Skip to Content

Curso 2014/2015

CEIP Valle-Inclán

 

CURSO 2014/2015

 


 

19/6/2015

FESTA DA ESPUMA - FIN DE CURSO

A festa de fin de curso do noso cole ten nome propio: a Festa da Espuma. Tras a gran excursión do xoves, o venres 19 de xullo entregamos notas e agasallos, despedimos con cariño aos alumnos de 6º que van para o instituto, e rematamos o curso cunha celebración moi especial. Grazas á colaboración do Concello, que nos preparou un amplo recinto no pavillón, os nenos (e algúns maiores) tiveron un divertido e refrescante adianto do verán. 

Se queres ver como rematamos o curso, fai click aquí

 

PASADE UN FELIZ VERÁN !!!

 


 

18/6/2015

EXCURSIÓN FIN DE CURSO

Por fin chegou a esperada excursión de fin de curso, na que fixemos un bonito percorrido pola ría de Vigo nun día espectacular máis propio do mellor verán. A primeira parada foi no Museo do Mar de Vigo, situado nun lugar privilexiado da ría perfectamente integrado no contorno portuario; alí os nosos alumnos aprenderon e gozaron a partes iguais coas divertidas actividades do museo e ata coñeceron de primeira man a experiencia dos antigos baleeiros galegos. Despois de comer no centro comercial A Laxe, pola tarde viaxamos a Cangas no transbordador da ría moi atentos a ver se albiscabamos os golfiños que ás veces acompañan alí aos barcos. Unha vez en terra visitamos os lugares con máis encanto da vila de Cangas, fixemos xogos nos Xardíns do Señal á beira da ría, e rematamos comendo (e repetindo) uns deliciosos xeados artesáns na Praza das Pontes. Tras isto, xa cansos e satisfeitos, cruzamos de novo a ría para subir ao bus e regresar a Muíños entre cánticos, primeiro, e sonos despois. Desde aquí queremos expresar o noso agradecemento ao Concello de Muíños pola súa colaboración na organización desta viaxe.

Se queres ver que ben o pasamos, fai click aquí

 


 

5/6/2015

DÍA DO MEDIO AMBIENTE

O venres 5 de xuño recibimos a visita de persoal do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés con motivo do Día do Medio Ambiente. Foi unha visita moi instrutiva xa que coñecemos moitas cousas sobre a rica e variada fauna deste parque tan importante para o noso concello. A xornada tivo especial énfase na aguia real, especie protexida que pouco a pouco vai aumentando a súa presencia no Xurés. Tamén aprendemos moito sobre outras especies da zona, algunhas pouco coñecidas, e rematamos facendo uns divertidos moldes das pisadas destes animais.

Se queres ver como coñecemos a fauna do noso contorno, fai click aquí

 


 

19-21/5/2015

PLANETAMÓBIL

Do martes 19 ao xoves 21 de maio puidemos gozar dunha experiencia moi especial no noso colexio: o Planetamóbil - Astronomía. No interior dunha impresionante cúpula inchable, os nosos alumnos puideron coñecer algunhas das marabillas do noso universo cunha espectacular proxección audiovisual. Todo por xentileza da fundación EduCaixa.

Se queres ver como descubrimos o universo, fai click aquí

 


 

19/5/2015

CONTOS LITERARIOS

O martes 19 de maio puidemos desfrutar na biblioteca do Concello dunha amena sesión de contos literarios a cargo de Avelino González (o soado Miñato de Padre Casares), que nos amosou o seu repertorio de narracións para pequenos e non tan pequenos. Esta actividade forma parte do programa Ler Conta Moito, organizado pola Rede Galega de Bibliotecas.

Se queres ver canto desfrutamos, fai click aquí

 


 

20-24/4/2015

SEMANA DO LIBRO

Do 20 ao 24 de abril celebramos a Semana do Libro cuns eventos moi especiais. Primeiro fomos a Bande onde no colexio Xoaquín Lourenzo Xocas nos agardaba unha representación de contos chea de maxia e diversión. E para rematar, xa no noso colexio, tivemos un xenial espectáculo de contos musicais da man dun verdadeiro artista.

Se queres ver o ben que o pasamos na semana dos libros, fai click aquí

 


 

24/3/2015

DÍA DA ÁRBORE E DOS RÍOS

O 24 de marzo celebramos o Día das Árbores e dos ríos dun xeito moi especial con moitas actividades entretidas para os máis pequenos. Pola súa banda, os alumnos de Primaria visitaron aos seus compañeiros de Infantil para amosarlles o ciclo da auga e resolverlles moitas dúbidas e preguntas sobre os ríos. Pero o mellor veu ao final, cando saímos todos xuntos a plantar a Mugui, un fermoso acivro (especie protexida ademáis), que cedo dará sombra na entrada do colexio.

Se queres ver como aprendemos sobre a natureza, fai click aquí

 


 

13/3/2015

CHARLA DISCAPACIDADE AUDITIVA

O venres 13 de marzo tivemos a visita da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Nesta amena charla descubrimos moitas cousas sobre este colectivo, como a súa linguaxe de signos e como son capaces de superar a súa discapacidade para levar unha vida plena. Os nenos o pasaron moi ben e aprenderon que todos somos iguais na diversidade.

Se queres ver canto aprendemos, fai click aquí

 


 

12/3/2015

VISITA AOS MERGULLADORES

O día 12 de marzo visitamos a praia fluvial de O Corgo, na beira do Encoro das Conchas, para coñecer o traballo dos mergulladores que estes días realizan prácticas nas augas do noso concello. Os nenos descubriron as tarefas dun mergullador e coñeceron de primeira man como son os seus equipos de inmersión. 

Se queres ver a nosa visita aos mergulladores fai click aquí

 


 

11/3/2015

APRENDEMOS A CRECER SANS

O día 11 de marzo recibimos a visita dunha representante da Consellería de Sanidade, que nos informou sobre unha campaña de prevención da obesidade que está a levarse a cabo pola Xunta. O seu obxetivo foi introducirnos nos conceptos básicos dunha vida saudable, a cal comeza por unha alimentación sana e equilibrada, tarefa as veces dificil hoxe en día a pesares da ampla variedade de produtos disponibles no mercado.

Se queres ver como aprendemos a comer san fai click aquí

 


 

24/2/2015

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

O 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro (Santiago de Compostela 1937 - Padrón 1885), autora esencial das letras galegas modernas e do panorama literario do século XIX. No día no que se cumpren 178 anos do seu nacemento, lembramos a súa obra recitando algúns dos seus poemas mais fermosos, como "Adiós ríos".

Se queres ver a nosa homenaxe a Rosalía, fai click aquí

 


 

9-13/2/2015

SEMANA DO ENTROIDO

Na semana do 9 ao 13 de febreiro celebramos a tan esperada festa do Entroido. Recibimos a visita do meco pescador que, dende o seu recuncho na entrada do cole, foi deixándonos mensaxes que debemos cumprir de non querer sofrir a súa terrible maldición (os profes tamén!). O mércores coñecemos o bonito disfrace tradicional de Entroido en Muíños, o cabreiro, cortesía do Concello, e o xoves tivemos un día moi divertido de comadres e compadres. O venres rematamos a celebración cun desfile polas ruas de Mugueimes, visitando aos nosos maiores na residencia Virxe da Clamadoira e pasando polo Concello antes de retornar ao colexio, onde nos agardaba un xantar cortesía dos nais e pais.

Se queres ver o ben que o pasamos na semana do Entroido, fai click en mércores, xoves, ou venres

 


 

30/1/2015

DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro celebramos O Día Escolar da Non Violencia e da Paz, aniversario do falecemento do líder pacifista indio Mahatma Gandhi. É un día de refléxión persoal e de descubrimiento da mensaxe universal da paz entre os pobos e cidadáns do noso mundo, paz que comeza na nosa contorna e na Escola.

Se queres ver a nosa celebración do Día da Paz, fai click aquí

 


 

23/1/2015

PLANTAMOS CARBALLOS

O venres 23 de xaneiro fixemos unha actividade realmente bonita: plantamos sementes de carballo americano (Quercus rubra) que foron amablemente doadas por Segundo, do servizo forestal da Xunta. Os nosos alumnos prepararon a terra, sementaron e regaron con moito tino os improvisados testos. Agora só falta agardar que medren sans e fortes.

Se queres ver como plantamos carballos fai click aquí

 


 

20/12/2014

FESTIVAL DE NADAL

O 20 de decembro foi un día moi especial no colexio Valle-Inclán. Despois dun longo trimestre de moito estudo e traballo, chegaba por fin o Nadal, tempo de celebracións, agasallos, e de merecido descanso. Para despedir o trimestre organizamos un gran festival no que houbo risas, malabares, acrobacias, xogos, e moita moita diversión grazas aos marabillosos Pepinitos, que nos ofreceron un fabuloso espectáculo. Ao rematar, tivemos a visita do paxe real que entregou agasallos aos nenos e tamén un saboroso xantar cortesía das nais e pais que nos visitaron.

Se queres ver o noso gran festival fai click aquí

 


 

15/12/2014

DECORACIÓN DE NADAL

Podedes ver o gran traballo que fixeron os nosos alumnos decorando o colexio para Nadal facendo click aquí

 


 

29/11/2014  e  5/12/2014

XOGOS TRADICIONAIS

Os venres 29 de Novembro e 5 de Decembro tivemos connosco a Lito, que nos ensinou a construír xoguetes e enredos musicais tradicionais, a partires de materiais cotiás e coas nosas propias mans. Pasámolo moi ben e aprendemos que nos tamén podemos ser artesáns.

Se queres ver o artistas que somos, fai click aquí

 


  

26/11/2014

COREN AGROEDUCA

O mércores 26 de Novembro de 2014 visitamos a granxa Coren en Cenlle, no marco do programa Agroeduca. Alí puidemos ver o funcionamento dunha cooperativa agrícola, e aprendemos cómo é o traballo diario nela cos animais e cos cultivos. Rematamos a xornada cunha degustación dos seus produtos.

Se queres ver a futuros granxeiros en acción fai click aquí

 


 

21/11/2014

SALVAMENTO ACUÁTICO

O venres 21 de Novembro de 2014 un técnico do Club Salvamento Salvour visitou o noso centro para facer unha presentación do deporte do salvamento acuático (técnicas de remolque, uso de material de salvamento, rescates, competicións en piscinas e praias, etc.). Foi una experiencia realmente amena e instrutiva.

Se queres ver cómo aprendemos a salvar vidas fai click aquí

 


 

20/11/2014

CHARLA DO SAPOCONCHO

O xoves 20 de Novembro de 2014 veu ao noso colexio persoal da Consellería do Medio Rural para dar a primeira dunha serie de charlas sobre o efecto dos incendios forestais nas diferentes especies de animais e plantas dos nosos montes. Esta charla estivo centrada na especie dos sapoconchos (tartaruga).

Se queres ver as fotos da charla, fai click aquí

 


 

10/11/2014

MAGOSTO

O luns 10 de Novembro de 2014 celebramos a festa do Magosto no colexio. Pasamos unha mañá de xogos súper divertida no pavillón, e rematamos cunha gran churrascada, castañas e sidra doce. E, por suposto, algúns marcharon coa cara un pouco tisnada...

Se queres ver o noso fabuloso Magosto fai click aquí

 


 

30/10/2014

TEATRO EN OURENSE

O xoves 30 de Outubro fixemos unha visita ao auditorio municipal de Ourense para ver a obra "Antía, Wamba e o regato pequeno", a cargo de A Tropa de Trapo. Os nenos pasárono en grande e acompañounos o bo tempo, unha mañá completa.

Non se podía usar a cámara durante a función, pero podes ver algunha foto da excursión facendo click aquí

 


 

29/10/2014

SAMAÍN

O mércores 29 de Outubro de 2014 celebramos un Samaín de MEDO no cole. Houbo cabazas terroríficas, vampiros, monstros, pantasmas, bruxas, sorpresas e moita moita diversión.

Se queres pasar un pouco de medo fai click aquí

 


 

8/10/2014

VISITA DA ONCE

O mércores 8 de Outubro de 2014 tivemos unha amena e instrutiva charla sobre a cegueira ofrecida pola ONCE. Os nosos alumnos aprenderon moitas cousas sobre as persoas con discapacidade visual e as axudas que empregan para facilitar a súa vida diaria.

Se queres ver o ben que o pasamos fai click aquí

 

Distribuir contido


by Dr. Radut