Convivencia no centro

Punto Laranxa

 

 

 

O Punto Laranxa é unha iniciativa desenvolvida ao abeiro do Plan Integral contra estas condutas impulsado pola Xunta de Galicia co fin de blindar que as contornas escolares sexan seguras, inclusivas e respectuosas e que os centros escolares conten cos recursos necesarios para poder previr, identificar e actuar ante estas situacións.

Este punto laranxa contra o acoso escolar ten un formato físico instanlado no edificio principal do noso centro  e outro virtual a través dos web.

http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipveleirodocampo/node/591

O seu funcionamento é como o dun buzón a través do cal o alumnado pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.

  Punto laranxa instalado no planta baixa do edificio principal

 

Buzón de convivencia

Este buzón (caixa de correos) de convivencia é unha ferramenta de comunicación para toda a comunidade educativa. Ten como obxectivo principal recoller información sobre a convivencia do centro que doutra maneira non se expresa. Unha vez recollida esta información, será derivada ao equipo de convivencia e activarase un protocolo de investigación e/ou actuación.

Ademais deste obxectivo, o proxecto da caixa de correos de convivencia perseguirá outros como:

– Recoller suxestións do alumnado para que o noso centro sexa inclusivo e máis amable.

– Utilizar a caixa de correos como unha forma comunicación cando outras vías non funcionan ou se esgotaron.

– Facer sentir a calquera que poida sufrir no noso centro que non está só/soa, se lle escoita e que se intentará axudar.

A posta en coñecemento deste proxecto trasladouse ao alumnado de todos os grupos desde "o Parlamento de Veleiro" en coordinación co equipo de convivencia do centro.

Para participar, o alumnado, preferiblemente, deberase de identificar co seu nome completo e o seu curso. A información que se nos faga chegar será tratada coa máxima confidencialmente.

Nun primeiro momento está situado na biblioteca do centro.

Parlamento do Veleiro Docampo

Dende o equipo de convivencia propoñemos recuperar o “Parlamento” como unha actividade vinculada á convivencia no noso centro.
O parlamento levarase a cabo o último venres lectivo de cada mes na hora do recreo. Nel participará un/unha representante de cada unha das aulas de educación primaria.
A primeira sesión parlamentaria será o vindeiro venres día 26 de xaneiro de 2024.

Os obxectivos desta actividade son:
• Crear no alumnado unha conciencia de cidadanía con deberes e dereitos.
• Analizar a realidade do centro e reflexionar sobre diferentes aspectos que melloren o benestar e a convivencia no centro.
• Formular propostas de distintas actividades e actuacións a realizar con motivo de conmemoracións e outras iniciativas relacionadas coa convivencia.
• Informar ao equipo docente sobre os resultados acadados trasladándolles a información dos acordos e propostas.
• Redactar textos escritos adecuados a cada contexto, expresando de forma clara as ideas que se queren transmitir.
• Expoñer e defender oralmente ante os seus compañeiros e compañeiras as propostas do seu grupo clase contestando tamén as preguntas formuladas polos demais compañeiros e compañeiras
• Participar nun debate parlamentario e chegar a acordos para a elaboración dun documento informativo de consenso ao final de cada sesión parlamentaria.
• Outros.

Coordinación de benestar e convivencia

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na redacción dada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece no seu artigo 124.5 que as administracións educativas regularán os requisitos e as funcións que debe desempeñar o coordinador ou a coordinadora de benestar e protección, que debe designarse en todos os centros educativos.

Segundo a ORDE do 23 de agosto de 2023 pola que se establece a figura da persoa coordinadora de benestar e convivencia nos centros docentes de Galicia,  a persoa coordinadora de benestar e convivencia designada pola dirección do centro de entre o profesorado do claustro, por un periodo de dous anos, é o mestre José Ángel Cruzado Iglesias.

 Funcións da persoa coordinadora de benestar e convivencia: (art. 3 da Orde do23 de agosto de 2023)

a) En coordinación co equipo directivo:

  • Coordinar o plan de convivencia e colaborar na súa dinamización xunto coa comisión de convivencia do centro.
  • Fomentar o uso de métodos alternativos de resolución pacífica de conflitos, para o cal velará pola incorporación e tratamento no PAT de contidos relacionados coas habilidades sociais, a intelixencia emocional, a resolución pacífica de conflitos, a mediación e a dinámica de grupos.
  • Identificarse ante o alumnado, o persoal do centro educativo e, en xeral, a comunidade educativa, como principal referente das comunicacións relacionadas con posibles casos de violencia no propio centro ou na súa contorna.
  • Informar o persoal do centro sobre os protocolos de prevención e protección de calquera forma de violencia.
  • Promover a comunicación inmediata por parte do centro ás forzas e corpos de seguridade do Estado.
  • Promover plans de formación en materia de prevención, detección precoz e protección da infancia e adolescencia.
  • Promover no centro unha alimentación saudable e nutritiva.
  • Promover, en situacións que poidan implicar un tratamento ilegal de datos persoais das persoas menores de idade, a comunicación inmediata por parte do centro educativo á Axencia Española de Protección de Datos.

b) En coordinación co departamento de orientación:

  • Promover medidas que garantan o máximo benestar da infancia e da adolescencia, da cultura do bo trato.
  • Colaborar no deseño e desenvolvemento de programas facilitadores de detección de dificultades de convivencia e de relación.
  • Fomentar o respecto polo alumnado con discapacidade ou calquera outra circunstancia de especial vulnerabilidade ou diversidade.
  • Coordinar, de acordo cos protocolos establecidos, os casos que requiran intervención por parte dos servizos sociais.
  • Promover a participación das familias.

c) En coordinación coas asociacións de nais e pais:

  • Promover plans de formación en materia de prevención, detección precoz e protección da infancia e a adolescencia, dirixidos ás persoas proxenitoras e a quen exerza funcións de tutela, garda ou acollemento.

 

Distribuir contido