Skip to Content

                              

Blogues

Faladoiro "MEDRAR: AUTOESTIMA E LÍMITES".

Dende o CEIP Xuvencos, convidamos a toda a comunidade educativa e á  cidadanía interesada, ao faladoiro "Medrar: autoestima e límites", impartido por Alexandre García Caballero, psiquiatra, doutor en mediciña e coordinador de Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde. 

 

 Venres 10 de maio, de 16.00 a 18.00 horas

no CEIP Xuvencos

 

Esta charla forma parte do desenvolvemento do programa educativo INCLÚE-T no noso centro educativo, dentro dos contratos-programa INCLÚE, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, encamiñados a acadar o éxito escolar a través dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da Axenda 2030, concretamente dos obxectivos 4 (Educación de calidade) e 5 (Igualdade de xénero). 

 

RECOMENDAMOS A ASISTENCIA!!!

 

REUNIÓN CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO

 

O pasado xoves 25 de abril reuniuse o club de Lectura de familias e profesorado para falar da nosa última lectura: "Memoria do Silencio" de Eva Mejuto ( autora tamén da nosa anterior lectura)

 

Xa que a data coincidía cos 50 anos da “Revolución dos Cravos” adicamos o inicio a falar da mesma, da importancia da memoria histórica e do simbolismo dun pobo unido. ( Si tamén escoitamos un anaco de “Grándola”  

 

 Esta historia está ambientada en Ribadavia e conta a historia ficcionada do que fixeron as  irmás Touza . Pero como ven comentou algunha das integrantes, recollendo distintos puntos de vista.

 

Foi un libro que xerou comentarios sobre a represión, as inxustizas, a empatía, o medo e especialmente quedámonos con esas mulleres afoutas, e valentes que moitas veces non obteñen o recoñecemento merecido. 

 

 

Tamén falamos de que quizais se nos fixo un pouco “curta” e quedamos coa curiosidade de saber que pasaría cunha das protagonistas, e tamén de que decisións tomou coa súa vida certo integrante do exército alemán..

 

 

Decidimos xa a seguinte lectura, sabendo que acababa de sair a última novela de Ledicia Costas: “Pel de cordeiro” e que somos grandes fans dela, xa que o primeiro libro que lemos no club ao comezo foi “Golpes de Luz” e gardámoslle un cariño especial.

(Desta autora tamén lemos Infamia e Ultraluz) 

 

Dúas nais prepararon unhas sobremesas moi gorentosas que compartiron con nós, Belén fíxonos un biscoito e Paz un flan de queixo que estaba espectacular ( aínda que non puido asistir á reunión mandounos a sobremesa igualmente!!!)

Moitísimas grazas ás dúas.

 

 

 

 

E coma en todas as reunións rematamos "merendando" e falando dun xeito máis distendido para finalizar...

 

Campañas solidarias con Arume e co Instituto Goodall.

O vindeiro martes 7 de maio gozaremos das Xornadas de Convivencia Intecentros que facemos anualmente. Este ano, no CEIP Virxe da Pena da Sela, en O Irixo.

Entre outras actividades, realizaremos unha cadea humana co resto dos centros, relacionada coa promoción das dúas campañas nas que están a traballar en O Irixo: unha, a campaña de recollida de penso para a protectora de animais ARUME e a outra, a campaña de recollida de móbiles para o Instituto Jane Goodall

 

Campaña Arume:    https://www.edu.xunta.gal/centros/ceippenadasela/node/154

Campaña Instituto Goodall

 

Por este motivo, a partir de mañá venres e ata o martes 7 de maio, o alumnado pode entregar no CEIP Xuvencos, por unha parte, penso para a protectora de animais ou ben, calquera móbil antigo ou inservible que queira doar. O martes, levarémolo ao CEIP Virxe da Pena da Sela para as súas respectivas entregas.

 

A dirección.

DÍA DO LIBRO 2024: APADRIÑAMENTO LECTOR

Este ano centramos as nosas actividades polo día do libro en 2:

Por unha banda estamos elaborando unha historia en B.D na que o protagonista é Xuve, de xeito colaborativo todo o alumnado do centro. 

( Estamos en proceso de finalización para presentalo á toda a comunidade educativa)

 

E para conmemorar no propio día do libro, voltamos ás orixes: facendo un apadriñamento lector  no patio, na "hora de ler" despois do recreo.

Cada aula dos "maiores" recolleu a unha aula dos máis pequenos para contarlles/dramatizarlles un conto ou lerllo.

O alumnado do 6ºde EP. fixo unha lectura conxunta para a clase de 4º/5º de ED. Infantil.

O alumnado de 5º dramatizou varios contos para o alumnado de 2º EP.

As aulas de 4º e 3º fixeron unha lectura individualizada para as aulas de 1º de EP e 5 anos.

Finalizada a lectura , o alumnado de 6º de EP.  fixo unha dramatización de 4 historias con monicreques (que eles mesmos inventaron) para o alumnado de ED. Infantil e 1º Ciclo de EP.

Agradecemos a colaboración de todo o alumnado , en especialmente ao de 6º E.P e ás titoras pola organización previa da actividade (escollendo as lecturas axeitadas e practicando previamente nas aulas) 

Boa lectura!!!!

 

 

MENÚ MAIO

Prema na seguinte LIGAZÓN para visualizar o menú de maio.

ABRIL CONTRA O MALTRATO ANIMAL

 

Varios centros das provincias de  Pontevedra e de Ourense ( entre os que nos atopamos o CEIP Xuvencos de Boborás)  así como clínicas veterinarias e diversas entidades , colaboramos nunha dinámica intercentros de concienciación contra o maltrato animal.

(Texto elaborado pola profe M Luz, titora de 1º de ED. Primaria)

 

 

 

 

A NOSA PARTICIPACIÓN NO "REGUEIFANDO"

No mes de marzo o alumnado de 5º e 6º EP do CEIP Xuvencos, participou no REGUEIFANDO, unha iniciativa colectiva sobre poesía oral popular improvisada na que varios centros educativos de Galicia se animaron a crear coplas encadeadas sobre a propia contorna e a lingua galega.

 

Este foi o vídeo que encadeamos coas coplas do CEIP de Ortigueira e que preparamos nun proceso de creación, reflexión e valoración sobre o patrimonio material e inmaterial e en xeral da cultura popular.

 

 

Música: A danza (Eva Castiñeira e Florencio o cego dos 

Vilares) 

Letra: alumnado CEIP Xuvencos

 

1. Nesta terra que habitamos

a nosa lingua non cala

o galego sen fronteiras

para amar a nosa fala

 

2. Somos do CEIP Xuvencos

Temos Cameixa e o Regueiro

Boborás, o Carballiño

tamén Pazos de Arenteiro

 

3. A imaxinación non falta

nós xogando a fartar

vendo os nosos grafitis

non quereredes marchar...

 

(Redacción do texto: profe Patricia,

titora de 6º ED. Primaria) 

 

 

 

HÁBITOS SAUDABLES E SAÚDE MENTAL CON IRIA VEIGA

 

Dentro do programa LECTURA E FAMILIAS ao que nos incorporamos este curso e partindo de propostas de diversas familias (especialmente as pertencentes ao Club de Lectura de Familias e profesorado) organizamos unha segunda charla informativa impartida pola experta na materia Iria Veiga (médica psiquiátra no CHUS e divulgadora científica).

 

Desta volta, e directamente relacionado co noso PDI de centro deste curso "XUVE SAUDABLE" a charla informativa tratará a importancia  dos hábitos saudables e a saúde mental.


O vindeiro luns día 29 de abril, ás 18:30.

Estades convidados e convidadas!!! 

 

 

 

 

 

 

 

PASANDO A BOLA: XOGANDO PARA CAMBIAR

 

Onte tivemos a Celtia Figueiras no seu centro, para desenvovler esta actividade baseada no seu libro "A banda dos insectos"  grazas ao Consorcio Editorial Galego e á  compañía de teatro  "A Xanela do Maxín" da que Celtia fai parte.  

 

 

Contou coa colaboración de 10 alumnos e alumnas voluntarias de 3º ciclo de ED. Primaria para desenvolver esta representación interactiva ( na que coa axuda do público)  mediante preguntas sobre as situacións plantexadas foron resolvendo as mesmas.

 

Foi unha actividade moi interesante, que nos fixo ver e reflexionar sobre os distintos tipos de "bullying" que podemos atopar no contexto escolar.

Buscando entre todos e todas atopar as solucións e parar a pensar no que sinten os demais. Promovendo un ambiente escolar máis seguro e respectuoso.

 

Aquí quedan unhas poucas fotos do momento:

 

 

MESA INFORMATIVA DÍA DA ATENCIÓN PRIMARIA

Hoxe venres 12 de abril, a Plataforma da Sanidade Pública de O Carballiño porá a disposición de tod@s @s veciñ@s una MESA INFORMATIVA na Praza Maior de 18.00h a 19.30 h.

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut