Proxecto MIS+

Proxecto MIS+: Espectáculo de maxia pola igualdade

En conmemoración  do Día Internacional da Muller Traballadora, o vindeiro 8 de marzo, todo o alumnado do centro asistiu na Casa da Cultura a un espectáculo de maxia pola igualdade.

O propósito era concienciar ao noso alumnado usando a maxia como método de coeducación. A través de trucos de maxia abordáronse temas como a desigualdade de salario, a escasa presenza de mulleres en determinados sectores, a historia da loita pola igualdade…. 

Pasamos un rato entretido aprendendo a construír unha sociedade mais igualitaria. 

 

 

 

Proxecto MIS+: Mulleres de Sada

Hoxe o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria recibiu a visita de Rebeca Mouriño, Concelleira de Participación Cidadá; e Isabel Reimúndez, Concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Sada. A visita ten a súa orixe no Pleno Municipal, celebrado no mes de decembro, no que os nenos e nenas destes cursos participaron e propuxeron de xeito moi razoado e argumenado accións encamiñadas á consecución da igualdade entre homes e mulleres. As súas consideración tivéronse en conta e grazas a elas o Concello de Sada desenvolverá a prol da igualdade as seguintes accións:

- Inicio do paseo feminista de Sada, onde progresivamente mulleres relevantes da nosa localidade poderán deixar a súa pegada.

- O espazo web "Mulleres de Sada", un espazo creado para visibilizar á muller Sadense e homenaxear a todas as que loitaron para conseguir unha sociedade máis igualitaria. É un orgullo para toda a nosa comunidade educativa que unha das primeiras mulleres incluídas neste espazo sexa Mª Luisa Ricoy Lamas, mestra da nosa escola durante moitos anos. 

Clica na foto para ver as imaxes da visita.

 

Xornada de xogos cooperativos pola Paz e a Igualdade

Os valores proveñen de condutas aprendidas, polo que son educables e xeran actitudes sobre as que debemos actuar. E se aprendésemos a Paz divertíndonos?  

Para logralo, todo o centro participamos no pavillón municipal nunha xornada de xogos cooperativos  encamiñada a estimular a cooperación, a igualdade e o respecto entre todo o alumnado no Día Escolar da non Violencia e a Paz. Foi un día cheo de compañerismo, alegría e entusiasmo.

Agradecer ao  Concello de Sada, á Policía Local e á Garda Civil a súa colaboración na organización desta actividade.

Clica na primeira foto para ver as imaxes da actividade e na segunda para ver o vídeo.

 

Proxecto MIS+: Visita de Pilar Neira

Hoxe visitounos Pilar Neira, unha institución dentro do fútbol feminino galego. Como adestradora ascendeu ao Orzán SD a Primeira Nacional e gañou tres campionatos de España. Tamén foi adestradora do Imperátor, e dos equipos de fútbol sala da Capela, o Breogán e o Riazor. En 2007 converteuse na primeira seleccionadora da selección galega de fútbol feminio. Pilar conversou co alumnado de 5º e 6º de EP sobre a súa dilatada carreira no mundo do fútbol e respondeu a todas as cuestións que lle fixeron.

 

Proxecto MIS+: Visita de Cristina Cao e Susú Cores

No día de hoxe recibimos unha dobre visita. Por unha banda, a remeira Cristina Cao (carta de presentación) compartiu a súa experiencia no mundo do deporte co alumnado de  EI. Por outro, a adestradora de fútbol  Susú Cores, primeira muller en adestrar un equipo masculino de rexional preferente en Galicia, conversó cos nenos e nenas de terceiro ciclo de EP.

Ambas achegaron as súas disciplinas, tradicionalmente masculinas, a todo o alumnado e reafirmaron a idea de que o deporte pode ser unha ferramenta poderosa para a consecución da igualdade.

                                     

Proxecto MIS+: Visita de Teresa Martínez

Hoxe recibimos a visita de Teresa Martínez, a coruñesa que rompeu barreiras e foi unha pioneira como única muller que chegou a ser árbitro de categoría nacional e internacional. Non foi fácil a súa carreira, algúns homes mesmo se negaron a pitar con ela. Tocoulle abrir paso e hoxe compartiu a súa experiencia co alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria que preguntáronlle moitas cuestións relacionadas coa súa traxectoria e a súa vida.

PREMIO POLA IGUALDADE CARMEN LÓPEZ CORTÓN: 1º PREMIO CONCEDIDO AO CEIP SADA Y SUS CONTORNOS

No día de onte publicouse a resolución provisional de centros premiados na Convocatoria ao Premio pola igualdade Carmen López  Cortón na que o primeiro premio, dentro da categoría A, foi concedido ao noso centro. 

A nosa escola está a levar  a cabo durante o presente curso escolar  o proxecto "MIS+. Máis que un Museo da Igualdade en Sada y su Contornos" co que pretendemos contribuír á consecución da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres,  desenvolvendo no alumnado pensamentos plurais, críticos e diversos, que incidan de maneira directa na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. 

O proxecto cada mes está dedicado a unha temática distinta e recibirá a visita de mulleres referentes en distintos ámbitos da sociedade, as ciencias, o deporte e as artes.

O noso colexio recibirá o distintivo de Escola igualitaria, recoñecemento que pretende resaltar as boas prácticas educativas realizadas.

 

Proxecto MIS+: Pleno no Concello de Sada

No día de hoxe o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria participou nun pleno municipal no noso Concello. Acompañados polo alcalde, Benito Portela, e a concelleira de Participación Cidadá, Rebeca Mouriño, coñeceron o seu funcionamento e propuxeron de xeito moi razoado e argumentado accións encamiñadas á consecución da igualdade entre homes e mulleres, as necesidades de mellora a nivel de accesibilidade, adaptación, trato... das persoas con discapacidade. Unha experiencia moi positiva que achega ao alumando un pouco máis á realidade do noso Concello. Podes ver as imaxes e o vídeo da actividade.

 

Proxecto MIS +: Elsa Porto e Vanesa Rial: Rugby, deporte e igualdade.

O alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria recibiu hoxe a visita de dous referentes do mundo do  rubgy, non só galego senón tamén nacional,  Vanesa Rial e Elsa Porto.

Vanesa Rial, ex-xogadora do CRAT de A Coruña e unha das xogadoras máis importantes que tivo a Selección Española Feminina de Rugby tanto  XV  como VII e Elsa Porto, campioa da División de Honra de Rugby o ano pasado co CRAT da Coruña, compartiron a súa visión do deporte, as súas experiencias, anécdotas e realizaron actividades para achegar o rugby, tradicionalmente considerado masculino, aos nenos e nenas destes cursos.

Todos e todas gozamos con estes dous referentes do deporte que nos transmitiron o seu entusiasmo e paixón con todo o relacionado co deporte que practican. Sen dúbida unha xornada inesquecible. 

 

 

25 de novembro: Tingamos o negro de Violeta.

Na conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, baixo o lema "tingamos o negro de violeta", realizamos diferentes actividades para ratificar o noso compromiso coa súa eliminación da nosa sociedade.  Cantamos e  signamos a canción " Matriarcas" de Guadi  Galego e elaboramos unha apócema contra a violencia a partir das achegas de todos os cursos. Hoxe máis que nunca: Contra as violencias, educación.

 

Distribuir contido