Skip to Content

Curso 2017/2018

CEIP Valle-Inclán

 

CURSO  2017/2018

 


 

 

GRAN EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO!

 

 

A galería completa aquí

 


 

16/5/2018

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Este ano recibimos a amable invitación do noso concello para celebrar con eles o Día das Letras Galegas, dedicado nesta edición a lembrar e ensalzar a obra da escritora María Victoria Moreno Márquez. Fomos recibidos cun fantástico espectáculo de música e maxia que fixo as delicias de todos e no que aprendemos moitas cousas da vida e obra da nosa autora homenaxeada. Unha mañá magnífica co noso agradecemento ao Concello polo seu bonito detalle.

Se queres ver como celebramos o Día das Letras Galegas, fai click aquí

 


  

19/3 - 9/4/2018

XOGOS POPULARES

O 19 de marzo e o 9 de abril recibimos as tan agardadas visitas de Lito, do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, no noso colexio. Este curso tivemos dobre sesión (e dobre diversión), nas que puidemos experimentar cos xogos tradicionais galegos e aprender que non fai falta tecnoloxía nin xoguetes complexos para pasar moi bos momentos.

Se queres ver como mesturamos cultura e diversión, fai click aquí

 


 

6/4/2018

VISITA A "O REXO"

O venres 6 de abril visitamos as instalacións de "O Rexo", sitas nunha preciosa paraxe moi preto de Allariz. "O Rexo" e un Ecoespazo multidisciplinar no que ocio, formación e cultura van da man. Neste lugar podemos coñecer a elaboración do queixo de ovella contemplando todo o proceso, desde o animal ao produto final, e podemos aprender sobre a natureza e as labores gandeiras, no Centro de Educación e na granxa-escola. E sobre todo podemos contemplar un lugar único e sostible, que incluso conta coa súa propia central hidroeléctrica, perfectamente integrado na magnífica obra escultórica e pictórica "Pedras e Árbores" do artista Agustín Ibarrola.

Se queres ver como aprendemos a facer queixo artesán, fai click aquí

 


 

4/4/2018

TI CONTAS - SENSIBILIZACIÓN SOBRE INCENDIOS FORESTAIS

O mércores 4 de abril recibimos a visita do Grupo de Desenvolvemento Rural da Limia para presentar "Ti Contas", un programa de sensibilización ambiental para escolares sobre incendios forestais. Comezamos cunha vistosa representación sobre o lume nos bosques, para despois facer unha dinámica de roles na que os nenos estiveron moi implicados. Para rematar, exerceron de xornalistas por un día elaborando e ilustrando unha nova medioambiental para ir aprendendo a ser críticos e ter opinións propias sobre este importante tema.

Se queres ver como aprendemos novas cousas sobre os incendios, fai click aquí

 


 

19-23/3/2018

SEMANA ESCOLAR DA ÁRBORE A DA AUGA

Neste mes de marzo celebramos a 4ª Semana Escolar da Árbore e da Auga, convidados como cada ano pola Deputación de Ourense. Nesta edición pasámolo xenial lendo e traballando coas aventuras de Pisco, un valente paxariño que loita por preservar o seu bosque. E o mércores 21 gozamos coa visita do persoal de Medio Rural do Distrito Forestal XV - A Limia, que nos amosaron moitas facetas da súa importante tarefa nos nosos montes nunha entretida presentación. Aproveitando o bo tempo saímos ao patio e plantamos entre todos a nosa árbore, bautizada "O Pequeno Pisco" por unanimidade, coa esperanza de coñecer ao "Gran Pisco" no futuro. Para rematar, a boa disposición dos nosos alumnos foi premiada co nomeamento de "Vixilantes dos montes", coa súa correspondente identificación.

Se queres ver como traballamos polo noso contorno, fai click aquí

 


 

14/3/2018

VISITA DO SEPRONA

O mércores 14 de marzo recibimos no noso colexio a visita do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), a división da Garda Civil encargada de coidar o noso contorno natural. Comezamos coñecendo a historia e funcións deste importante servizo do centenario corpo, que abrangue moitas facetas como o coidado dos nosos mares, ríos e montes, e a flora e fauna que neles habitan. Esta amena e interesante exposición fixo especial fincapé no eido dos incendios forestais, grave problema na nosa comarca do Xurés, e ao longo da mañá aprendemos moitas cousas sobre os tipos de incendios, as súas causas, e as medidas de prevención e extinción destas traxedias para a natureza. O noso agradecemento á Garda Civil por esta instrutiva visita.

Se queres ver como coñecemos a labor do SEPRONA, fai click aquí

 


 

8/3/2018

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O mércores 8 de marzo fomos invitados a conmemorar o Día Internacional da muller no noso Concello, nunha celebración moi bonita, didáctica e especial. O noso alcalde foi o mestre de cerimonias desta iniciativa, na que coñecemos importantes mulleres loitadoras polos dereitos femininos e remarcamos a relevancia da labor de outras, menos famosas mais non menos importantes, que loitan cada día nos seus traballos e fogares para facer un mundo mellor: as mulleres da nosa vida. Rematamos esta emotiva xornada elaborando entre todos e todas un fermoso mural conmemorativo deste importante día. Grazas a todo o persoal do Concello pola súa xentil invitación.

Se queres ver como celebramos o Día Internacional da Muller no noso concello, fai click aquí

 


 

20/2/2018

EXPERTOS ABELLEIROS

O martes 20 de febreiro recibimos no CEIP Valle-Inclán a visita de David, experto abelleiro local, que nos impartiu unha interesantísima charla sobre o fascinante arte da apicultura. Nesta amena mañá aprendemos multitude de cousas: as propiedades e tipos da mel, a xelea real e o própole, a súa obtención dos panais, cando a podemos comezar a tomar e por que, como a producen as abellas desde o néctar, como se organizan as colmeas, a importancia da cera... Tamén coñecemos o oficio do abelleiro, os seus aparellos de traballo, e ata probamos o seu traxe! Non puido faltar a degustación de diferentes clases de mel da nosa terra e dalgunhas das saborosas receitas que podemos elaborar con ela. Para rematar, aprendemos a preparar trampas para a Vespa Asiática, especie invasora que ameaza ás nosas abellas, e colocamos varias no noso patio para achegar o noso gran de area no control desta praga. Unha experiencia do máis completa e instrutiva.

Se queres ver como nos convertemos en expertos sobre mel e apicultura, fai click aquí

 


 

9/2/2018

DESFILE DE ENTROIDO

Pasen e vexan! Este venres 9 de febreiro o Circo do CEIP Valle-Inclán percorreu con alegría Mugueimes como cada ano no gran desfile de Entroido, desafiando o mal tempo e o mal humor. A primeira parada foi, seguindo a nosa mellor tradición, na residencia dos nosos queridos maiores da Virxe da Clamadoira. Alí fomos recibidos por un divertido grupo de mexicanos que, con poncho e sombreiro, nos retaron cunha tremenda piñata chea de doces trofeos para despois convidarnos a unha rica merenda. A seguinte parada foi o noso Concello, onde ofrecemos un sonoro concerto de trompeta que foi premiado cunha boa provisión de caramelos. A continuación, xa no parque, gozamos da exhibición dos nosos pallasos artilleiros antes de dar unha última volta polas rúas do pobo e volver á carpa principal do noso Circo. Alí agardábanos un saboroso xantar cortesía dos coloridos pais e nais dos nosos artistas.

Se queres ver ao noso Circo desfilando por Mugueimes, fai click aquí

 


 

 1-8/2/2018

 COMPADRES - COMADRES - SEMANA DO MECO

No CEIP Valle-Inclán de Muíños sempre agardamos impacientes a chegada do Entroido, e como cada ano comezamos a quentar motores no xoves de compadres, onde cada ano é máis difícil elixir que boneco se salvará da gran batalla. Xa na semana grande, o Meco aparecerá e ditará as súas solemnes ordes a cumprir por nenos e profes se non querer sufrir a súa maldición... E finalmente, na véspera do gran día, as nenas tomarán o seu xusto desquite no xoves de comadres.

Se queres ver as nosas celebracións, fai click aquí

 


 

7/2/2018

"COIDANDO A MIÑA BOCA"

O mércores 7 de febreiro recibimos no noso cole unha interesante e instrutiva charla sobre saúde bucodental, dentro do programa "Coidando a miña boca" da Xunta de Galicia. Nela, a través dunha amena presentación e de entretidas actividades, aprendemos moitas cousas sobre hábitos de alimentación e de hixiene que nos permitirán manter a nosa boca sa e tamén bonita.

Se queres ver como aprendemos a coidar a nosa boca, fai click aquí

 


 

30/1/2018

DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, e no CEIP Valle-Inclán sempre conmemoramos tan sinalada data. Este ano os nosos alumnos elaboraron un bonito mural no que cada un expresou un sentimento no noso "semáforo da paz", no que identificamos os xestos máis e menos axeitados para acadar un mundo sen conflitos.

Se queres ver a nosa celebración do Día da Paz, fai click aquí

 


 

21/12/2017

NADAL

O xoves 21 de decembro celebramos a chegada das vacacións de Nadal nunha amena mañá chea de  sorpresas. Comezamos cunha boa sesión de divertidos xogos antes de degustar unha saborosa e doce merenda con turrón, mazapáns, polvoróns e moitas cousas máis. Cando xa tiñamos o bandullo ben cheo recibimos unha agradable sorpresa coa visita do paxe das Súas Maxestades os Reis Magos, que repartiu agasallos para todos. Para rematar a mañá, nos relaxamos cunha boa pelicula; unha gran despedida antes dun merecido descanso.

Se queres ver como celebramos a chegada do Nadal, fai click aquí

 


  

28/11/2017

DEPORTE ESCOLAR NO CORGO

 

O martes 28 de novembro os atletas de CEIP Valle-Inclán competiron, xunto a moitos outros colexios da provincia, na carreira de Deporte Escolar celebrada como cada ano no noso concello, nas pistas do miradoiro do Corgo. A pesares do fresco da mañá, o bo tempo finalmente acompañou unha vez máis e os nosos corredores deron o máximo en esforzo e deportividade.

Se queres ver aos nosos atletas en acción, fai click aquí

 


 

 24/11/2017

DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER

O venres 24 de novembro conmemoramos no CEIP Valle-Inclán, como cada ano, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Os nosos alumnos idearon un bonito lema e elaboraron un vistoso mural para ter ben presente que todos temos que pór da nosa parte para erradicar este problema.

Se queres ver como traballamos pola igualdade e a non violencia, fai click aquí

 


 

 17/11/2017

TRABALLANDO POR UNHA MOCIDADE SAUDABLE

O venres 17 de novembro estivo connosco Puri, do Departamento Territorial de Sanidade de Ourense para dar unha interesante e entretida charla sobre nutrición e hábitos saudables. Nela aprendemos, maiores e pequenos, moitas cousas sobre os alimentos e os seus nutrientes, que nos achega cada un e cales debemos evitar ou consumir a miúdo, ou cales son os beneficios da actividade física e os riscos do sedentarismo, todo dunha maneira amena e práctica. Para rematar, puxemos os nosos novos coñecementos en común e elaboramos os nosos propios menús saudables. Ata pronto Puri!

Se queres ver a galería desta estupenda experiencia, fai click aquí

 


  

10/11/2017

MAGOSTO

O 10 de novembro tivemos o tradicional magosto no CEIP Valle-Inclán, aínda máis saboroso se cabe. Este ano para abrir boca participamos nun obradoiro de cata de diferentes presentacións e elaboracións da nosa apreciada castaña, no que probamos algunhas das preparacións menos cotiás como o pan de castaña, o puré ou o "marrón glacé". Seguimos cuns divertidos xogos no pavillón, nos que tivemos que ser moi habilidosos e pensar rápido, e rematamos o magosto cun apetitoso churrasco e unha doce sobremesa de chocolate con churros e moitas caras tisnadas.

Se queres ver o noso magosto, fai click aquí

 


 

31/10/2017

SAMAÍN

O martes 31 de outubro celebramos no CEIP Valle-Inclán un Samaín de auténtico medo! Polos corredores do cole desfilaron vampiros e vampiresas, cabaciñas, demos, pallasos malvados, fadas espectrais, esqueletos, monstros... E unhas mestras terroríficas. Foi unha mañá moi amena con xogos, sorpresas, concursos, e unha aterradora pero saudable e saborosa merenda.

Se queres ver como o pasamos de medo, fai click aquí

 


 

30/10/2017

TEATRO "RUBICUNDO"

O luns 30 de outubro visitamos por primeira vez neste curso o Auditorio de Ourense para ver a obra "Rubicundo", unha divertidísma adaptación ao teatro do conto do mesmo nome da autora ceense María Canosa. A compañía naronesa "Teatro dos Ghazafelhos" deleitounos coas peripecias de Erea e Darío, que se embarcan nunha máxica aventura para descubrir o segredo do misterioso señor Rubicundo.

Se queres ver como gozamos do bo teatro, fai click aquí

 


 

16/10/2017

DÍA DA ALIMENTACIÓN

O 16 de outubro celébrase, desde 1979, o Día Mundial da Alimentación convocado pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO).  No CEIP Valle-Inclán aproveitamos esta efeméride para incidir nos beneficios duns hábitos de nutrición saudables que nos leven cara a un axeitado desenvolvemento físico e intelectual.

Se queres ver como aprendemos bos hábitos de alimentación, fai click aquí

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut