Skip to Content

 

   

BADYG

Estimadas familias,

Dende o Departamento de orientación enviámosvos esta circular sobre a proba BADYG para explicarvos os resultados acadados.

Antes de comezar a explicar en que consiste o BADYG, é necesario aclarar as seguintes cuestións:

A intelixencia é unha facultade superior do ser humano, e como tal, é difícil de medir e avaliar. Por isto mesmo é necesario tomar os datos que aparecen no perfil con cautela. Hai varios aspectos que poden distorsionar os resultados: cansazo, falta de atención, o ambiente da aula, a motivación, o estado de ánimo, as preocupacións, etc. É dicir, ningunha proba é perfecta, e desde este punto de vista, temos que tomar os resultados como unha axuda.

Como se lles dixo ós nenos e nenas, o BADYG non é un exame, senón que é unha proba que nos axuda a coñecer como aprendemos.

Moitas veces a intelixencia funcional inflúe tamén nos resultados: o neno ou a nena é mais capaz, pero funcionalmente traballa e emprega os seus recursos cun ritmo inferior ás súas posibilidades.

 

Que é o BADYG?

O BADYG (Batería de Aptitudes Diferenciais e Xerais), é un test que se realiza nas aulas con todo o alumnado ao mesmo tempo, e que pretende medir as aptitudes dos nenos e nenas para desenvolverse nas distintas aprendizaxes. É dicir, para coñecer o potencial intelectual de cada alumno/a e poder axudalo tendo en conta as súas posibilidades. Consta de 9 exercicios para a Educación Primaria.

 

Como interpretamos os resultados do perfil persoal?

No perfil individualizado aparecen unha serie de resultados baixo as siglas PC, que fai referencia ao lugar que ocuparía o neno/a nun grupo normativo de 100 alumnos/as.

As puntuacións entre 20 e 80 son consideradas normais, sendo normal altas as que están entre 60 e 80 e normal baixas as que están entre 20 e 40.  As puntuacións por riba de 80 son altas.

 

Que podemos facer cos resultados?

En primeiro lugar recordar que os resultados non son perfectos ou inmóbiles, polo que temos que quedarnos cunha idea global máis que afondar nunha proba en particular que pode estar nesgada.

- Se os resultados son altos e as notas non brillan especialmente, poden animar ao seu fillo/a a ter a seguridade de que a súa capacidade non é un problema. Haberá que reforzar as outras áreas: motivación, constancia, conduta…

- Se os resultados acadados son baixos, é ao mesmo tempo as súas cualificacións son baixas. Neste caso a proba está a confirmar que hai unha xustificación obxectiva para explicar unha parte das dificultades. Sen esquecernos doutros factores como poden ser as funcións executivas (memoria, atención…) xa que as mesmas tamén poden repercutir no proceso de ensinanza-aprendizaxe.

- Se os resultados son baixos e as notas medias, ou ben o test non foi realizado coa suficiente atención, ou ben o alumno/a está compensando con dedicación parte das súas dificultades.

En calquera caso, non debemos facer comparativas cos resultados entre irmáns, familiares, compañeiros/as…

Non é preciso contarlle ós nenos e nenas os resultados ó detalle, pois o concepto intelixencia pode non ter o mesmo significado que para nós. E se ademais son resultados negativos é mellor non mencionalos.

En definitiva, estes resultados valen para axustar a esixencia ás verdadeiras posibilidades, e axudar alí onde detectemos carencias.

Recordarvos que ante calquera dúbida podedes chamar ao centro para contactar coa orientadora, que vós atenderá en canto lle sexa posible.

 Un saúdo

 

O Departamento de Orientación



page | by Dr. Radut