mostra e lavala coa axuda do frasco lavador, levárona a un dos cinco microscopios despregados na aula. 

      

Aquí vos deixamos unha mostra do que se puido ver a través do microscopio: as células vexetais do tecido epitelial do bulbo da cebola, onde se distingue perfectamente a parede celular destas células, o seu citoplasma e o núcleo. Esta mostra corresponde a unha das parellas que se formou na clase para esta actividade. 

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER_5ºA

Na clase de 5ºA traballamos o tema da igualdade entre homes e mulleres durante varias sesións do mes de novembro. Entre as actividades realizadas están as seguintes:

- Lectura do conto titulado "Yo voy conmigo" de Raquel Díaz Reguera e posterior debate sobre a mensaxe que nos transmite o mesmo. Despois fixemos un resumo do seu argumento.

- Debate arredor da letra da canción "Amores" de La Pegatina Feat Delaporte.

- Participación no mural colectivo que se colocou na entrada do colexio. 

- Proxección da película Mulan e realización dunha pequena unidade didáctica sobre a mesma. 

A protagonista da película transmitiunos que o valor, o esforzo e a confianza nun mesmo son pilares básicos na vida e que ela, como muller, foi capaz de realizar as mesmas tarefas que os homes. Mulan conseguiu grazas á súa astucia, intelixencia e habilidades integrarse na dura disciplina militar, nun país como a China antiga, onde o lugar das mulleres estaba supeditado ao matrimonio e as tarefas domésticas. 

Así é como viu o alumnado de 5ºA a Mulan.

    

   

- Collages na clase de Plástica. Estes son algúns dos collages que se realizaron:

      

    

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet