Colección Africana

Os xoguetes chegados de África

  

O sábado, 17 de Marzo de 2012, ás cinco da tarde, presentouse no CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela – A Coruña) unha colección de xoguetes africanos; esta  comezou a ser recollida en 1989 e foise completando ano a ano, viaxando por África, ata conseguir hoxendía unha das maiores coleccións de xoguetes africanos que existen en España. 

Pertence a Cultura Africana, axencia de viaxes especializada nese continente; agradecemos especialmente a Javi Lago (o seu propietario) a oportunidade de que sexa vista e visitada por alumnado e profesorado de diferentes centros educativos.

A colección está composta por 193 pezas (barcos, helicópteros, avións, móbiles, motos, coches, camións, bonecas, marionetas, xogos, instrumentos musicais, animais, armas ...), que veñen de 26 países: Arxelia, Benin, Burkina Faso, Camerún, Costa de Marfil, Etiopía, Exipto, Gabón, Ghana, Guinea Bissau, Guinea Conakry, Illa Reunión, Kenia, Madagascar, Mali, Marrocos, Mauritania, Níxer, Nixeria, República Centroafricana, República Democrática do Congo, Senegal, Serra Leoa, Tanzania, Togo e Uganda. 

Amosa uns xoguetes usados por nenos e nenas africanos e, o que é máis salientable, fabricados por eles mesmos ou coa axuda dos seus pais. Non son máis ca o resultado da imaxinación e do seu inxenio. Os xoguetes están construídos con materiais esquecidos ou de lixo. A enorme imaxinación destes rapaces e rapazas do incorrectamente chamado “terceiro mundo” transformaron eses materiais en preciosos obxectos de xogo, sinceiros e divertidos.

De momento queda cedida á nosa escola de xeito indefinido, para que pase a formar parte da nosa proposta “Brinco”.

Unhas ligazóns para visionar a colección:


 

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-solaina-26-03-2012 

 

26 de Marzo de 2012 (38’ 35”)

 

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-revista-300358 

 

19 de Abril de 2012 ( 35” e 37’05”)

Distribuir contido