logo

 

cabecera

Presentación da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG)


A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) é unha entidade de carácter pedagóxico e sociocultural que, atenta ás necesidades máis inmediatas dos docentes e da sociedade en xeral, ven realizando actividades desde a súa creación no ano 1976. Conta con máis dun millar de socios e socias e o seu lema fundacional Na procura dun ensino galego expresa claramente a intencionalidade da entidade de traballar para lograr un sistema educativo galego na expresión e nos contidos curriculares, organizado desde o coñecemento do propio país, e ao seu servizo. A actividade levada a cabo nestes anos pode agruparse nos seguintes planos:

1.- Plano sociocultural


Moitos docentes galegos participaron coa AS-PG na elaboración de material necesario para o desenvolvemento de currículos nos distintos niveis educativos. Así mesmo, a AS-PG forneceu de materiais audiovisuais as aulas


Especial atención merece o proxecto, feito realidade, de superar a única Historia da Literatura Galega que, con rigor e amor polo obxecto de estudo, se fixo despois da guerra civil, a do profesor Carvalho Calero
Nos proxectos socioculturais a actividade da AS-PG está encamiñada a conseguir a normalización plena da nosa lingua e da nosa cultura a todos os niveis e en todos os ámbitos da vida social de Galiza. Neste camiño aborda diferentes proxectos.

A Historia da Literatura Galega

Especial atención merece o proxecto, feito realidade, de superar a única Historia da Literatura Galega que, con rigor e amor polo obxecto de estudo, se fixo despois da guerra civil, a do profesor Carvalho Calero. Para este traballo facíase preciso enfrontar a tarefa colectivamente, para que a superación fose cuantitativa (abordando desde a Idade Media e, con amplitude, a etapa coetánea) e cualitativa (a actualización crítica do noso pasado literario). O resultado foron 50 volumes, coas obras máis representativas da literatura galega, acompañadas dos correspondentes fascículos, a cargo de especialistas, para esclarecer o período, analizar os textos e avaliar a súa vixencia. Quincenalmente, durante tres anos, desde xaneiro de 1996 até outubro de 1998, foron aparecendo libros e fascículos, con tiraxes medias de 3000 exemplares, até constituíren, os fascículos, 5 tomos sobre o noso percorrido literario até os nosos días.

Semanas do libro e a lectura

Rematado este proxecto, no 1999 a AS-PG comeza a colaboración co concello de Pontevedra na programación do Salón do libro infantil e xuvenil, manténdose esa colaboración até a actualidade; no ano 2006 e 2007 esta iniciativa, en colaboración coa Consellería de Cultura trasládase a diferentes entidades locais e a AS-PG organiza catro Semanas do libro e a lectura nos concellos de Carballo, Viveiro, Ribadavia e Pontedeume. Posteriormente sumáronse Moaña, Allariz, Tui, Barbadás, Meira, Oleiros... Na actualidade segue realizándose a Semana de Carballo. As semanas constan de varias actividades paralelas, dende exposicións de libros infantís e xuvenís até obradoiros para o alumnado dos centros de ensino da zona, cursos de formación para o profesorado e actividades de animación á lectura abertas ao público xeral.

Normalización e dignificación do idioma

A AS-PG participa e promove, de forma exclusiva ou en colaboración con outras entidades, en proxectos de normalización e dignificación do idioma galego. Entre estas iniciativas cabe salientar Ciberlingua e Correlingua ou proxecto Tíralle da lingua, dirixido a escolares e profesorado de toda Galicia

A AS-PG foi a principal valedora da normativa de mínimos do galego. En 1980 publicou as Orientacións para a escrita do noso idioma. Estas Orientacións guiaron a práctica do uso do galego de todas aquelas organizacións e persoas máis comprometidas con el. Após moitos anos, a normativa oficial foi asumindo moitas bases e criterios daquelas Orientacións, regresando con lentitude a un espírito e concepción lingüística que, ao cabo comezou a perfilar un certo diálogo, do cal a AS-PG foi motor, para unha concordia que se plasmou na reforma da normativa oficial do galego en 2003.

Así mesmo a AS-PG forma parte da plataforma Queremos Galego!

O Proxecto Terra, diferentes congresos dirixidos tanto ao profesorado como ao público interesado, como pode ser o Simposio sobre Lugrís Freire, o Congreso de Música Tradicional Galega ou o Congreso pola recuperación da memoria histórica «Destecendo a memoria», por citar só algúns, son exemplo de outras actividades da AS-PG

2.- No plano pedagóxico


O traballo da AS-PG desde a súa fundación conforma un ronsel de feitos, actividades, prácticas e logros de incidencia máis que notábel no campo educativo, lingüístico, cultural, artístico e científico, de transcendencia na preparación do profesorado en xeral, no alumnado e na vida social e cultural de Galicia
As actividades pedagóxicas da AS-PG, para achegar os docentes ou aspirantes á docencia á globalidade da cultura galega e mesmo universal, desde unha perspectiva galega, son constantes, exemplificadas desde 1976 polas Xornadas do Ensino, mais tan diversificadas temática e xeograficamente que podemos falar de que é a máis activa escola de formación e reciclaxe do profesorado, fóra da formación regrada e oficial. O complemento ineludíbel a estas actividades formativas, as publicacións didácticas en formato de libro e audiovisual, editadas pola AS-PG ou en colaboración con editoriais comerciais, non tardou en aparecer. Moitos docentes galegos participaron coa AS-PG na elaboración de material necesario para o desenvolvemento de currículos nos distintos niveis educativos.

Así mesmo, a AS-PG forneceu de materiais audiovisuais as aulas. Xa na década dos 80 a literatura, a arte e o patrimonio en xeral, temas de ciencias naturais, da etnografía e da física, víronse acollidas en vídeos ou CD-ROM, de intención didáctica e análise e avaliación conclusiva. Esta faceta, pola súa calidade educativa, mereceu premios en distintas ocasións, de institucións públicas e privadas, en bienais de vídeo ou en festivais de cinema.


Sendo conscientes de que o sistema educativo non se cingue só nin exclusivamente ao traballo dentro das aulas, a AS-PG leva a cabo programas de intervención socioeducativa con colectivos de pais e nais


Estas actividades, sob a denominación Aprender para educar iniciáronse en Compostela e continúan noutras localidades
3.- No plano socioeducativo

Sendo conscientes de que o sistema educativo non se cingue só nin exclusivamente ao traballo dentro das aulas, a AS-PG leva a cabo programas de intervención socioeducativa con colectivos de pais e nais, fomentando a súa participación na vida dos centros educativos, a intercomunicación como fórmula para mellorar as expectativas do sistema educativo, así como iniciativas destinadas ao alumnado, levadas a cabo fóra do centro educativo e que necesariamente complementan a súa formación e o desenvolvemento da súa personalidade. Estas actividades, sob a denominación Aprender para educar iniciáronse en Compostela e continúan noutras localidades.

O proxecto e-ducando

O proxecto e-ducando, é un proxecto de clara vocación social a través do cal a AS-PG pretende abordar a progresiva implantación da educación dixital, facilitando un acceso óptimo e seguro das xeracións máis nova ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Aínda que non forma parte deste proxecto si se pode relacionar con el o proxecto denominado espazos web de interese socioeducativo. Neste portal AS-PG pretende ofrecer un catálogo temático de recursos que se poden encontrar na web con fins socioeducativos, con información sobre a súa calidade, adecuación a determinadas idades, seguridade do sitio en que están, etc.

Os portais de xogos


O proxecto e-ducando, é un proxecto de clara vocación social a través do cal a AS-PG pretende abordar a progresiva implantación da educación dixital, facilitando un acceso óptimo e seguro das xeracións máis nova ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación
A AS-PG elaborou un conxunto de xogos en liña co obxectivo de contribuír a galeguización dun espazo do lecer e o xogo, que na actualidade sofre unha importante carencia de posibilidades pensadas desde Galiza.

O trivial.gz é o primeiro dos xogos postos na rede pola AS-PG. O seu éxito foi inmediato e desde a presentación pública, que tivo lugar o 10 de abril de 2006 no Xuventude Galicia.net, non deixou de aumentar o número de usuarios. Outro xogo é o CataPalabras, un xogo no que poden participar de dous a catro xogadores que consiste basicamente en que cada quen escriba palabras que encaixen en certas categorías elixidas ao azar (froitas, animais etc.) e que comecen por unha letra determinada obtida tamén aleatoriamente a través dun dado de 20 caras. Letrad@s consiste en formar palabras de dúas ou máis letras e colocalas no taboleiro cuadriculado horizontal ou verticalmente, de xeito que poidan ser lidas de esquerda a dereita ou de arriba a abaixo. O xogo da curuxa é, o derradeiro dos xogos postos na rede pola AS-PG. O xogo está baseado no xogo da oca e, a diferenza do xogo clásico, cando o/a xogador/a cae nun cadro deberá superar unha proba para poder ficar nel, evitar un castigo etc.

O traballo da AS-PG desde a súa fundación (do que aquí se menciona unha mínima parte) conforma un ronsel de feitos, actividades, prácticas e logros de incidencia máis que notábel no campo educativo, lingüístico, cultural, artístico e científico, de transcendencia na preparación do profesorado en xeral, no alumnado e na vida social e cultural de Galicia. Con estes antecedentes está a preparar os novos proxectos.

Rúa Laracha, 9-baixo
15.010 A Coruña
Tfno. e Fax. 981 278 259
Correo electrónico: informacion@as-pg.com