(O Seminario Galan de Arteixo elaborou a seguinte bibografía sobre o escritor.)
O poeta e escritor Valentín Paz Andrade naceu na parroquia de Lérez, en Pontevedra, o 23 de abril de 1898.
Fixo o bacharelato na cidade de Pontevedra e estudou Dereito en Compostela onde coincidiu con numerosos intelectuais galegos: Castelao, Vicente Risco, Antón Villar Ponte, Luís Peña Novo...
Chegou a dirixir, durante cinco anos, o xornal «Galicia». Foi membro do Partido Galeguista sendo nomeado o seu secretario en 1934. Anteriormente fora candidato a diputado ás Cortes Constituíntes.
Colaborou na redacción do primeiro Estatuto de Galicia presentado polo Seminario de Estudos Galegos no ano 1931.
Cando estalou a Guerra Civil defendeu a moitos galeguistas e mesmo axudou a fuxir a algunhas persoas.
Foi desterrado a Verín, Badaxoz... e ao longo da súa vida foi detido en varias ocasións por mor da súa militancia política e polos seus artigos periodísticos.
Traballou como avogado de moitas empresas pesqueiras e escribiu moitos libros sobre os problemas da pesca en Galicia e no mundo.
Impulsou a creación do grupo industrial galego Pescanova que foi a primeira compañía armadora europea de buques conxeladores e da que foi vicepresidente.
Escribiu tamén poesía. O seu primeiro libro está adicado ao seu amigo Alfonso Rodríguez Castelao, e leva por título «Pranto Matricial» (1954).
Máis tarde escribiu «Sementeira do vento» (1968) e «Cen chaves de sombra» (1979).
Faleceu en Vigo no ano 1987.
Foi membro da Real Academia Galega e da Real Academia Galega das Ciencias, galardoado co Pedrón de Ouro, a medalla Castelao e numerosos premios máis polo seu traballo a prol de Galicia. Este ano é o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas.