Skip to Content

                              

Blogues

MESA INFORMATIVA DÍA DA ATENCIÓN PRIMARIA

Hoxe venres 12 de abril, a Plataforma da Sanidade Pública de O Carballiño porá a disposición de tod@s @s veciñ@s una MESA INFORMATIVA na Praza Maior de 18.00h a 19.30 h.

 

 

 

REUNIÓN CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO: SOBREMESAS SOBRE VERSOS

O pasado xoves día 4, reuniuse o Club de Lectura de alumnado para falar da última lectura: "Sobremesas sobre versos" de Raquel Castro

 

Comezamos falando sobre o libro, que lles pareceu, que foi o que máis lles gustou, que foi o que menos e a maioría comentaron que fixeron algunha das receitas.

Un formato de lectura distinto ao que están habituados e habituadas.

Tamén falamos sobre os seus coñecementos sobre o alzheimer e como lle explicarían que é ao alumando de ED. Infantil

Posteriormente fixemos 2 grupos para ir á Radio Xuve e gravar as preguntas que lle queren facer á autora sobre o libro, para que cando teña un momento , as resposte e escoitalas na seguinte reunión.

Mentres uns gravaban os outros estiveron xogando a algúns dos xogos de mesa que temos na biblio.

 

E coma sempre rematamos coa "merendiña" que este curso pretende ser "saudable".

 

Aquí quedan unhas poucas fotos .

 

 

"REDES SOCIAIS E SAÚDE MENTAL NA ADOLESCENCIA" con Iria Veiga

O pasado día 3, tivemos a sorte de poder contar no noso centro con Iria Veiga ( médica psiquiatra, divulgadora científica e colaboradora con Nós Diario entre outras moitas cousas)

 

 

Baixo o titulo "Redes sociais e saúde mental na adolescencia" explicounos diversos conceptos, como o funcionamento do cerebro dos e das adolescentes. Tamén nos aportou alguns artigos científicos con información contrastada e fixo unha inmersión na visión que temos e teñen das redes sociais ( incidindo en que somos seres "sociais" por natureza) .

Compartiu con nós tamén unha serie de artigos sobre estudos, e información contrastada sobre a temática, que resultou moi útil e ademais interesante ( apostas online e o seu "target", estatísticas, exposición de menores nas redes, uso das mesmas..) 

Posteriormente abriuse a "quenda de preguntas" na que xurdiron algunhas dúbidas ou incertezas.

 

 

 

Finalizamos cun "pincho saudable" e dun xeito máis informal ao rematar.

 

 

 

 

 

Dende o equipo de biblioteca do centro queremos agradecer ás familias que participaron e a Iria Veiga por achegarse ata o noso centro.

 

A finais de mes contaremos novamente con ela, desta volta sobre outra temática de especial interese para nós.

MENÚ ABRIL

Prema na seguinte LIGAZÓN para visualizar o menú de abril.

DÍAS DA ÁRBORE, AUGA E POESÍA

O pasado venres día 22 e para facer unha conmemoración conxunta dos días da Árbore, da Auga e da Poesía desenvolvimos 2 actividades:

 

En primeiro lugar, o profesorado especialista preparou experimentos nos que a protagonista principal era a AUGA, e os distintos grupos fomos rotando polos mesmos, a modo de "estacións".

Foi unha actividade moi interesante para o alumnado, que desfrutou e ao mesmo tempo aprendeu sobre as cualidades da auga.

Queda aquí un pequeno vídeo cunhas poucas fotos do momento:

 

 

 

 

Ao finalizar esta actividade, dirixímonos ao noso patio e démoslle unha aperta as árbores do noso cole.

Así baixo o lema "abraza unha árbore" sentimos o contacto coas mesmas e pasamos un rato divertido.

                          

 

Por último e isto xa a nivel aula, traballamos os CALIGRAMAS e elaboramos caligramas con formas naturais ( árbores, elementos da natureza) xa fose de xeito individual ou en equipo.

 

Por último engadir, que o xoves día 21 o alumando do 3º ciclo achegouse á Insua dos Poetas para participar con outros centros na celebración conxunta dos días da Árbore, Auga e Poesía. (Se premedes no enlace levaravos a información máis completa sobre o evento)

 

DÍA DA ÁRBORE, AUGA E A POESÍA NA INSUA DOS POETAS

 

O alumnado do 3º ciclo do noso centro, participou nesta actividade organizada pola fundación Insua dos Poetas.

Aquí deixamos unha completa reportaxe gráfica de  BADAL NOVAS  sobre o evento.

 

 

E por último un vídeo coa actuación que desenvolveu o noso alumnado:

 

 

REUNIÓN CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO: A LAVANDEIRA DE SAN SIMÓN

o pasado luns 18 de marzo reuniuse o Club de Lectura de Familias e Profesorado para falar da nosa lectura: 

"A lavandeira de San Simón" de Eva Mejuto e ilustrado por Bea Gregores.

Esta lectura foi "patrocinada" polo equipo de Biblioteca do CEIP Petelos (Mos)  , xa que nos deixaron os exemplares para a lectura, ademais de propoñernos unha actividade conxunta de ambos clubs no mes de xuño. Moitas grazas, especialmente a Ángeles.

 

 

 

Comezamos a reunión, dando a benvida a unha nova integrante do noso club que nos falou sobre as súas lecturas favoritas e sobre si mesma.

 

Despois as que non puideron asistir á anterior reunión, déronnos a súa opinión sobre "Senlleiras" de Antía Yáñez, que foi a nosa anterior lectura.

 

E posteriormente pasamos á falar da lectura, motivo desta reunión.

 

 

 

O libro gustounos, e gustounos moito. Pareceunos un xeito moi accesible e sinxelo para falar dunha parte da nosa historia dun xeito moi tenro ( relatando unha dura realidade e o tempo da "postguerra")

Varias persoas comentaron , que en tempos tan duros, a solidariedade, o compartir o pouco que se ten, da moito que pensar.

Tamén reflexionamos sobre a importancia de coñecer o pasado para non cometer os mesmos erros.

En xeral, gustounos tamén moito como acompañaba  maxistralmente a ilustración ao texto. E pequenos detalles que se repetían ao longo do libro.

Concluímos que quizais o libro espertaba un sentimento de querer saber máis do acontecido, como un "abrir unha xanela" para seguir investigando. A maioría non estiveron nunca na illa.

 

 

Investigamos un pouco nas redes para atopar máis información sobre a illa, a súa historia e finalizamos accedendo á páxina que aparece no propio libro mediante un código QR:

A LAVANDEIRA DE SAN SIMÓN 

 

Na reunión tamén decidimos cal ía ser a seguinte lectura ( a idea é que cada quen trouxese unha proposta e decidir entre todas), e seguimos con Eva Mejuto, xa que a lectura escollida foi: "Memoria do Silencio" seguindo na liña de ler sobre o noso pasado...  

 

E para rematar, "unha merendiña" para falar dun xeito máis distendido. E desta volta queremos agradecer ás dúas Vanesas que temos no club, xa que nos deleitaron cunha gorentosa  "quiche" de verduras e un riquísimo biscoito caseiro.

Moitas grazas ás dúas!!!!

 

REDES SOCIAIS E SAÚDE MENTAL NA ADOLESCENCIA

 

Dentro do programa LECTURA E FAMILIAS ao que nos incorporamos este curso e partindo de propostas de diversas familias (especialmente as pertencentes ao Club de Lectura de Familias e profesorado) organizamos unha charla informativa impartida pola experta na materia Iria Veiga (médica psiquiátra no CHUS e divulgadora científica).

 

 

 

O vindeiro día 3 DE ABRIL ÁS 18:30, terá lugar no centro, co título : "REDES SOCIAIS E SAÚDE MENTAL NA ADOLESCENCIA".

Convidámosvos a asistir, xa que cremos que pode ser do voso interese. 

DÍA DE ROSALÍA NA CLASE DE 1º de ED. Primaria

No día de Rosalía de Castro,  o alumnado de 1° de Primaria do CEIP Xuvencos de Boborás, queremos facer unha homenaxe a esta  grande escritora.

 

Ensaiaron, prepararon os seus textos e baixaron a Radio Xuve a facer a gravación, acompañados pola súa titora, a profe M Luz.

Editado polo profe Javi, aquí tedes o resultado:

 

 

BOLIS 3D

Neste segundo trimestre o alumnado do colexio coñeceu os bolis 3D que tiñamos no centro e o Kit  que nos prestou o CFR de Ourense para realizar as nosas creacións.

No seguinte video poderedes ver canta imaxinación e creatividade ten o noso alumnado.

Distribuir contido


by Dr. Radut