Skip to Content

Curso 2015/2016

CEIP Valle-Inclán

 

 CURSO 2015/2016

 


 

 1/6/2016

DEPORTE ESCOLAR: ORIENTACIÓN NA ESCOLA

O mércores 1 de xuño, realizamos a actividade lúdica Deportiva "Orientación na escola" ofertada dentro do programa Xogade. Viñeron ao centro tres membros da Asociación Deportiva Limiactiva, entre os que se atopaba o campión de España de Orientación, co obxecto de amosarlle os alumnos de primaria as nocións básicas desta disciplina deportiva. Foi unha xornada lúdica, divertida e deportiva na que aprenderon, en forma de xogo, como interpretar un plano, manexar un compás, trazar un rumbo e empregar os materiais específicos de Orientación (balizas, pinzas, fichas técnicas...). Dende aquí queremos expresar o noso agradecemento aos membros de Limiactiva por facernos pasar uns intres tan amenos.

Se queres ver o ben que o pasamos fai click aquí

 


 

27/5/2016

DÍA EUROPEO DOS PARQUES NATURAIS

O venres 27 de maio, con motivo do Día Europeo do Parques Naturais, visitamos novamente a aldea de Salgueiro, en pleno corazón do Parque do Xurés. Nesta visita coñecemos de primeira man o modo de vida dos antigos poboadores da aldea, onde o río e o seu aproveitamento sostible adquire un papel crucial. Deste xeito aprendemos a varear o centeo, coñecemos o muíño fluvial onde moían o gran para facer a fariña, e amasamos o noso propio bolo preñado no forno comunal. Tamén tivemos tempo para a investigación: exploramos a fauna local a ollo de microscopio, coñecemos os instrumentos para controlar a calidade dos ríos do parque e ata visitamos o proxecto de depuración das augas residuais da aldea. Un día do máis completo en Salgueiro.

Se queres ver as nosas fotos en Salgueiro, fai click aquí

 


 

6/5/2016

VISITA AO CASTRO DE SAN CIBRAO DE LAS - PISCIFACTORÍA DO CARBALLIÑO

O venres 6 de maio fixemos unha das mellores saídas de todo o curso, a pesares da incesante choiva que caeu durante toda a xornada. Foi unha excusión dobre, con visita ao impresionante castro de San Cibrao de Las pola mañá e un ameno percorrido por unha piscifactoría de troitas no Carballiño pola tarde. No castro fixemos unha ruta moi interesante por todas as facetas da vida castrexa no cento de interpretación, para despois participar nun obradoiro onde coñecemos máis de primeira man a vida diaria nos castros: aprendemos a facer lume, as técnicas de caza naquela época e rematamos construíndo a nosa propia casa castrexa en miniatura. Desafiando á choiva, tamén saímos brevemente a ver o castro onde puidemos apreciar a gran racionalidade e funcionalidade das construcións castrexas. Tras un saboroso xantar e o primeiro xeado da tempada, emprendemos viaxe ao Carballiño. Na piscifactoría, despois de aprender as normas de tratamento dos peixes, aprendemos moitas cousas sobre o ciclo de vida das troitas, a súa reprodución e alimentación. Tras isto, saímos a ver as cubas de cría e comprobamos divertidos o escorregadizas que poden ser as troitas, sobre todo se tratamos de pescalas coas mans! Unha vez pescadas recompensamos o valor das máis pequenas bautizandoas e liberandoas no río. Para rematar, tamén coñecemos o garda nocturno da piscifactoría, o morcego durmiñón. Un día mollado e redondo.

Se queres ver como descubrimos a cultura castrexa, fai click aquí

E se queres ver o ben que o pasamos na piscifactoría, fai click aquí

 


 

27/4/2016

CHARLA  RESERVA DA BIOSFERA

O 27 de abril recibimos a visita dun equipo do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) para desenvolver unha actividade de educación e participación ambiental co alumnado de educación primaria, dentro dun proxecto denominado "Programa de Seguimento Fenolóxico". O obxectivo deste programa é mellorar o coñecemento sobre as especies poboadoras das Reservas de Biosfera de Galicia (as cales representan o 25% do territorio galego) con especial atención á Reserva de Biosfera Transfronteiriza Gerês/Xurés, á que pertence o noso concello.

Se queres ver as fotos desta actividade fai click aquí

 


 

22/4/2016

DÍA DO LIBRO

O venres 22 de abril celebramos no CEIP Valle-Inclán de Muíños o Día do Libro cunha serie de actividades encamiñadas a promover a lectura nos nosos novos e tamén futuros lectores. Os protagonistas foron os alumnos máis maiores, que visitaron a clase da profe Yoli para ler e dramatizar divertidos contos e poesías para o deleite dos máis cativos, e que logo proclamaron un sentido manifesto a prol da lectura perante todo o colexio na biblioteca. Para rematar, visionamos unha amena adaptación animada do universal Quixote, libro homenaxeado este ano.

Se queres ver como fomentamos a lectura, fai click aquí

 


 

15/4/2016

CHARLA SEGURIDADE NA REDE

O venres 15 de abril recibimos a visita da Garda Civil co obxecto de amosar aos nosos alumnos de 4º, 5º e 6º a conveniencia dun uso axeitado e responsable das novas tecnoloxías que nos rodean. Nesta amena e instrutiva charla aprendemos a movernos con seguridade na rede, os erros que podemos cometer nela, e as precaucións que debemos tomar no uso das redes sociais, a telefonía móbil, e internet en xeral. Dende aquí queremos expresar o noso agradecemento á Garda Civil polo seu interese en asesorar aos nosos alumnos neste eido tan importante.

Se queres ver como aprendemos a movernos seguros pola rede, fai click aquí

 


 

13/04/2016

EDUCACIÓN VIAL EN LOBIOS

O mécores 13 de abril visitamos o veciño concello de Lobios para participar nunha xornada a prol da educación vial co alumnado de educación infantil e primaria. Primeiro demos un bo repaso ás normas de circulación e coñecemento o equipamento do GES de Lobios. E despois da teoría veu a parte máis divertida, a posta en práctica: os nenos de Muíños e Lobios amosaron moi boas maneiras aos guiadores dos seus vehículos! Unha mañá do máis entretetida e instrutiva.

Se queres ver a nosa experiencia sobre rodas, fai click aquí

 


 

4/4/2016

TEATRO "ESTAMOS NO VERÁN"

O luns 4 de abril visitamos o auditorio de Ourense para ver o divertido espectáculo "Estamos no verán" do músico Xoan Curiel, que acompañado da banda Son e da bailarina Marta Alonso fixo vibrar ao numeroso público vido de colexios de toda a provincia. Esta vez o CEIP Valle-Inclán foi máis protagonista que nunca, xa que non foi un, senón dous os valentes voluntarios para subir ao escenario, Denis e Aroa, que nos deleitaron cuns xeniais pasos de baile xunto a nenos de moitos outros colexios.

Se queres ver como bailamos e nos divertimos, fai click aquí

 


 

17/3/2016

DÍA DA ÁRBORE E DA AUGA

O xoves 17 de marzo recibimos a visita dos axentes medioambientais do Distrito Forestal XV de A Limia con motivo da celebración do Día da Árbore e da Auga. Nesta amena mañá escoitamos o entretido e didáctico conto do "Home do Lume", para despois asistir a unha interesantísma lección sobre os enxertos e as súas múltiples aplicacións na agricultura. Para rematar, e aproveitando o bo tempo, saímos ao campo e plantamos uns cantos carballos, especie autóctona dos nosos montes e das ribeiras dos nosos ríos. Un día xenial.

Se queres ver como aprendemos e colaboramos a manter a nosa flora, fai click aquí

 


 

24/2/2016

ALMORZAMOS SAN

O mércores 24 de febreiro realizamos no CEIP Valle-Inclán a actividade "Nunca sen almorzo... E sempre recreos saudables!", organizada pola Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Ourense. Esta actividade ten como obxectivo informar e sensibilizar aos escolares da importancia dun almorzo correcto, dos alimentos máis apropiados para o seu consumo nos recreos e da actividade física regular. 

Se queres ver que ben almorzamos, fai click aquí

 


 

12/2/2016

TEATRO "COUSAS DE CATRO"

O venres 12 de febreiro acudimos ao auditorio de Ourense para ver a entretida obra musical "Cousas de Catro", do afamado grupo Odaiko Percussion Group. Tras merendar rapidamente e escapar dunha choiva implacable, entramos no auditorio e asistimos a un espectáculo cheo de ritmo, cor e sorpresas. E cando xa pensábamos que o show tocaba ao seu fin, chegou a maior sorpresa de todas: os músicos pediron voluntarios entre o público e o noso Juan subiu ao escenario para demostrarnos as súas boas habilidades como percusionista; parabén Juan!

Se queres ver como sentimos o ritmo, fai click aquí

 


 

5/2/2016

ENTROIDO

Por fin chegou o tan agardado día do entroido! O luminoso venres 5 de febreiro os feroces Piratas do Corgo invadiron Mugueimes na busca de doces de todas as cores e sabores. O primeiro asalto foi na residencia dos nosos maiores, onde tivemos un caloroso recibimento por parte dos piratas da Clamadoira, ben ataviados para a ocasión. Alí tivemos que buscar un tesouro, derribamos as piñatas, cantamos e tomamos unha saborosa merenda. Despois, co bandullo ben cheo, asaltamos o Concello, onde obtivemos un bo botín de caramelos. Tras unha reparadora parada no parque, emprendemos rumbo á nosa base pirata, non sen antes ser sorprendidos pola intrépida capitá de ABANCA, que engrosou o noso xa abondoso botín. Finalmente chegamos a bo porto, onde gozamos dun delicioso xantar cortesía das nais e pais piratas, que nos acompañaron en tan emocionante singradura.

Se queres ver aos Piratas do Corgo en acción, fai click aquí

 


 

4/2/2016

COMADRES

No CEIP Valle-Inclán non paramos celebrando os prolegómenos do tan agardado entroido. Hoxe gozamos dun divertidísimo día de comadres no que o tempo ademáis acompañou ben ben.

Se queres ver que ben o pasamos en comadres, fai click aquí

 


 

1-5/2/2016

SEMANA DO MECO

Durante esta semana debemos seguir as ordes do temible Gran Capitán Pirata do Corgo, e de non obedecerlle... sufriremos a súa terrible maldición!

 


 

29/1/2016

DÍA DA PAZ

O 29 de xaneiro celebramos un Día da Paz moi especial no noso cole. Comezamos coñecendo a emotiva historia da Bibliotecaria de Basora, unha valente muller que en tempos de guerra loitou por preservar os libros ao seu cargo, xesta que conseguiu na maior parte e que supón unha pequena pero importante vitoria ante a barbarie dos conflitos. Despois fixemos un vibrante coro da paz, e rematamos elaborando un fermoso mural conmemorativo para navegar cara á paz, no que cadaquén puxo o seu gran de area. Un día redondo.

Se queres ver como conmemoramos este día, fai click aquí

 


 

28/1/2016

COMPADRES

No 28 de xaneiro comezamos a quentar os motores do entroido cuns compadres moi movidos e cheos de diversión.

Se queres ver a nosa celebración, fai click aquí

 


 

20/1/2016

SAÚDE BUCODENTAL

O mércores 20 de xaneiro no CEIP Valle-Inclán falouse de dentes. Ou máis ben, da súa hixiene e de todo o sistema bucodental. Cun enfoque centrado na prevención, recibimos unha interesante e amena charla na que aprendemos a manter unha boca sa non só para lucir un bonito sorriso, senón tamén para coidar a nosa saúde xeral.

Se queres ver como aprendemos a coidarnos, fai click aquí

 


 

11/1/2016

CHARLA IGUALDADE E NON VIOLENCIA

O día 11 de xaneiro recibimos no cole unha instrutiva charla sobre a igualdade de xénero e a non violencia. Nela aprendemos a identificar, comprender e rexeitar algúns dos estereotipos discriminatorios cara á muller que desgraciadamente aínda persisten en moitos ámbitos. A través duns entretenidos talleres puidemos comprobar como, por exemplo, algúns folletos de xoguetes reforzan unha inapropiada separación de roles na nosa sociedade xa dende idades temperás.

Se queres ver como loitamos pola igualdade, fai click aquí

 


 

18/12/2015

FESTIVAL DE NADAL

O venres 18 de decembro celebramos un festival de Nadal moi especial no CEIP Valle-Inclán. Cunha gran asistencia de familias, amigos e ata antigos alumnos, pasamos unha intensa mañá con cancións, teatro, belén vivinte, badaladas e ata unha espectacular actuación sorpresa de tres marchosas nais. Para rematar, visitounos un barbilouro paxe dos Reis Magos que repartiu bonitos agasallos a todos os nosos alumnos. Un festival para lembrar.

Se queres ver o noso festival de Nadal, fai click aquí

 


 

4-11/12/2015

XOGOS POPULARES

 

Este curso gozamos dunha dobre sesión de xogos populares coa visita de Lito, do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. Nestas dúas xornadas aprendemos algúns dos xogos tradicionais máis representativos da nosa comunidade, como a porca ou a ra. Os nenos pasárono xenial e amosaron moi boas mañas, e ademáis o tempo acompañou: dous venres redondos.

Se queres ver como xogamos, fai click aquí

 


 

1/12/2015

XOGADE - CAMPO A TRAVÉS

O 1 de decembro os atletas do CEIP Valle-Inclán competiron na carreira Campo a Través San Rosendo, celebrada moi preto do noso cole, nas pistas do miradoiro do Encoro Das Conchas. Foi unha mañá con moito movemento e concorrencia, xa que contamos coa presencia de moitos colexios da provincia de Ourense. Os nosos corredores deixaron moi alto o pavillón de Muíños co seu esforzo e deportividade.

Se queres ver aos nosos atletas, fai click aquí

 


 

13/11/2015

MAGOSTO 2015

O 13 de novembro celebramos o tan esperado magosto no Valle-Inclán. Tivemos moi bo tempo e pasamos unha divertida mañá con novos e divertidos xogos. E para rematar, unha gran churrascada seguida de castañas, doces e chocolate quente, cortesía do noso concello. Este ano ninguén se librou de chegar a casa ben tisnado...

Se queres ver o ben que o pasamos, fai click aquí

 


 

29/10/2015

SAMAÍN 2015

O 29 de outubro celebramos un terrorífico e divertidísimo Samaín no Valle-Inclán. Polos corredores do cole puidemos ver este ano bruxiñas, demos, vampiros, esqueletos, zombis, e ata unha nena do exorcista! Todo aderezado con vasos de sangue, chuches de medo, e o reñidísimo concurso de cabazas.

Se queres ver un Samaín aterrador, fai click aquí

 


 

14/10/2015

CHARLA DAS BOLBORETAS

O 14 de outubro veu ao noso colexio persoal da Consellería do Medio Rural para dar unha amena charla sobre o efecto dos incendios forestais nas diferentes especies de animais e plantas dos nosos montes. Ao igual que o curso pasado (sapoconcho), o contido xirou arredor dunha especie concreta: as bolboretas.

Se queres ver as fotos da charla, fai click aquí

 


 

13/10/2015

EXCURSIÓN A SALGUEIRO

O día 13 de outubro visitamos a aldea de Salgueiro, a primeira aldea medioambiental de Galicia, situada nunha fermosa paraxe natural nas montañas do sur do noso concello, no val do río Salas en pleno Parque Natural do Xurés. Esta aldea abandonouse a mediados do século XX e recentemente foi adquirida pola Xunta de Galicia para a súa rehabilitación e conservación. Grazas á amable colaboración do servizo forestal da Xunta, puidemos coñecer a forma de vida ligada á natureza dos nosos antepasados neste lugar tan especial.

Se queres ver a nosa visita a Salgueiro, fai click aquí

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut